Ir al contenido principal

3 coresma 2019


Coidar e curar unha tarefa na coresma e sempre
Cantos
Entrada.- Camiñarei na presenza ( 12 )
Lecturas.- Señor Xesús, bendito sexas ( 52 )
Ofertorio.- No colo de miña nai ( 49)
Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas ( 50)
Sinal de Coresma
      Engadimos no taboleiro unha nova palabra desde a que ir preparando a coresma. O noso corazón esta semana invítanos da camiñar desde a reflexión sobre as persoas enfermas.
Oídos atentos
Neste terceiro domingo de coresma e ao abeiro da festa da Anunciación, tentamos  facer unha mirada do noso mundo desde o si ao respecto e coidado da vida. Respecto e coidado, si, porque a vida non é só nacer, senón que o nacemento  prolóngase no acoller, querer e implicarse para que non haxa vidas esquecidas, silenciadas, maltratadas, abusadas ou suprimidas, e sempre desde o respecto á casa común, onde a vida se desenvolve e  crece. O que fai que o noso si á vida como seguidores de Xesús vaia creando en nós a conciencia de que toda vida é igual, e para que isto poida ser son necesarios: traballo, casa, terra e recoñecemento, sempre; non só cando interesa e convén. Non é unha cuestión  que nos enlee  en discusións políticas, senón pura e simplemente ten que ser un compromiso de humanidade e da humanidade. Que este  novo domingo de coresma non pase de xeito rutineiro por nós. A mirada, desde que hoxe imos celebrar, ha ser unha mirada de coidar e coidar vidas. Tódalas vidas.
Corazón misericordioso
·      Por non coidar a nosa maneira de relacionarnos uns cos outros. Señor, que non descoidemos ser coidadores de vida.
·      Por non poñer o noso empreño en coidar a Casa común na que crecen e viven as nosas vidas. Cristo, que non descoidemos ser coidadores de vida.
·      Por calar ante a dor violenta na que se desenvolven as vidas  das persoas máis débiles e necesitadas . Señor, que non descoidemos ser coidadores de vida
Palabras para remoer o corazón e orientan o noso actuar
·      Porque a vida é un permanente coidado de amor, é tarefa dos seguidores de Xesús traballar cada día para que o seu / noso actuar mostre o convencemento do que afirma/mos e expresa coas súas /nosas palabras. A aposta for facer da vida compromiso e testemuño, non está nin en berrar alto nin en desautorizar a quen non mantén unha mesma  visión ante a mesma situación, senón na capacidade de atender, escoitar e mirar a quen se dirixe a un, para buscar entender canto di – non só  a través das súas palabras, senón desde a súa vida, o sufrido e o incomprendido. Porque moitas veces as tomas de postura ante cuestións da vida son froito da dor experimentada e incomprendida – e fai. Esta é unha tarefa permanente na que os cristiáns  nos temos que mover cando falamos da vida, sen  buscar colocar a nosa resposta feita, sen ser capaces de facer o esforzo por prestar atención ao sufrimento e incomprensión de tantas persoas ás que a vida  non ten sido doada, senón máis ben todo o contrario. De aí que, hoxe máis que en ningún outro tempo, é necesario educar no discernimento e non na imposición normativa universal, sen ter en conta ás persoas e todo canto elas viven ou viviron. A vida, a diferenza dos siloxismos gregos, non se fai en BARBARA – universal e afirmativo – como se tódalas vivencias e experiencias fosen iguais para tod@s e ao mesmo tempo. Como di Francisco:  o tempo é superior ao espazo”, polo que toda causa e situación debemos vela en perspectiva, sen esgotala nun feito. Entre negros e brancos hai sempre moitas tonalidades de grises. E cando falamos da vida, é necesario non esquecelo. O casuísmo quedou xa moi atrás; necesitamos camiñar, construír e asumir a pedagoxía da opción fundamental que avanza sen xulgar, e madura sen xustificar.
·      Amar a vida supón entón ser construtores de vida sempre, non só cando falamos dos demais, pero logo somos incapaces de aplicárnolo. Ninguén quere sufrir nin facer da dor vieiro da súa vida; e se houbera alguén que o quixese facer, ninguén  llo vai impedir, pero non ha supor impoñer o seu criterio aos demais . Deus chámanos polo noso nome, coñécenos e quérenos, non a eito, senón de xeito persoal . Por iso tamén podemos dicirlle que nos deixamos seducir por El, porque non nos coloniza senón que nos respecta e acompaña. E desde aquí é onde a vida se fai verdadeiro valor a coidar e coidar . Que non enfrontar e impoñer. Deus salva, pero a súa non é unha salvación de quen manda para que outros obedezan, senón unha salvación que fai da experiencia de cada día un encontro de solidariedade e compromiso pola persoas, por tódalas persoas.

·      E como o amor non é un arrouto, senón unha aprendizaxe, temos que esforzarnos, con honestidade , por facer da vida camiño e proceso de crecemento. Fronte a unha cultura que moitas veces non distingue nin diferenza, senón que mestura e despersonaliza. O si á vida ha ser sempre un camiño de crecemento, e  maduración, onde non todo da igual nin é o mesmo. Traballemos logo para que en nós o si á vida sexa aprender a estar sempre ao lado dos pequenos e sinxelos. Os preferidos do “mestre”.
Confianza desde onde compartir
Deus fíxose un do nos@s ao asumir a condición humana, facendo que tódalas vidas foran iguais e merecedoras do mesmo coidado e respecto. Co agradecemento co que acollemos este comprimise de amor, dicimos: Señor, que sexamos coidadores e curadores de vida.
·      Para que entre tod@s construamos unha Igrexa fiel ao Evanxeo e comprometida coas causas das persoas empobrecidas do noso mundo. Oremos . Señor, que sexamos coidadores e curadores de vida.
·       Para que a nosa opción pola vida non sexa só unha frese, senón un compromiso por coidar, respectar, favorecer e acoller toda vida e tódalas vidas, sen desprezar nin excluír ningunha. Oremos. Señor, que sexamos coidadores e curadores de vida.
·      Para que traballemos as actitudes persoais e sociais , e así facer posible un compromiso a favor dos máis débiles e indefensos do noso mundo. Oremos. Señor, que sexamos coidadores e curadores de vida.
·      Para que maiores, enfermos e persoas indefensas sexan sempre prioridade no noso compromiso a favor da defensas da vida. Oremos. Señor, que sexamos coidadores e curadores de vida.
Señor e Deus da vida encarnada no proxecto de amor de Xesús. Alenta sempre o noso compromiso na defensa da dignidade de tódalas vidas. Ti que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.
Aquecendo o corazón
 “... Un novo suxeito eclesial está nacendo, é un suxeito que complementa, que reforza as accións de toda a Igrexa, en alianza con tódalas mulleres e homes de boa vontade, con organizacións dos pobos orixinarios, con organismos internacionais e rexionais, para dicir: Necesitamos un cambio!”. Podemos dicir ao respecto que o Sínodo para a Amazonía é unha oportunidade especial para animar cambios profundos sobre a maneira na que a Igrexa pode acompañar e responder aos sinais dos tempos actuais que ameazan a vida dos biomas, o futuro dos pobos orixinarios e as súas culturas, e aquilo que pon en risco ás futuras xeracións... é un grito de vida, un grito ante o cambio...queremos que teña un eco global, acompañando ao Papa Francisco e afirmando que a Laudato Si simplemente non pode morrer, simplemente non podemos permitir que se apague e ten que converterse nun elemento orgánico da nos propia identidade. Por todo iso,é imprescindible acompañar este camiño para  tamén responder a estas conversións tan urxentes, incluíndo a conversión pastoral”
                                                   (  Secretario da REPAM  - Rede Eclesial Pan Amazónica- )
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...