Ir al contenido principal

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño

Cantos

Lecturas.- Misioneiro serás ( 115 )

Entrada.- Como che cantarei (8 )

Ofertorio.- Recibe, Señor ( 31 ) 

Comuñón.-  Acharte presente ( 51 )

Mirada agradecida

          A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.

       Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.

       Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen.

Palabra de misericordia

·      Porque son moitas as veces nas que nos falta capacidade para facer da nosa solidariedade camiño de oración. SEÑOR, ESPÉRTANOS A SER PERSOAS SOLIDARIAS.

·    Porque nos falta esperanza e nos sobra xustificación para non pensar que compartimos fraternidade. CRISTO, ESPÉRTANOS A SER PERSOAS SOLIDARIAS.

·      Porque nos falta mirada crítica para denunciar as inxustizas dos países poderosos para cos mais empobrecidos. SEÑOR, ESPÉRTANOS A SER PERSOAS SOLIDARIAS.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS 

Así fala o Señor acerca do seu unxido,

Ciro, a quen eu collín da man dereita:

el someterá ante si ós pobos, eu descubrirei  ante el o lombo dos reis.

El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.

Por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.

Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.

Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.

Ameite, aínda que non me coñecías,

para que se saiba desde o nacente ó solpor que non hai cousa sen min.

Eu son o Señor e non hai outro. Palabra de Deus

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Paulo, Silván e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos gracia e paz.

Decote damos gracias a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións. Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.

Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo. Palabra de Deus

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 Os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillar a Xesús nalgún dito. E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron:

‑Mestre, sabemos que es sincero: que ensína-lo verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó Cesar ou non?

Xesús, catando a malicia, contestoulles:

‑¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.

Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:

‑¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

Contestáronlle:

‑Do César.

Entón replicoulles:

‑Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Palabra de Deus

 

Palabra remoída

Diciamos no comezo da celebración que a Xornada Mundial das Misións, Domund, que celebramos este domingo quere mostrar a importancia da oración e da solidariedade cando se viven en íntima relación unha coa outra. Isto invítanos a preguntarnos se para nós o que rezamos, persoal ou comunitariamente, nos move a ser persoas solidarias e capaces de mirar máis alá dos nosos propios proxectos, perspectivas ou ilusións, para saber contemplar e transformar o mundo desde unha mirada catolicidade universal; desde a mirada de Xesús. El foi o primeiro en mostrarnos que o camiño da evanxelización non se queda en algo teórico ou abstracto, senón que ten que poñer sempre os pés no chan e o corazón nas persoas, principalmente naquelas que son as vítimas da accións de ricos e poderosos; tamén das persoas indiferentes e que miran para outro lado ou pechan os ollos á realidade, sendo incapaces de achegarse a elas desde unha mirada compasiva, respectuosa e fraterna. O Domund é sempre a memoria subversiva que se nos fai a nós, homes e mulleres do primeiro mundo, non esquecer nunca que máis alá das nosas comodidades existen persoas que viven sempre en precario e ás que non debemos dar as costas. O papa Paulo VI, no ano mil novecentos setenta e cinco, xa choveu!, na súa exhortación “Evangelii nuntiandi”, expresouno con radicalidade cando urxía a non separar fe e vida, e a levar o evanxeo mirando sempre aos ollos. E tendo sempre presente que sen xustiza, desenvolvemento e compromiso real e concreto polas persoas e pobos, non pode haber evanxelización. Non é posible anunciar a Cristo se non facemos do anuncio acción liberadora integral. Sen dualismos pseudo espiritualistas.

Desde esta toma de conciencia, e poñendo, como di o lema deste ano, os pés no camiño, como poderemos responder á tripla invitación que hoxe nos fai a palabra de Deus: 

  • Chameite polo teu nome e ameite.

  • Decote damos gracias a Deus por todos vós.

  • Dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus.

Oración compartida

Enviadas e enviados a desenvolver a misión do seu proxecto de amor e xustiza, Xesús invítanos agora a compartir a oración dicindo: Que sexamos persoas misioneiras de xustiza e igualdade.

  • Para que a Igrexa sexa fonte e froito do anuncio do Evanxeo, de xeito que a Boa Nova de Xesús sexa camiño de liberación de toda inxustiza. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS MISIONEIRAS DE XUSTIZA E IGUALDADE.

  • Para que Francisco siga alentando a renovar a Igrexa para que sexa servidora das persoas, especialmente das máis esquecidas, invisibles e empobrecidas. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS MISIONEIRAS DE XUSTIZA E IGUALDADE.

  • Para que o sínodo da Sinodalidade faga de cantos formamos a Igrexa persoas misioneiras de esperanza e transformadoras de estruturas inxustas e avellentadas. Oremos. QUE SEXAMOS PERSOAS MISIONEIRAS DE XUSTIZA E IGUALDADE.

  • Polas persoas misioneiras, para que ante situacións de desalento, cansazo e incomprensión, sintan  sempre a nosa oración e a nosa axuda material e solidaria. Oremos. Que sexamos persoas misioneiras de xustiza e igualdade.


Alenta, Señor, a nosa vida e a nosa oración, para que as enchamos sempre de misericordia e solidariedade. P.X.N.S. Amén.

Acougo interiorizado

A imaxe dos “pés que se poñen en camiño” lémbranos unha vez máis a perenne vixencia da misión ad gentes, a misión que o Señor resucitado deu á Igrexa de evanxelizar a cada persoa e a cada pobo ata os confíns da terra. Hoxe máis que nunca, a humanidade, ferida por tantas inxustizas, divisións e guerras, precisa da Boa Nova da paz e da salvación en Cristo. Por iso, aproveito para reiterar que “todo o mundo ten dereito a recibir o Evanxeo. Os cristiáns teñen o deber de anuncialo sen excluír a ninguén, non como quen impón unha nova obriga, senón como quen comparte unha alegría, sinala un fermoso horizonte, ofrece un banquete desexable” (ibid., 14). A conversión misioneira segue a ser o obxectivo principal que debemos propoñernos como persoas e como comunidades, porque “a saída misioneira é o paradigma de toda obra da Igrexa” (ibid., 15). (Mensaxe do papa Francisco para o Domund 2023)

Comentarios

Entradas populares de este blog

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor