A SÚA VOZ NON TEN PROGRAMA PROPIO NIN NA TELEVISIÓN NIN NA
RADIO, SENÓN A TRAVÉS DA MIRADA ANGUSTIADA DE QUEN NON TEN CASA OU TEN QUE
ABANDONAR O SEU PAÍS PARA SALVAR A SÚA VIDA.
TRABALLEMOS PARA FACER DA VIDA ACOMPAÑAMENTO NO CAMIÑO DO
INVISIBLE AO VISIBLE
Descarga o ficheiroCANTO GOZOSO
ENTRADA: Que ledicia a
miña (Nº 4)
LECTURAS: As túas
palabras, Señor, son espírito e vida (Nº 113)
OFERTORIO: Grazas, Señor,
na mañá (Nº 117)
COMUÑÓN: Déixate querer
(Nº 61)
PARA NON PERDER O PASO
Somos invitad@s hoxe
desde as palabras de Xesús a, como noutro tempo o foi Pedro, a ser pedras. Pedras
de esquinal, pedras que asentan, pedras que non esmorecen nin caen cando as
cousas van en senso contrario ao que pensabamos que deberían ir. Nunha palabra,
Xesús invítanos a ser pedras construtoras do mundo como casa onde se acolle;
casa na que as fronteiras non se pechan senón que están permanente abertas para
ir e vir; pedras desde onde construír pontes que unen e achegan e non muros que
poñen distancia entre nós. E para iso non nos queda outra que ter os oídos
atentos, como os tivo Samuel, á voz que Deus nos dirixe a través do berro,
moitas veces desgarrador, das persoas que son contadas como números e tratadas
coma cousas.
Fagamos logo desta
celebración que agora comeza rebelión interior que cambie a nosa vida e non se
deixe levar polo desleixo.
CO CORAZÓN FERIDO
* Porque ante a
chamada de Deus, nós respondemos con escusas e afastamento; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.
* Porque ante a
chamada de Deus, facemos oídos xordos; CRISTO,
NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.
* Porque ante a
chamada de Deus respondemos dándolle as costas á dor e tristura do irmán; SEÑOR, NON CANSES DE CHAMAR POR NÓS.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
·
Como ocorría con Samuel, tamén Deus nos chama
hoxe a nós. Si, inda que nos resulta difícil crelo e entendelo. Pero, non nos
enganemos, a súa chamada non é unha voz de ultratumba, senón unha voz que se
manifesta no silencio buscado para a reflexión sobre o que queremos e como
buscamos cada día ese querer; no silencio de quen se achega a quen está
descolgado da sociedade de triunfo e papel de celofán que nos queren vender, e
que vai deixando aos lados persoas esquecidas e ignoradas; na palabra
acolledora, na man apertada desde o corazón e a mirada limpa; tamén no barullo
onde hai conflito, incomprensión e moita rabia. Aí e alí, sempre está Deus. O
que ocorre é que non queremos poñer nin a orella para escoitalo nin os ollos
para velo. E non digamos xa o corazón! Pero Deus está, segue facendo camiño,
inda que nós o neguemos, o apartemos ou pretendamos silencialo. Porén, Samuel
si que estivo atento e co oído fino para responderlle. Todo un exemplo ao que
esta mañá e sempre, somos invitados. Oxalá poidamos dicir tamén: "aquí estou, Señor, porque me chamaches".
·
Esforcémonos logo por facer da súa vontade
proposta na que nos situemos na vida, sabendo que a vontade de Deus non é
imposición, senón camiño compartido e compaña agradecida. Como non cansa de
dicir o papa Francisco, a vontade de Deus pasa pola "revolución da tenrura" por parte das persoas que nos chamamos
seguidoras súas. Isto supón converter a paciencia en espera proactiva, e a
loanza en primereo libre e gozoso no que anunciemos e transmitamos ao Deus que
temos descuberto cada un e cada unha de nós como compañeiro de camiño nas luces
e sombras. Un camiño que imos facendo cada día e que non é unha carreira ás
présas por ver quen o remata antes. E neste camiño ímonos descubrindo
corporeidade a través da que imos realizando o proxecto de Deus; unha
corporeidade que non se queda a mirar retábulos, vestir santos ou consumir
tempo "pseudo–devocional". Non. A corporeidade desde a que imos
facendo da vida e do mundo proxecto de Deus pasa por esforzarnos en facer ben
as cousas cada día, sendo responsables no traballo, respectuosos coas opinións
dos demais, e sinceros e auténticos na coordinación entre o dicir e o actuar de
cada un/ha de nós. Fagamos logo templo desta corporeidade poñendo o mellor de
nós en ser felices, e todo o esforzo por tentar que os demais tamén o sexan.
·
E isto supón moita capacidade de desprendemento
e pouca de apego. Pero resulta que nós imos invertendo os termos, e poñemos
moito apego e pouco desprendemento, de aí que a vida non pode ser outra cousa
máis que tarefa para non deixarnos vencer por esta tentación. Busquemos entón o
que nos achega a Deus, que non pode ser outra cousa que aquilo que fai que o
rostro do irmán entristecido poida sorrir; e o corazón da irmá matratada,
abusada ou invisibilizada se volva presenza recoñecida e dignidade defendida.
Isto vainos pedir abandonar as nosas zonas de conforto, como descubriron os
discípulos que facía Xesús. Por iso o seu morar era un morar en permanente
esforzo por poñer no centro ás persoas, sen medo a abandonar estruturas e
comportamentos adormecidos, cando non mortos. Xesús con pouco fixo moito; nós,
tantas veces con moito, que pouco facemos!
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Señor,
invítasnos a prestar atención á túa voz, que nos fala a través da voz dos irmáns
e das irmás. Convencid@s de que esta é a nosa tarefa, digamos:
QUE A NOSA NON SEXA VOZ
DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que non sexamos
unha Igrexa que se limita a mirar, sen comprometerse na busca de solucións aos
cos problemas e dificultades dos homes e mulleres do noso mundo; Oremos.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ
DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que
sexamos comunidades parroquiais vivas, alegres e dispostas a participar da
alegría do Evanxeo; OREMOS.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ
DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Para que a nosa
vida non se deixe levar do conformismo, a rutina e a falta de ilusión por ser persoas
máis xustas e traballar para que outras tamén o sexan; OREMOS.
QUE A NOSA NON SEXA VOZ
DE SUSTO, SENÓN DE CONFIANZA
Grazas,
Señor, por espertarnos do soño conformista, que non nos deixa camiñar poñendo
os pés nos problemas da terra e a esperanza na busca de solucións unindo e non
separando. P.X.N.S. Amén.
PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
Se eu quixer falar con Deus,
teño que quedar a soas,
teño que apagar a luz,
teño que calar a voz,
teño que encontrar a paz
teño que afrouxar os nós dos zapatos, da
garabata,
dos desexos, dos receos.
Teño que esquecer a data,
teño que perder a conta,
teño que ter as mans baleiras,
ter a alma e o corpo espidos.
Se eu quixer falar con Deus
teño que aceptar a dor,
teño que comer o pan que o demo amasou.
Teño que lamber o chan
Dos palacios, dos castelos suntuosos do
meu soño.
Teño que verme triste,
teño que atoparme mal,
e malia iso, alegrar o meu corazón.
Se eu quixer falar con Deus,
teño que aventurarme
teño que subir ao ceo sen cordas de
seguridade.
Teño que dicir adeus
Afastarme e camiñar decidido pola
estrada
decidido pola estrada
Que ao cabo do día vai dar
en nada do que pensei atopar.
(Gilberto Gil)
Comentarios