Ir al contenido principal

Escándalo (Domingo 11 do TC)

DE ESCÁNDALO

PÓRTICO

Vivimos nun mundo de aparencias, de falsos ouropeis. Coma no tempo dos antigos romanos, as persoas, cada vez máis, parece que só necesitamos “pan e circo” para sentirnos contentas. Desde os medios de comunicación preséntansenos uns modelos a imitar consistentes en ter un corpo dez, un pasado cheo de escándalos reais (aínda que se son inventados, tamén valen) ou unha fama conseguida a calquera prezo. E moitas veces nós, coma pasmarotes, comulgamos con rodas de muíño e bailamos ao son que a televisión nos di, xustificando actuacións e mesmo decisións totalmente inmorais.

Porén, os que nos confesamos cristiáns e cristiás estamos chamad@s a ir máis alá da superficie e da vulgaridade que moitas veces nos rodea para mergullarnos nas profundidades dun mundo no que, como se nos lembraba a semana pasada, moita xente morre de fame, de enfermidades comúns ou de miseria sen que iso tristemente sexa xa portada dun xornal ou dun telexornal.

Que a celebración que agora comezamos nos abra os ollos, os oídos, a boca e o corazón á denuncia profética, da que tan necesitado está o noso mundo.

PERDÓN

· Porque moitas veces pedimos o perdón de Deus na nosa vida e non somos quen de perdoar aos demais, de tratar de animar e levantar ao caído, SEÑOR, DANOS O TEU PERDÓN.

· Porque seguimos escandalizándonos diante dos que non pensan, non falan, non rezan, non aman ou non actúan coma nós, CRISTO, DANOS O TEU PERDÓN.

· Porque utilizamos aos demais para os nosos fins, sendo insensibles ás súas necesidades e ao que eles esperan de nós. SEÑOR, DANOS O TEU PERDÓN.

Remuíño

· O perdón como expresión do amor. O Antigo Testamento está cheo de alusións ao amor que sente Deus polo seu pobo, un amor que se vai manifestando progresivamente. Dende a esixencia dun Deus celoso no éxodo; á proximidade dun Deus esposo nos profetas. E este amor sempre vai acompañado do seu contrapunto, a desobediencia do pobo, o seu pecado, o ir por libre. Temos un exemplo na primeira lectura: o pecado de David. Por un lado Deus dálle todo, e por outro, David peca. Pero é no perdón onde fai que a Historia deste amor continúe, na misericordia que mostra Deus co seu pobo e que non xurde da lei, nin do cumprir, nin da inconsciencia, senón da misericordia e do amor de Deus cara o seu pobo. ¿Acaso non é o arrepentimento de David o que lle trae o perdón?. Xa no lo di o Salmo: Perdoaches a miña culpa e o meu pecado.

E isto pide de nós que actuemos do mesmo xeito. Porque, coma a Simón, cústanos tanto, aceptar aos demais como son?, porque lles poñemos carteis e títulos inxustos?. Quizá estamos lonxe do amor de Deus e por iso somos incapaces de expresar ese amor aos demais por medio do perdón, ou quizá nos sentimos tan autosuficientes e cheos que non experimentamos o perdón e o amor de Deus nas nosas vidas.

· Xesús o que nos dá a vida. Xa san Paulo nolo deixa claro. Non son as obras a lei, a que nos salva senón que é Cristo. Pero aínda non rematamos de entender esta afirmación. Non nos apegamos á lei porque nos custa pero si nos apegamos a tradicións, a ditos, a obras que nos fan crer que xa todo está feito con iso. Enchémonos de oracións, de misas, de prácticas relixiosas que non nos damos conta que a motivación profunda, que o seguimento de Xesús que a vida que el nos transmite, non existe. Xa nolo di San Paulo: é Cristo o que vive en nós e polo tanto iso é o motor do noso actuar e non a lei e os preceptos baleiros.

· É Cristo o que vive en min. Simón e os seus convidados vían cos ollos propios, o seu mirar non vai mais aló dos pensamentos interesados, legalistas, autosuficientes de quen se sente xusto. Pero se Xesús vive en nós os nosos ollos son os seus ollos, o mirar ten que ser o seu. Un mirar limpo, que valora o arrepentimento, que vai mais aló da fachada cara o profundo, cara as motivacións; un mirar que non condena, senón que acolle e comprende. Tamén se Xesús vive en nós estamos chamados a ser as súas mans, unhas mans que estreitan, unhas mans que sinalan o camiño e non que acusan; unhas mans que saúdan e acollen e non que negan e golpean.

Que esta celebración nos descubra que é no día a día, no cotiá onde se nos manifesta Xesús e onde nos temos que manifestalo aos demais.

REMUÍÑO ALTERNATIVO

o Imaxinemos qué ocorrería se, co gallo dun banquete ao que fora invitado un bispo, unha prostituta o agasallara. Sería unha magnífica nova para a primeira páxina de todos os xornais, de todos os programas de televisión, de todas as tertulias dos medios de comunicación. Imaxinemos tamén os rostros escandalizados de toda a xente ben da sociedade (empezando polos demais bispos do mundo enteiro). O bispo, entrecortado e nervioso, miraría de reollo ao seu redor, sen saber cómo reaccionar para evitar o escándalo e seguramente pediría que o tragase a terra.

o Pero por un momento, só por un momento, imaxinemos que, en lugar de escandalizado, o bispo respondera de xeito inesperado e pouco habitual, invitando á prostituta ao palacio episcopal para xantaren xunt@s, dialogando sobre os seus problemas…Isto sería infinitamente máis escandaloso. Os presentes non saberían cómo encaixalo, e para a meirande parte dos que nos dicimos católicos, aquel bispo deixaría moito que desexar.

o Pois ben, esta mesma situación presentóuselle a Xesús. Vimos de proclamalo no evanxeo de hoxe: el reparou no amor daquela pecadora. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. ¿Cant@s de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinad@s, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar?. ¿Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalad@s co dedo?. ¿Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder?.

o O evanxeo de hoxe déixanos moi claro que non sempre podemos ser politicamente correct@s, que non podemos ser un mexericas, que temos moito que facer, moito que evanxelizar…pero non a calquera prezo, de calquera xeito ou ao lado do poder.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Pai, dende a necesidade que temos de ti, pedímosche confiadamente polas nosas inquedanzas. É o teu amor e o teu perdón o que fai que poidamos dicir hoxe:

QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR

· Pola Igrexa, para que recoñezamos os nosos erros e sintamos a necesidade de pedir perdón por eles para que así a graza do Pai chegue sempre anovada e sexa luz, ánimo e esperanza, OREMOS.

QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR

· Polas nosas comunidades para que nunca esquezamos que é nos membros máis febles das mesmas (as persoas maiores, as que están soas, @s enferm@s, @s parad@s, @s que teñen menos recursos económicos) nos que debemos volcar todo o noso esforzo para axudal@s a que se descubran e se sintan @s preferid@s do Deus Amor, OREMOS.

QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR

· Por todos nós, que estamos hoxe aquí, para que entendamos que é na graza de Deus e non nas nosas obras, e é na humildade do perdón, onde nos podemos atopar co Amor do Pai que pide de todos nós comprensión mutua e cercanía con tod@s. OREMOS.

QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR

Confiad@s en que Deus escoita a nosa oración, rematamos de presentar as nosas peticións. Son expresión da necesidade que todos temos de ti Pai e do teu perdón renovador. Por Cristo noso Señor, o noso amigo.

Reflexión

Ensíname a ser xeneroso,

ensíname a compartir o que teño,

ensíname a axudar aos demais,

incluso aos que non me caen ben.

Ensíname a non desexar o mal para ninguén,

ensíname a amar,

especialmente aos que todos deixan de lado.

Ensíname a perdoar.

Xesús, ensíname a amar coma Ti.

Cantos

Entrada: Temos unha festa

Lecturas: Escoita o Señor

Ofertorio: Con tódalas criaturas

Comuñón: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...