Ir al contenido principal

1 Coresma 2018 TO C


Tempo de preparar para logo colleitar
Cantos
Entrada.- Camiñando pola vida ( 9 )
Lecturas.-  Quédate, Señor, connosco ( 63 )
Ofertorio.- Velaquí, Señor, o viño ( 37 )
Comuñón.- No colo de miña nai ( 49)
Sinal de Coresma
         Estamos no tempo de coresma. Vemos que xa non hai flores na igrexa, as vestiduras litúrxicas adoitan ser moradas, non rezaremos o gloria, os cantos invítannos a poñernos no camiño da conversión e da austeridade... toda unha serie de sinais para dicirnos que fagamos un alto no camiño e revisemos actitudes e comportamentos.
         Para axudarnos propoñemos de novo un sinal desde o que visualicemos que este camiño non son palabras, senón que nos pide actitudes a feitos que mostren que verdadeiramente nos queremos andalo. Aproveitando o taboleiro que utilizamos noutras veces, poñemos nel unha cartolina de cor morada e sobre ela cada semana iremos colocando  un corazón debuxado en papel e no medio del escribiremos unha palabra que responda á actitude que destacar ao longo de cada unha das cinco semanas deste tempo. Ao final teremos conformado un debuxo que nos mostra o camiño que fomos percorrendo ao longo dos corenta días de preparación á pascua. Esta semana a actitude a traballar é ESPERANZA.
Oídos atentos
Comezamos o mércores da Cinsa este tempo coresmal. Quere ser un tempo para mirarnos e detectar onde están as eivas da nosa vida que temos que ir cambiando cada día.
Para moit@s a coresma xa non é nada; é máis, son lembranzas de tempo triste e de non comer carne os venres; para nós, segue a ser un privilexio que a liturxia nos ofrece para que non nos creamos intocables e perfectos. Coresma queren ser corenta días nos que vaiamos tomando conciencia de que aquilo ao que non lle poñemos atención, que aquilo que non coidamos nin lle dedicamos tempo, aquilo que sabemos que non facemos ben, se non nos esforzamos por deixalo atrás e cambiar, sempre nos impedirá poder gozar do sentido de esperanza e plenitude que nos trae a pascua do Resucitado. Aproveitemos, entón este tempo para facer da vida cambio e transformación que deixe atrás as nosas teimas e rutinas.
Corazón misericordioso
·      Porque queremos deixar atrás todo canto non deixa que a fe sexa liberadora. Señor, que non deixemos endurecer o corazón.
·      Porque queremos deixar atrás o vello que nos fai perder a alegría e frescura que nos ofrece a fe en Xesús. Cristo, que non deixemos endurecer o corazón.
·      Porque queremos deixar atrás a nosa incapacidade para ver o mundo con ollos de acollida e misericordia. Señor, que non deixemos endurecer o corazón.
Palabras para remoer o corazón e orientan o noso actuar
·       Escoitar o clamor. Esta é a frase desde onde poderiamos enmarcar este comezo do tempo de coresma pola nosa parte. O clamor que cada día vemos e escoitamos ao noso redor; o clamor que cada día vemos e escoitamos nas persoas que son maltratadas, nas persoas para as que a dignidade non é máis que unha palabra que os que abusan delas baleiraron de contido; escoitar o clamor de tantos nenos e nenas que confiando nos maiores ven como son abusados e reducidos a cousas ou obxectos de pracer polos que teñen poder, moral ou económico, neste noso mundo onde sobra distracción e falta compromiso. Escoitar o clamor, nunha palabra pídenos que non quedemos nunha coresma puramente formal e de ritos, senón nunha coresma de cambio de actitudes e capacidade para facer da nosa mirada, non escape ante os problemas, senón esixencia que nos leve a unirnos ás causas xustas das persoas do noso mundo. Sexan persoas que están lonxe e non coñecemos, ou persoas que temos preto e vemos que para elas o respecto, a dignidade, a decisión libre ou a fraternidade, real e non unicamente nomes sen contido, non acaba nin de chegar nin de concretarse.
·       E non seremos endexamais capaces de escoitar o clamor se non facemos o esforzo de pasar dunha fe externa –periférica– froito da tradición cultural ou dos costumes, a unha fe persoal, froito da nosa reflexión e compromiso; unha fe liberadora que envolve a nosa vida e inflúe na nosa maneira de mirar a realidade e de loitar por cambiala. Porque non nos gusta. Disto era do que lles falaba, e insistía con vehemencia, Paulo aos cristiáns que había naquel momento en Roma, que non eran moitos. Pero que si estaban chamados a se  referencia e testemuño crible e sincero do que eles afirmaban sobre o que supuña e significaba Xesús de Nazaret nas súas vidas. Mesmo estas son tamén palabras que se dirixen hoxe a nós para dicirnos que se queremos que a fe non desapareza, que a fe non acabe reducida a folclore e ritos que, poden ser espectaculares pero non comprendemos, é necesario que creza e madure non coma froito do que fan tod@s, senón como esixencia das nosas decisións e das accións e actitudes que libremente tomamos e desde as que imos construíndo todo canto somos. E que se pode concretar no ser persoas que sabéndonos no mundo, non escapamos del, senón que nos comprometemos realizando accións que non dan por bo nin por xusto o que vemos, e non calamos, senón que actuamos, ante as inxustizas que día a día fan que nos sintamos persoas enganadas e tratadas coma se foramos monicreques por parte de quen ten poder, cartos ou capacidade para crear opinión e influír sobre nós. E para iso a palabra que escoitamos cada vez que nos reunimos para celebrar e compartir, ha estar non só na orella, senón no oído  temos que poñerlle atención-, no corazón para ir facendo estilo de vida –do reborde do corazón fala a boca, nos dicía o evanxeo o domingo pasado– na boca porque o que dicimos ha ser expresión do que sentimos e tamén nos pés e nas mans para movernos e actuar sen deixarnos levar do que, interesadamente, nos din ou contan.
·       Poñernos en actitude de non deixarnos nin gobernar nin manipular por quen nos busca de xeito interesado –e hoxe son moitas as persoas que o fan– aseméllanos a Xesús, tal e como acabamos de escoitar no evanxeo. Tamén a El lle chegaba a tentación do poder, do dominio sobre os demais, da xustificación de que quen ten cousas é máis feliz que quen busca ás persoas para xuntas facer a vida máis humana, xusta e libre. Pero Xesús non se deixa vencer, ao contrario, non cala ante o intento de manipulación e sometemento. O mundo líquido de conviccións no que vivimos é un terreo ben abonado para que tamén a nós nos tiren as redes da tentación para que nos enredemos nelas. Porque se todo ten perspectiva do curto prazo, do momento, da felicidade no posuír e acumular e non no traballo diario e, moitas veces contracorrente, a prol dos que quedan nas beiras, dos que son descartados, dos que son contados coma número e reducidos a dato estatístico en enquisas ou análises electorais. Acabaremos non só enfrontados uns aos outros, senón destruídos uns e outros. E xa sabemos como di o refrán: “a río revolto, ganancia de pescadores”. E nós, desta volta non saimos a pescar. Esforcémonos para que xa desde o comezo desta coresma vaiamos deixando atrás a quen nos tenta e o sobre o que nos tenta.
Confianza desde onde compartir
Compartimos agora a oración comunitaria e dicimos na unidade da fe compartida e celebrada: Señor, que non caiamos na tentación.
·      Para que esta coresma sexa un tempo no que verdadeiramente tomemos en serio o ser unha Igrexa en saída, que non queda na comodidade das tradicións, senón que busca unirse a quen traballa por un mundo máis xusto, igualitario, inclusivo e comprometido coa causa das persoas empobrecidas e excluídas. Oremos. Señor, que non caiamos na tentación.
·      Para que sexamos comunidades parroquiais que senten a necesidade de ser evanxelizadas para a misión de facer das nosas relacións veciñais experiencias de escoita, traballo en común e colaboración. Oremos. Señor, que non caiamos na tentación.
·      Para que nós fagamos desta coresma camiño de reflexión, renovación e compromiso de fidelidade ao Evanxeo, e non ao noso propio interese e comodidade. Oremos. Señor, que non caiamos na tentación.  
Señor, que este tempo de coresma destape todo canto temos encuberto para impedir que foramos verdadeiramente sinceros, sinxelos e non dominados pola tentación do poder, a aparencia e a preguiza. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Palabra desde onde contrastar
Que eu poida sentir cos teus sentimentos,
os sentimentos do teu corazón
cos que amabas ao Pai e ás persoas.
Nunca ninguén tivo maior caridade ca Ti,
que deches a vida polos teus amigos,
culminando coa túa morte na cruz,
o total abatemento da túa encarnación.
Quero imitarte nesa interna e suprema disposición
e tamén na túa vida de cada día,
actuando, no posible, coma fixeches Ti.
(Pedro Arrupe)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...