Ir al contenido principal

7 Domingo TO 2019 C

FAGAMOS DA IMAXE DE DEUS PRESENZA VIVA CO NOSO ACTUAR CON OLLOS ABERTOS
Cantos
Entrada.- Non vou só  ( 60 )
Lecturas.- Douvos un mandato novo   (18 )
Ofertorio.- Pan do ceo  (53 )
Comuñón.- O amor é o meirande  (  120 )
Mirando ás beiras
No mundo actual é fundamental ser persoas con capacidade de saber estar e escoitar. E isto, inda que nos pareza o contrario, non é nada doado, porque a presenza supón non algo simplemente físico, senón capacidade de ser persoas receptivas e pendentes da realidade que nos conforma e das preocupacións ou ansias de con quen estamos. Asemade, a escoita é unha verdadeira disposición a poñer o noso tempo e o noso corazón a prol das persoas ás que nos achegamos . Non é un simple poñer orella, necesitamos tamén sinxeleza para non espantarnos, humildade para non crernos mellores e sinceridade para recoñecer que nin somos perfectos nin o sabemos todo. Por iso necesitamos, máis ca nunca, abrir moito os ollos e ensanchar o máis posible o corazón para compartir, desde a nosa escoita, a riqueza do Evanxeo de Xesús, que non nos pide grandes tratados teolóxicos, senón tomar en serio o que El nos di: quérote, e quérote como es.
Corazón misericordioso
  • Polas veces nas que facemos do amor interese e non sinceridade. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE FIARNOS DE TI.
  • Porque pechamos os ollos diante da dor e o desacougo de quen está ao noso lado. CRISTO, QUE NON DEIXEMOS DE FIARNOS DE TI.
  • Porque non cansamos de facer da nosa vida individualismo e presa. SEÑOR, QUE NON DEIXEMOS DE FIARNOS DE TI.
Palabra encarnada

  • A amizade é un don que non tódalas persoas teñen, inda que se lles encha a boca de dicir que son amigos de moita xente. E iso é así porque os dons recíbense e acóllense para facelos crecer e madurar. A verdadeira amizade non traizoa nin impón a propia comenencia, senón que se da e comparte como gratuidade vivida tanto nos momentos de ledicia como nos de dor. A/o amig@ non foxe no momento dos problemas e dificultades senón que sabe achegarse e escoitar, sen buscar facer xuízos ou emitir sentencias. Desde esta clave achegámonos ao Deus da misericordia e da clemencia, ao Deus de Xesús. Non foi o interese, a comenencia ou a rendibilidade o que o levou a encarnarse, a facerse un dos nosos, senón o amor. Ese amor que se dá de xeito xeneroso e de balde, ese amor capaz de esperar e que non se deixa levar das présas, ese amor que non pon en marcha o cronómetro para contar os minutos ou as horas que lle dedicamos aos demais. A misericordia e a clemencia de Deus, son dúas invitacións para que tamén nós fagamos da escoita pilastra que manteña sempre viva a chama da amizade cos demais e co proxecto que o Deus de Xesús ten para nós. Porque o amor non é traizón senón confianza.

  • Na comunidade de Corinto había loitas de poder entre uns e outros, o que leva a Paulo a escribirlles e lembrarlles que, do mesmo xeito que con liberdade se quixeran incorporar ao seguimento de Xesús, con esa mesma liberdade, e non polo interese nin por posición social, tiñan que tratarse e respectarse uns aos outros. O clasismo, a diferenza, o crerse mellores e máis perfectos, non eran máis ca desviacións do camiño de sinxeleza e coherencia de vida dos que falara, e quería, Xesús. Paulo dille que o seu ten que ser un vivir en cristián cos ollos abertos. Os ollos abertos dos pequenos xestos, da dispoñibilidade, da capacidade de perdoar, da superación da tentación de pensarse puros e sen contaminación, da... tarefa permanente de recoñecerse continuador agradecido do proxecto de Xesús desde a superación da envexa, o rancor, a discriminación ou a separación que marca diferenzas e pon distancia entre uns e outr@s. Que actualidade segue a ter esta palabra de Paulo vinte e un séculos despois! Esforcémonos, sabemos que a tod@s nos custa e non facemos sempre tódalas cousas ben, por facer o ben, acrecentar a misericordia en nós, non calar ante o abuso ou a inxustiza... en irlle dando voz aos que non a teñen. Superar atrancos e acadar logros non só é un reto persoasl senón a expresión de que somos capaces de construír entre tod@s sen necesidade de que nolo manden, senón de seu. Aquí está o verdadeiro esforzo ao que nos invita ser crentes hoxe!

No Evanxeo vemos como ese paso pídenos un esforzo permanente. Que senón confesar que somos persoas de esperanza? Un esforzo que supón aprender a estar sen facer que nos vexan, a escoitar sen necesidade de anunciarnos con altofalantes,acompañar sen facer barullo coas nosas pisadas,e... comprender sen xulgar nin emitir xuízos que entristecen o corazón e apagan calquera intento de facer sorrir cos ollos. A claridade de Xesús pasa hoxe por non facer do silencio xustificación de esquecemento e abandono das persoas; non facer da defensa dos propios intereses colaboración co mal e o sufrimento causado aos máis débiles; non facer da mentira xustificación de grupos, institucións ou imposicións de grupos que non buscan o servizo evanxélico aos demais, senón conservar privilexios e manter o “estatus” de poder e dominio das conciencias dos demais. Xesús chámanos a non deixarnos dominar para facer do amor cerne no que construír a nosa vida para facer do servizo, e non da condena o noso xeito de tratarnos e relacionarnos uns cos outr@s, para ser unha Igrexa que non se cre nin mellor nin máis pura nin santa para impoñer cargas no canto de acoller e acompañar. Como diría Francisco, traballemos por ser unha verdadeira Igrexa en saída. Pero fagámolo tod@s. A Igrexa será o que nós queiramos que sexa.

Pés no chan e confianza en Deus
Porque o Deus de Xesús non é un Deus morto, senón de vida, dicimos: Grazas por invitarnos a non xulgar aos demais.
  • Para que sexamos unha Igrexa en saída que non xulga senón que escoita e acompaña. Oremos. Grazas por invitarnos a non xulgar aos demais.
  • Para que tomemos conciencia que a Igrexa somos tod@s nós, e que cambiará se nós facemos o esforzo por cambiar e non vivir de ritos e tradicións do pasado. Oremos. Grazas por invitarnos a non xulgar aos demais.
  • Para que teñamos sempre presente que o que mostra a actualidade, a forza e o sentido de crer hoxe en Deus non son as grandes palabras senón os feitos, os nosos feitos. Oremos. Grazas por invitarnos a non xulgar aos demais.
Señor, que deixemos que o teu amor transforme o noso xeito de mirar a realidade e de esforzarnos por cambiala, para que paseniñamente academos o teu proxecto de irmandade e fraternidade  que constantemente nos urxes a construír. P.X.N.S. Amén.


Latexando tenrura no corazón
Esforcémonos sen cansar, neste mundo líquido, plural e individualista por: “Facer unha presentación de fe amable, desde a amabilidade e o aprezo ás persoas destinatarias. Polo tanto, sen arrogancia, aires de superioridade e sen reproches que indiquen no fondo ou se poidan percibir como desprezo ás persoas que se acheguen á Igrexa. Un perfil eclesial que se identifica moito coa reprimenda moral ou co fariseísmo non axuda nada”.

(Gabino Uríbarri Bilbao,Sj. Teología de ojos abiertos. Doctrina, cultura y evangelización.Px.139)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...