Ir al contenido principal

...A do Pai Bo (Coresma 2007)

A do fillo pródigo?. Non …. mellor a do pai bo

Remol 4º Domingo de Coresma

Pórtico

Ah!! A parábola do fillo pródigo, esta xa a escoitei... e sen querer xa pensamos noutras cousas e desconectamos, perdéndonos a novidade que encerra. Pero, e se a chamamos a parábola do Pai bo?. O conto xa cambia. Pois cómpre que pensemos nela deste xeito, xa que é no perdón, na acollida, na festa, na esperanza, onde poñemos a énfase e non no pecado, na escapada, no negativo.

Dende a liberdade de fill@s, dende a responsabilidade de sentirnos herdeir@s, comecemos esta celebración, non coma outro domingo máis, senón coma unha nova festa: o encontro co Pai.

Perdón

  • Porque preferimos andar por libre, acudindo a Ti nas dificultades, e aos demais cando os necesitamos, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque calculamos o que facemos polos demais: o tempo que lles adicamos, as forzas, os cartos que investimos neles ou os beneficios que nos aportan… e así reducimos a nosa relación con eles a un mero comercio, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Porque somos intransixentes, intolerantes, pouco acolledores e pechamos os nosos oídos aos outr@s, especialmente cando as súas opinións ou o seu xeito de pensar non coinciden cos nosos, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

Remuíño

Dáme a parte da herdanza que me toca: Dende xa hai uns séculos, as persoas quixemos ser donas do noso destino, que ninguén nos dixese o que tiñamos que facer, quixemos explorar tódolos recunchos da terra, as profundidades do mar ou do espazo; quixemos alongar a vida cos descubrimentos da mediciña e cada vez imos mais alá, mesmo parece que sen límites. É bo que progresemos, que avancemos no coñecemento e na independencia; pero sempre ao servizo do ben común, e tendo coma punto de partida o respecto da dignidade da persoa.

Con este movemento anterior e animados polo despotismo, a imposición e a acaparación da Igrexa, este progreso significou ir contra as ataduras. Unha delas era Deus, que se converteu en proxección, en opio do pobo, en morte, en mentira pois xa morreu...

A parte da herdanza que nos toca é moi boa e Deus dánola de bo gusto. Só se converte en carga cando a malgastamos sen contar con El, sen ter en conta os límites da ética, do sentido común, cando caemos no divorcio entre progreso e ética.

Tanto tempo levo contigo: É na figura do fillo maior na que aparece perfectamente debuxada a queixa que sempre facemos ao Pai: levo toda a vida esforzándome, sendo bo e boa, axudando aos demais, disfrutando do que Ti me das, da parte da herdanza que comparto contigo que…perdemos a ilusión, non aportamos nada a casa, non somos innovadores, fállanos a iniciativa... E resulta que agora ven este... Que difícil é renovar o amor, que difícil é saír das as da galiña, do seguro, de non ter dúbidas a un prezo alto, a liberdade, a madurez,.. Algo diso era o que lle pasaba ao fillo maior, que non quixo arriscar, non quixo equivocarse.

Porque estaba perdido e recuperámolo: Esta é a alegría do Pai, a nosa esperanza. Podemos refacer as amizades rotas, as xenreiras insalvables, as asperezas profundas. O Pai acóllenos e danos liberdade, non nos atenaza, non nos ameaza nin nos deixa indefensos... Que ben nos viría se puidésemos coñecer esta liberdade que é responsabilidade, madurez, que é disfrutar, colaborar e valorar os dons que nos da o Pai.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con actitude orante, e sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:

Grazas por darnos moitas oportunidades

Pola Igrexa, para que abandone esa actitude, tantas veces por ela utilizada, que amosaba o fillo máis vello da parábola, e non peche as súas portas a ninguén, comprendendo situacións, escoitando ás persoas, acollendo desde o amor e o perdón do Pai, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Polas nosas comunidades, para que non caian da rutina do “sempre se fixo así”, descoidando e pechándose á novidade, pasando por alto que as persoas somos e pasamos por situacións diferentes, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Por tod@s nós, para que a esperanza de sabérmonos querid@s polo Pai faga que nunca perdamos a ilusión a pesares dos nosos erros, atrancos ou fracaso, segur@s de que Ti estás sempre cos brazos abertos para acariñarnos, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Eu quedarei mud@,

sen saber qué dicir, cómo falar…

Pero Ti sorprenderasme co teu amor,

coma sempre,

e antes de que eu abra a boca,

collerasme pola man

e dirasme, coma ao fillo pródigo,

¡Ven aos meus brazos, meu fillo, miña filla,

estou esperándote!.

E daquela entenderei,

ao fin, a parábola do teu amor de Pai.

E quedará cravada no meu corazón,

para sempre,

coma un dardo fondo,

esa palabra que o di todo nos teus beizos:

¡FILLO, FILLA!.

Oxalá eu poida dicir,

con todo o meu corazón e con todas as miñas forzas,

esoutra palabra marabillosa:

¡PAI!.

Porque Ti, Señor, es verdadeiramente o noso Pai;

e nós somos, de verdade, fill@s teus.

CANTOS

ENTRADA: Arrepentido

LECTURAS: Móstranos Señor os camiños da vida

COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Milo ha dicho que…
O salmo, que se pode cantar, di "saboreai e vede, como o Señor é bo", e en torno a el e á súa idea pódese facer unha catequese cuaresmal, no seo da liturxia: na acollida, no salmo, mesmo na liturxia eucarística

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...