Ir al contenido principal

14 domingo TO C 2019

Deixemos que a alegría do evanxeo enchoupe cada unha das decisións que fagan posible que a felicidade sexa ben compartido desde nós e cos demais

Cantos

Entrada.- Non vou só ( 60 )
Lecturas.- Douvos un mandato novo ( 18 )
Ofertorio.- Acharte presente na vida (51)
Comuñón.- No cola da miña nai ( 49 )
Mirando as beiras
Bo día a todas e todos! O altar sempre é mesa de encontro, oración compartida, conversa persoal con Deus e presenza viva que alimenta e orienta o sentido da vida desde Xesús. El volve xuntarnos neste domingo para celebrar e compartir; para facerse presente desde a tenrura, o agarimo e a misericordia. Dispoñámonos entón a celebrar de maneira activa e solidaria, e sempre participativa, non coma simples espectadores que asisten a un espectáculo, este encontro no que nos recoñecemos, nos saudamos e damos grazas por poder facelo comunitariamente, esforzándonos en poñer o mellor de nós na busca dunha sociedade integradora e incluínte; unha sociedade ao estilo de Xesús.
Corazón misericordioso
    • Porque valoramos máis quedar ben, que facer ben. SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
    • Porque temos pouca capacidade para recoñecer as nosas limitacións. CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
    • Porque ante a coherencia do noso actuar, reducimos a nosa vida de fe a ritos e costumes. SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS TRANSFORMAR POR TI.
    Palabra encarnada
    Volve a Palabra de Deus a facer fincapé na alegría como a actitude fundamental desde onde facer que o Evanxeo alimente a vida. Sen esta alegría o evanxeo non é máis ca unha palabra que evoca algo que puido ter sido, pero que non acaba de ser. Porén, cando se vive desde a alegría, convértese en capacidade de facer da mirada cotiá unha experiencia de novidade e frescura para un actuar e comprometerse a favor das persoas en todas aquelas cousas nas que a xente se vexa inmersa e necesitada de prestarlle atención por medio do noso tempo ou o compromiso coas causas que aquelas defendan: vida, dignidade, igualdade, identidade, defensa da casa común ou compromiso polos esquecidos invisibles aos ollos dos que mandan ou entreteñen. A alegría é a que fai posible que non confundamos un sacramento cun simple entretemento onde pasalo ben; a alegría é a que fai posible que non convertamos as decisións da fe en simples aparencias vistosas detrás das que non hai nada nin opción en defensa de ninguén; sen alegría a fe non deixa de ser espectáculo. E por iso insiste o profeta Isaías que aí ha estar a nosa loita: non deixar que nos rouben esa alegría que fai posible que Xesús sega a ser quen move, alenta e acompaña cada un dos pasos por servir ás persoas e denunciar actitudes que só buscan o seu propio beneficio a través do engano escondido tras palabras, aparentemente, inocuas e que soan ben aos oídos, pero que non teñen detrás máis que interese persoal e materialista. Neste xogo non deberamos entrar, de aí que a voz do profeta resoa con forza para que non nos deixemos vencer por esta falacia...
    Esta alegría non se mostra como gabanza, senón como presenza calada, sinxela e activa. Si, porque é esta actividade silenciosa a que dá credibilidade ao noso ser servidor@s do evanxeo. Pois non por facer as cousas diante de cámaras e micrófonos, estas son máis sinceras e verdadeiras. Como tantas veces mostra Xesús co seu actuar, que saibamos facer as cousas coa humildade de quen serve e a xenerosidade de quen non sente necesidade de pregoalo de emisora en emisora ou de canal de televisión en televisión. A fe móstrase non con imaxes senón cos feitos de cada dia convertidos en entrega e servizo. E disto é do que lle falaba Paulo aos Gálatas e do que nos fala hoxe tamén a cantos temos a Xesús como guieiro e luz no camiño da vida. Nesta nova creación que se inaugura en Cristo é desde onde temos que facer presenza agradecida da memoria recibida a través dos testemuños de homes e mulleres de onte e hoxe; homes e mulleres que dan continuidade ao alegre mensaxe de Xesús, e fan posible manter viva a esperanza da súa mensaxe no hoxe de cada un/ha de nós. O hoxe chega ao mundo a través do noso testemuño, do noso xeito de facer e enfronta-la realidade, de comprometernos en cambiar as cousas e non vivir nin do pasado nin dos recordos. As marcas de Xesús lávanse na nosa capacidade de vencer a tentación por querer ser “estrellitas” ás que tod@s loen e encomian, senón pola presenza calada de quen está sen necesidade de que se separa desta súa presenza. O que non é nada doado nun mundo no que todo se expón e cuxas vidas se non saen en faceboock, “tuiter” ou instagran non existen. Paulo, que vivira nas súas propias carnes a transformacións ao estilo do Evanxeo de Xesús, dinos que non é necesario a publicidade senón o servizo real, que dá vigor, valor e voz á presenza dos crentes no mundo.
    E para iso envía Xesús aos discípulos. E nada mal o deberon facer, cando daqueles setenta e dous do principio, se foi pouco a pouco crecendo ata o hoxe dos que nos chamamos seguidores seus. E si que é verdade que a mensaxe é marabillosa, pero xa non o é tanto a resposta dos xornaleiros, nós. Pois ante as dificultades, poñemos primeiro o noso interese, comodidade, acomodación do evanxeo á nosa comenencia; antes que a coherencia, humildade e sinceridade para vivilo e convertelo en vida desde o noso xeito de comportarnos e comprometernos para que desde o noso testemuño nos descubran como seguidores da súa persoa e construtores do seu Reino. Son moitas as marcas brancas que se ofrecen como substituto do que nos propón Xesús, non caiamos na tentación de coller polo camiño máis fácil e abandonar a calidade dunha proposta, a súa, que non está na rutina nin na comodidade de quen non quere ir á raíz da esixencia que nos pide Xesús, senón que se conforma coa aparencia de quen, como lle ocorría aos fariseos, fai as cousas puramente externas sen cuestionar a razón nin a convicción polas que as fai. Traballemos entón por ser na familia, no barrio, na parroquia, no traballo, co grupo de amig@s... homes e mulleres empeñados que facer da alegría do evanxeo proposta de igualdade, respecto, tolerancia e diálogo, buscando non a nosa propia preguiza, senón o que fai que as persoas segan a ser máis importantes que as cousas.

    Latexando tenrura no corazón

    Rezamos agora comunitariamente desde a invitación que nos fai Xesús a converter o mundo en casa de acollida e non de exclusión, e digamos; SEÑOR, QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE ALEGRÍA.
    • Para que sexamos unha Igrexa de diálogo e busca de entendemento, e non de enfrontamento coas persoas que conformamos o mundo. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE ALEGRÍA.
    • Para que as nosas parroquias se esforcen por superar o individualismo, e traballen por construír relacións de respecto, perdón e igualdade no seu decorrer cotián. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE ALEGRÍA.
    • Para que nós non nos deixemos atrapar nas redes de quen fai da fe medio de consumo e non esixencia de construción dunha vida máis honesta, sinxela, humilde e disposta a servir e colaborar. Oremos. SEÑOR, QUE SEXAMOS SEMENTADORES DE ALEGRÍA.
    Señor, poñemos na túa man esta oración comunitaria que xunt@s vimos de verbalizar coa nosa palabra e desde o corazón, Por Cristo o noso Señor. Amén.

    Pés no chan e confianza en Deus

    “ A Igrexa atopará o rostro do seu Señor só se parte dos últimos, dos excluídos, dos que non contan, dos que xeralmente son denominados pobres. Cando falamos desta opción evanxélica e secular, non estamos a falar dunha especie de programa social mostrado por Cristo. O camiño da Igrexa atopase completamente noutra dimensión.
    Servir aos pobres implica necesariamente que a comunidade cristiá debe ser pobre, como Cristo foi o pobre de Deus, como María foi a pobre de Deus. Con razón se ten dito que o Evanxeo no dará nin un paso se a actividade apostólica se apoia só na muleta do diñeiro.
    Camiñar no “espírito do Evanxeo” esixe, dicían os bispos en Medellín, “vivir unha verdadeira pobreza bíblica que se exprese en manifestacións auténticas e sinais claros para os nosos pobos”. A razón última é, como no Concilio, cristolóxica: “só unha pobreza así transparentará a Cristo, Salvador das persoas” (Mensaxe de Medellín. 1968)
    Para un cristián, o compromiso cos pobres non está motivado por razóns de orde social, senón pola fe nun Deus amor ante quen debemos recoñecernos como fillas e fillos e polo tanto como irmáns”.


    Comentarios

    Entradas populares de este blog

    Pentecostes 2026

    PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

    Corpus 2026

    ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

    2 Nadal 2026

      PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...