Ir al contenido principal

Ascensión 2022

A Ascensión do Señor

  Non é o mesmo mirar ao ceo que pasmar co ceo

Cantos

. Entrada.-  Que ledicia miña ( 4 )

. Lecturas.- Canta o sol ( 22 )

. Ofertorio.- Grazas, Señor, graciñas ( 50 )

. Comuñón.- Señor Xesús, bendito sexas (  52)


PÓRTICO

  Neste domingo da Ascensión remata a semana da Laudato Si, a encíclica de Francisco sobre o coidado da Casa común. Unha semana  para ter sempre presente que somos do mundo e estamos no mundo; unha semana para reafirmar a noso compromiso por coidar e curar as feridas do mundo e das persoas  que nel vivimos. 

E non se pode coidar e curar a esta Casa común e a quen nela vive, se non temos os ollos ben abertos e os pés ben asentados no chan. Estes dous aspectos da vida cristiá son fundamentais para poder  descubrir o verdadeiro sentido da fe no medio do noso mundo hoxe. Seguir a Xesús non é algo abstracto, teórico ou para celebrar dentro das igrexas. Todo o contrario, a fe úrxenos a saber estar no mundo pendentes de canto nel pasa; a non dar as costas ante as situacións de inxustiza, invisibilidade das persoas ou a pretensión de crernos os únicos e mellores. Non, a fe que esta mañá imos celebrar e compartir chámanos a espertar a canto pasa no mundo e a traballar por facelo máis igualitario, xusto e fraterno. Sen diferenzas nin sometementos. Coidémolo, coidémonos!

CORAZÓN MISERICORDIOSO

Porque non sempre sabemos coidar e curar o mundo e a quen vive nel; SEÑOR, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.

Porque non son poucas as veces nas que nos conformamos con reducir o noso ser crentes a prácticas de piedade afastadas da nosa realidade cotiá; CRISTO, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.

Porque nos falta compromiso e nos sobran palabras, para dar razón da nosa esperanza; SEÑOR, QUE NON LLE DEAMOS AS COSTAS A NINGUÉN.


PALABRA PROCLAMADA

1ª lectura.- Feitos dos Apóstolos 1,1-11.        

O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ó ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo ós apóstolos que escollera.

Os mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ó Reino de Deus. E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.

Os que estaban reunidos preguntábanlle: ‑Señor, ¿é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?

El respondeulles: ‑Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.

En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron: ‑Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir. Palabra do Señor.


2ª lectura: Ef. 1,17-23.

Por iso, tamén eu, tendo oído falar da vosa fe no Señor Xesús e do voso amor a todos os crentes, non paro de lle dar grazas a Deus por vós, recordándovos nas miñas oracións, de xeito que o Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai glorioso, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para coñecer o ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades as esperanzas que abre a súa chamada, a riqueza que supón a súa gloriosa herdanza destinada ós crentes, e o extraordinario portento que é o seu poder verbo de nós, os que cremos, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de toda soberanía, autoridade, forza e dominio, e por riba de todo título recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. 22Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas. Palabra do Señor.


Lucas. 24,46-53

E dixo Xesús: ‑Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.

Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos. E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ó ceo. Eles, despois de se prostraren ante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus. Palabra do Señor.


PALABRA REMOÍDA

Falábanos Francisco esta semana de que a tentación na que podemos caer é a de ocupar espazos, é dicir: protagonismo, prestixio, poder, recoñecemento... ata converternos en persoas dogmáticas, intolerantes e incapaces de sentir empatía co que outras persoas din e fan. Porén, dicíanos tamén el, que o que nos ten que mover é abrir procesos que se van desenvolvendo no tempo, non no aquí e xa das présas nas que tantas veces vivimos. A súa idea, tantas veces por el repetida de que o tempo é superior ao espazo, non é unha cuestión teórica, senón que ten concreción no noso vivir cotián; nas nosas decisións, no noso xeito de entender e facer as cousas. O que é ben certo, pois todas e todos sabemos que todo precisa ir madurando pouco a pouco, que nada é posible que saia ben se non o facemos coa perspectiva de que necesita desenvolverse paseniñamente para que acade o verdadeiro froito. O chegar e encher non é camiño de crecemento nin aposta de futuro. As présas de hoxe non son máis que camiñar no cortoplacismo de quen non pensa no común, no sinodal, no que nos atinxe a todas e todos, na Casa que compartimos; o que non leva máis que ao eu individualista e insolidario. Aprendamos logo a ter unha mirada distinta, esforcémonos por poñer as gafas de tantas cores como precise esta casa de todas e todos, para que ninguén se sinta excluído dela.

E que ben acaído ben isto que nos dicía Francisco na celebración deste domingo, o domingo da Ascensión. Acabámolo de escoitar nas lecturas que temos escoitado. Non é tempo de quedar mirando para o ceo, non  é tempo de deixar que as cousas pasen como se non fosen con nós, non é tempo de sentir medo, volvernos vitimistas e pensar que bos somos nós e que malos os demais. Saiamos dos nosos cuarteis de inverno, construamos e tezamos redes que nos fagan máis felices, unámonos a quen está disposta e disposto a traballar por facer o mundo verdadeira Casa onde nos acollamos, escoitemos e nos preocupemos unhas persoas polas outras. E isto temos que comezalo, se aínda non o temos feito, nas nosas parroquias, nos barrios, entre as persoas invisibilizadas uníndonos a aquelas propostas que buscan  o mellor para todas e todos, sen mirar cor, cultura, relixión, xénero... só mirándonos e  descubrindo que a fraternidade é posible.

Isto é o que nos pide, como llo dixo aquel día aos Apóstolos, hoxe Xesús a nós. Por iso do ceo viranos a forza, pero será na terra onde esa forza seremos capaces de convertela en semente de dignidade, acollida, igualdade e xustiza. Superemos prexuízos e sementemos evanxeo, é dicir: Boa nova. Como nos segue a pedir Xesús.

ORACIÓN COMPARTIDA

Unamos palabra e corazón para compartir este momento de oración comunitaria. Fagámolo dicindo: 

QUE TEÑAMOS AZOS PARA COIDAR A CASA COMÚN QUE COMPARTIMOS

Para que entre todas e todos conformemos unha Igrexa comprometida na busca dunha maior igualdade, respecto e visibilidade das persoas, sabendo denunciar todo abuso e utilización. Oremos . QUE TEÑAMOS AZOS PARA COIDAR A CASA COMÚN QUE COMPARTIMOS .

Para que nunca perdamos a sensibilidade por coidar todo canto de bo teñen as nosas parroquias, especialmente: a solidariedade coas persoas soas, maiores e enfermas, e nosa capacidade de axudarnos cando o precisemos e o compromiso por coidar a natureza. Oremos. QUE TEÑAMOS AZOS PARA COIDAR A CASA COMÚN QUE COMPARTIMOS .

Para que sabendo que a forza nos vén do ceo, non esquezamos que temos que saber empregala na terra, facéndoa máis igualitaria, fraterna, humana, libre e sen facer a ningunha persoas de menos ou invisible. Oremos. QUE TEÑAMOS AZOS PARA COIDAR A CASA COMÚN QUE COMPARTIMOS .

Grazas, Deus Pai/Nai, por seguir agarimándonos coa túa presenza e a túa tenrura. Por Cristo o noso Señor. Amén.


AGRADECENDO O COMPARTIDO

Por unha casa común xusta, habitable e sostible

Deus misericordioso e Creador de todo,

loámoste polo don da Terra,

fogar de tantas formas de vida,

Casa común de pobos, culturas e especies de viventes.

Témola convertido nun lugar inxusto.

Algúns consumen e contaminan máis ca outros.

Os máis pobres sofren os maiores impactos do cambio climático.  

Por iso, pedímosche:

Axúdanos a acadar a xustiza climática e ecolóxica.

Que ninguén colla para si o que pertence a tod@s.

Que repartamos con equidade os bens do mundo.

Que, cunha vida simple, testemuñemos que a Terra 

é irmá e nai de tod@s.

Que respectemos os seus ritmos de rexeneración,

para que sustente a todos os viventes

da xeración presente e das xeracións futuras. Amén.

( Escrita en español por Daniel Castellanos Velasco, relixioso Misioneiro do Espírito Santo, Consultor espiritual no Movemento Laudato Si’. México. )


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...