Ir al contenido principal

Un cristianismo que non discrimina (Domingo 12 TC)

Un cristianismo que non discrimina: nin servos nin amos: irmáns e irmás
Pórtico
O seguimento de Xesús é unha decisión libre e persoal. Xa pasou o tempo no que, para xustificarse, moit@s dicían que foran obrigad@s a acoller ou profesar a fe cristiá, sen que lles deran a oportunidade de elixir. Hoxe, desde a liberdade e o respecto ás decisións persoais, cada un/ha é dono das súas opcións e escrav@ dos seus medos. Por iso a celebración que agora comeza non quere ser máis que unha invitación a reafirmar, persoal e libremente, diante da comunidade que conformamos os seus seguidores, que Xesús nos deixou un camiño no que nos invita a tomar decisións e asumir as súas consecuencias, no que xa non vale ir onde van tod@s ou facer o que fan tod@s, senón que este camiño é libre, persoal e esixente.
Que cant@s queremos facelo así, nos sintamos sempre arroupad@s por El e acompañados por todas aquelas persoas que, formando parte das nosas comunidades, queren tamén facer este camiño e traballar para que no mundo non haxa serv@s, senón irmáns e irmás.

O PERDÓN
  • Por non acabar de entender que chamarlle irmán ou irmá a quen é coma nós é unha esixencia que brota da túa Palabra, e non un simple querer quedar ben, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE.
  • Porque como Igrexa moitísimas veces quedamos ancorados no pasado, na frialdade da letra e da norma, e somos incapaces de dar resposta aos problemas e cuestionamentos dos homes e mulleres de hoxe, CRISTO, DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE.
  • Porque seguimos admitindo e mesmo facendo tantas distincións inútiles: homes/mulleres, ricos/pobres, do país/inmigrantes, sabios/analfabetos, amos/servos, vellos/novos…,sen decatármonos de que tod@s temos a mesma dignidade, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN QUENTE.

REMUÍÑO

  • Diante dun xeito de facer o que está de moda e que leva a distinguir, separar, diferenciar a uns de outros: crentes e ateos, negros e brancos, de esquerdas e de dereitas, progresistas e conservadores…, o cristianismo, como proposta e anuncio de liberación salvadora, introduce un novo xeito de entender e facer as cousas: somos iguais dentro da diferenza que a cada quen lle ven pola súa liberdade, vivida e concretada na pluralidade de culturas, linguas ou opcións que un toma diante da vida. Para nós o fundamental, e non deberíamos esquecelo nunca, é que somos fill@s de Deus; temos un mesmo Pai que nos agarima e acubilla por igual, e que en Cristo nos ofrece un camiño de esperanza, un horizonte cara onde orientar a nosa vida, unha proposta que salva e rescata dos sensentidos, frustracións e fracasos nos que moitas veces nós, ou o noso contorno, nos levan a caer. Se de verdade estamos convencidos de que estamos revestidos de Cristo, é dicir, que El é o noso amparo,o noso guía, a nosa raíz, por que acabamos tendo tan pouca confianza nel e nas posibilidades que pon en nós?. Por que entón, cada vez neste noso mundo, o que entre tod@s construímos, hai máis desamor, tristura, inxustiza, discriminación ou diferenzas clasistas?. Unhas diferenzas que si antes eran por mor de cuestións de sangue ou de poder económico, agora nos veñen dadas por ter nacido nun ou noutro continente. Que nos está a pasar a os crentes?. Por que esta permisividade para que o mundo sexa dos poderosos a expensas do sufrimento, morte e esquecemento dos máis pobres?. Por que os nosos desexos se sitúan no ter máis, posuír máis, dominar máis, controlar máis, e non no compartir máis, servir máis e respectar máis a quen non pensa ou non é coma nós?. Por que nos custa tanto asumir a diferenza, por que tanto medo á liberdade, por que as nosas dificultades para entender que somos iguais?.
  • Fronte ao triunfalismo dos satisfeitos, Xesús preséntasenos como o que é capaz de vivir a vida como entrega, solidariedade, servizo, dispoñibilidade cara os demais, aínda que estes demais non sexan afíns ao seu pensamento, ou non estean dispostos a escoitar o que El di. Que lonxe estamos nós, os que formamos a Igrexa, de implicarnos deste xeito!. Como nos custa ser unha igrexa non triunfalista, senón servizal, acolledora, pobre e humilde!. Como nos gusta que os que mandan nos recoñezan, que falen de nós, que digan o moito e ben que o facemos!. Porén El, so dixo unha cousa: o que queira seguirme, que se negue a si mesmo, cargue coa súa cruz e me siga. Canto temos que aprender! Non si?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

O Deus cristián é un Deus que nos invita á vivir na igualdade e no respecto para con un mesmo e os outr@s. Compartamos xuntos a nosa confianza nel dicindo:

Grazas por non querer servos, senón irmáns

Para que cantos teñen responsabilidades na Igrexa: Papa, Bispos, Curas, segrares comprometid@s... non esquezan nunca que só bebendo da fonte do Evanxeo descubrirán a esixencia de acoller e aceptar a tod@s sen distinción. Oremos.

Grazas por non querer servos, senón irmáns

Por cantos conformamos as comunidades cristiás, para que no noso trato diario saibamos alimentarnos da Palabra do Evanxeo que non nos fala de servidume, senón de servizo, acollida, entrega e aceptación, máis alá da identificación ou non, coas nosas ideas. Oremos.

Grazas por non querer servos, senón irmáns

Por todos e todas nós, que hoxe celebramos e compartimos a fe, e somos invitados a levar a Palabra proclamada a nosa vida, para que comecemos a facelo con aqueles que temos máis preto de nós: familiares, veciños, compañeir@s de traballo... e así ir conseguindo que a utopía do Evanxeo creza como unha masa ben fermentada. Oremos.

Grazas por non querer servos, senón irmáns

Grazas unha vez máis por descubrirnos, sen cansarte de nós e das nosas covardías, que se queremos tomar en serio os cambios neste noso mundo, temos que empezar nós mesmos, sen esperar a que outros nolo fagan. P.X.N.S Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Seremos cristiáns e cristiás coherentes se:
nos manifestamos tal como somos,
expresamos de xeito claro as nosas opinións,
recoñecemos dun xeito valente os nosos erros,
non temos dúas caras,
amamos e practicamos a verdade,
nos lanzamos decididamente a mellorar o noso mundo,
seguimos a nosa propia vocación con fidelidade,
adoitamos mirar cara dentro de nós,
somos fieis a aquilo que cremos,
afirmamos con decisión os nosos valores,
vivimos conscientes das nosas posibilidades,
sabemos conseguir o que nos propoñemos,
cremos, esperamos e traballamos.
Se estamos plenamente convencid@s do amor que nos ten Deus Pai.


CANTOS
ENTRADA: Vinde axiña, compañeiros
LECTURAS: Xesús é Señor / Señor, Xesús
OFERTORIO: Xurdirá / Na nosa terra
COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...