Ir al contenido principal

Onde foi o adúltero (5º de Coresma)

V DOMINGO DA CORESMA (CICLO C)
E o adultero, onde esta?
PÓRTICO
Nunha sociedade na que cada vez escoitamos máis falar de paridade e igualdade, a realidade vainos demostrando que aínda queda moi afastada a utopía da igualdade entre home e muller nos distintos eidos: a empresa, a política, a investigación…. E non digamos dentro da Igrexa, na que a muller, na meirande parte dos casos, é unha voz non escoitada e o que é pior, silenciada.
Por iso o encontro de Xesús coa muller adúltera que hoxe escoitaremos no Evanxeo constitúe unha bocanada de aire fresco e, ao mesmo tempo, unha chamada de atención neste tempo coresmal que está chegando ao seu fin, para arredar de nós todo fariseísmo, toda hipocrisía e todo prexuízo.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a non facermos distincións, pois todos somos fill@s dun mesmo Deus e posuímos a mesma dignidade.

O PERDÓN
  • Polas veces en que xulgamos e condenamos aos demais, polas veces en que os matamos moralmente, e somos quen de seguir como se nada pasara, e incluso, ser os primeiros en loarte, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.
  • Polas veces nas que por medo, por vergoña, por covardía, por quedar ben, por temer facer o ridículo… tiramos nós a primeira pedra ou non saimos en defensa de quen é lapidad@ e menosprezad@, CRISTO, TÉNDENOS A TÚA MAN
  • Porque a nosa Igrexa, sobre todo unha boa parte da súa xerarquía, segue a considerar á muller como sinónimo de tentación e de pecado, tirando a primeira e as seguintes pedras contra ela, SEÑOR, TÉNDENOS A TÚA MAN.

REMUÍÑO

A lei manda apedrar ás adúlteras: Quizá pensemos que esta escena do evanxeo é antiga, que pasou nunha época remota onde as persoas eran pouco civilizadas. Unha época na que muller era desprezada por ser muller, onde non tiña voz nin dereitos, onde so se adicaba á casa e onde so ela era a pecadora, nunca el. Pero non!. A pasaxe do evanxeo de hoxe é moi actual: tod@s temos na meniña dos ollos os apedramentos de mulleres sorprendidas en adulterio en Irán, Mauritania, Arabia Saudí... Que cousa!. Só as sorprenden e castigan a elas, aínda que o adulterio é cousa de dous. Asemade, tamén temos nas meniñas dos ollos, cantidade de dereitos das mulleres boicoteados: dereitos de decisión, de traballo, de elección,... casamentos amañados, mutilacións xenitais, etc... . Pero aínda así podemos seguir dicindo que na nosa sociedade desenvolvida iso non ocorre. Pero non!. A realidade segue confirmándonos que tristemente seguimos menosprezando o posto da muller, non valoramos o seu traballo e as seguimos sinalándoas. Xesús no evanxeo invítanos a que valoremos ás persoas, a que nos poñamos no seu lugar, a que tomemos conciencia de que ninguén é menos ca os demais, especialmente por ter fallos, por ser diferentes, por ser mulleres,... “O que estea sen pecado que tire a primeira pedra.”

Esquezámonos do que queda atrás e lancémonos cara adiante: Por que somos tan reacios aos cambios?, que medo temos?. Temos medo perder parcelas de poder, centros de atención, ser menos valorados?. Aqueles homes do evanxeo, fariseos e letrados, tiñan poder, non só sobre as mulleres (que o tiñan tódolos homes), senón sobre as conciencias dos demais. Por iso Xesús estorbaba e queríano facer coma eles, que elixira. Xesús invítanos a ver todo novo, a esquecernos do anterior e a lanzarnos á novidade do Reino: novos lazos familiares, veciñais, sociais, de respecto, de acollida de escoita, de igualdade e de valoración da muller e do seu traballo. Acaso San Paulo non corría cara a meta, deixando atrás todo o anterior?. O importante é o novo, o transformado... “Mirade que eu realizo algo novo, xa agroma, non o vedes?”. Dinos Isaías.
Eu tampouco te condeno: O novo pasa por descubrir a misericordia de Deus Pai, o seu perdón, pero non porque el condene. Xesús déixao ben claro, eu tampouco te condeno. Que a celebración de hoxe, nos faga descubrir a novidade das relacións cos demais, a non sinalar co dedo nin coa mirada, a non xulgar a este ou aquela, a ver que so valorando a pluralidade, a diferenza, poderemos chegar a unha verdadeira igualdade na Igrexa e no mundo.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con actitude orante, e sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:

Grazas por darnos moitas oportunidades

Pola Igrexa,para que neste tempo de graza sexa quen de abrir as súas fiestras para botar fóra dela tanto fariseísmo que enche de po os recintos sagrados, as conductas correctas, as institucións venerables, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Polas nosas comunidades. Para que sexan comunidades vivas, estimulen a vivir os valores do reino tales coma igualdade entre homes e mulleres, a valoración do traballo de tod@s, a non violencia tanto verbal como física, o perdón por riba de preitos e xuizos, a acollida e o diálogo por riba do desprezo e a condena.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Por nós, para que nunca caiamos na doada tentación de tirar a primeira pedra, senón que sempre saibamos mirar coa mirada limpa e agarimosa de Xesús, que levanta aos caíd@s, OREMOS.

Grazas por darnos moitas oportunidades

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Se sempre atopaches a man do teu pai,
se a túa nai nunca buscaches en vano;
se nunca padeciches fame,
nin a miseria foi a túa compañeira…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca sufriches a inxustiza
de insultos, condenas e malicias;
se nunca fuches humillado,
nin choraches en soledade mil veces…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca coñeciches a tolería,
nin estiveches sedento de tenrura,
nin buscaches de xeito equivocado
a forma de esquecerte dun fracaso…
Non tires a primeira pedra.

Se nunca te tiveches que baixar
sen tan sequera ter dereito a falar…
Non tires a primeira pedra.

CANTOS
ENTRADA: Arrepentido
LECTURAS: Móstranos Señor os camiños da vida
COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...