Ir al contenido principal

16 Domingo TO C 2019

DA RETÓRICA AO COMPROMISO: ABRIR, ESCOITAR, ACOLLER E ACOMPAÑAR

Cantos
Entrada.- Camiñando pola vida ( 9)
Lecturas.- Escoita ti a Palabra de Deus ( 26 )
Ofertorio.- Señor Xesús ( 52 )
Comuñón.- Seguirei os teus pasos ( 103 )
MIRANDO ÁS BEIRAS
A actualidade da Palabra de Deus é inmensa e non esmorece nunca. Poden ter pasados moitos miles de anos desde que foi proclamada, que segue a ter a mesma forza do primeiro día, á vez que invita a que esa sexa a mesma forza desde a que nós actuemos e nos esforcemos por convertela en motor das nosas ilusións e proxectos. E vén isto a conto porque escoitaremos hoxe como esa palabra nos fala de temas tan vivos e actuais neste momento como son os da acollida, escoita e muller. Tres palabras que hoxe van marcando o decorrer da nosa sociedade. Tres palabras que non son novas, pero que hoxe se comprenden desde a perspectiva novidosa da igualdade e o compromiso de non excluír nin facer de menos a ninguén.
Que á luz desta palabra proclamada, atopemos motivos para seguir facendo que os nosos pasos se dirixan sempre cara quen busca unha man á que collerse para buscar a forza da unión solidaria.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Porque nos sobra barullo e nos falta silencio, SEÑOR, QUE PRESTEMOS ATENCIÓN Á TÚA VOZ.
  • Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos, CRISTO, QUE PRESTEMOS ATENCIÓN Á TÚA VOZ.
  • Porque nos falta memoria e nos sobra présa e activismo, SEÑOR, QUE PRESTEMOS ATENCIÓN A TÚA VOZ.
PALABRA ENCARNADA
  • Acollida e respecto enmarcan hoxe os tres textos da Palabra de Deus que temos escoitado. E inda que teñen pasado moitos anos desde que foi proclamada e escrita, a frescura coa que chegan a nós hoxe, vén mostrarnos de novo que Deus segue a falar desde a actualidade do que vai correndo no tempo; o “tempo é superior ao espazo”, dirá Francisco anos despois. E a súa fala non é repetitiva, cansiña ou pasada de moda, senón que ten a actualidade e a viveza de quen se sabe nun mundo cheo de non poucas dificultades, pero tamén no que hai moitos corazóns e mans dispostos a unir forzas por mover o aparentemente inamovible, e cambiar o que algúns pensan inmutable. E isto é así porque o dinamismo da Palabra de Deus vai dando froito constante e permanentemente, xa que son as persoas, e non outros intereses, inda que ás veces non o pareza, as que moven as decisións e proxectos dos que nos chamamos continuadores da obra comezada por Deus desde o acompañamento e a centralidade das persoas por riba de intereses neoliberais ou puramente partidistas/oportunistas. Deus nin ten nin quere ter partido político; non busca gañar votos e esquecer á xente. El quere persoas dispostas a traballar, desde a pluralidade de visións e propostas, por defender que todos os seres humanos somos iguais .E esta igualdade non a dan nin os cartos que teñamos nin o poder que poidamos ter acumulado. Acoller e respectar ás persoas non é tarefa nin dunha Igrexa concreta nin dun partido o asociación determinada, senón esixencia de todos e todas sen excepción, inda que nos custe velo ou crelo. Pero é así.
  • A acollida, actitude e principio fundamental de toda persoa de ben, non é unha proposta teórica nin abstracta, senón que se manifesta (mellor, esixe manifestarse) de xeito visible e concreto, e isto faino a través da dispoñibilidade e o servizo cara aos demais. Sobre isto é sobre o que Paulo lles fala na carta a aqueles cristiáns de Colosas. Sen verificar esa acollida con feitos -e o servizo é o mellor espello no que mirarse- a acollida sería unha palabra baleira. Neste momento no que todo se volve líquido e nin os horizontes nin as presenzas están claros para moitas persoas, facer poñer en relación a necesidade de pararse e acoller a quen se sente necesitado, só ou esquecido, a través e por medio da capacidade de poñer en práctica a samaritanía, como diciamos o domingo anterior, é como mellor podemos mostrar que o Evanxeo e o ser cristián hoxe ten pleno sentido ofrecendo un rumbo claro por onde tirar ante tanta incerteza e tenebrosidade. E aí, neste acompañar dando os mesmos pasos, non por sentirse superior ou redentor de nada, senón para concretar que Xesús se mostra nos que necesitan de mans que presten atención e acollan, é onde cobra pleno sentido a nosa fe e a concreción co noso actuar desa fe. Francisco non cansa de insistir en que temos que volver ao Evanxeo, non como doutrina ou disciplina, senón como vida que se fai presente alí onde tod@s foron marchando e abandoando: enferm@s sós e esquecid@s, maltrata@s, enganchad@s, migrantes, maiores... Para facernos, como servidores desta Igrexa samaritana, de verdade discípulos.
  • Neste camiño, que nunca se para nin se desvía do seu rumbo, é onde temos nós que mostrar e reafirmar a coherencia da fe que cada semana fai posible que nos reunamos e compartamos, sen excluír a ninguén e invitando a entrar tendo as portas permanentemente abertas. Xesús déixanolo claro nas actitudes de dúas mulleres, Marta e María; actitudes que non se exclúen senón que se complementan. El móstranos como a acollida e a escoita non poden ser outra cousa máis que piares desde onde ir desenvolvendo hoxe a afirmación de que temos fe. En unión a outras persoas que, tendo a dignidade e o respecto como eixe, inda que non compartan con nós o don da fe, é por onde temos nós que camiñar. Poñendo cada unha das nosas pegadas neste camiño que fala de persoas e se afasta da tentación das ideoloxías que, tantas veces, só buscan o seu proio interese a conta dos máis débiles. Escollamos esta parte, que como di Xesús é a mellor, e afastemos de nós o desacougo!
LATEXANDO TENRURA NO CORAZÓN
Deus non deixa nunca de invitarnos a descubrir a forza da oración vivida e compartida comunitariamente, por iso dicimos xunt@s: Que a igualdade guíe sempre as nosas decisións.
  • Para que traballemos na construción dunha Igrexa que non ten medo a unirse a todas aquelas causas que fagan da igualdade, o respecto e a dignidade das persoas cerne do seu actuar. Oremos, que a igualdade guíe sempre as nosas decisións.
  • Para que non nos enredemos nunha igrexa que só pensa en si mesma e non é capaz de saír e buscar o que ten en común con outros proxectos e esforzos, que buscan servir ás persoas e todo canto axuda a que ninguén lles quite a súa dignidade. Oremos, que a igualdade guíe sempre as nosas decisións.
  • Para que a nosa vida de fe a vaiamos construíndo, non desde a reclusión dentro das paredes do templo, ou tentando volver a tempos pasados, senón desde o compromiso social que nos una ás causas que liberan as persoas das escravitudes do sometemento e a imposición. Oremos, que a igualdade guíe sempre as nosas decisións.
Desde o convencemento de que a oración comunitaria une vontades e enriquece tódalas causas na defensa da dignidade das persoas. Agradecemos, Señor, este momento no que temos presentado a nosa oración sentíndonos unid@s na forza da comunidade. Por Cristo o noso Señor. Amén.
Pés no chan e confianza en Deus
Señor, fixécheste achegado a nós
Anunciáchesnos a Boa Nova.
Quero ser, na miña vida,
odre novo para conter viño novo.
Pídoche, Señor, que me axudes a ser odre novo,
onde habitarás Ti, o auténtico viño novo.
Axúdame a ser coherente cos túas ensinanzas,
vivindo de xeito auténtico o mandamento do amor,
na tarefa permanente de abrir a miña porta
para escoitar, acoller, acompañar e curar
a quen se sinta necesitado das miñas mans,
dos meus pés, sa miña tenrura e do teu e do meu amor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...