Ir al contenido principal

Marta creu e resucitou

Domingo V da Coresma

9 de marzo de 2008

PÓRTICO

Nun mundo coma o que nos toca vivir, no que a rendibilidade convértese nunha nova divindade que hai que adorar, todo é obxecto de explotación: a natureza….e tamén a mesma persoa: o seu traballo, a súa vaidade, o seu egoísmo, as súas necesidades, a súa ambición… ata o seu medo. Porque… que renda tan fabulosa se obtén do medo!. Por medo a perder un soldo, un emprego, un nome, un prestixio, unha popularidade…renunciamos ao que somos (persoas libres), vendémonos como escravos e preferimos non pensar na inxustiza que sufre o noso próximo; na mentira coa que enganan ao irmán, na opresión que padece o veciño polo simple feito de ter nado noutro país; ou na fame daqueles que camiñan con nós.

Por iso como cristiáns e cristiás, temos a esixencia de anunciar a mensaxe de vida e resurrección de Xesús coma unha oportunidade de liberación dos medos. Que a celebración deste derradeiro domingo da coresma sexa un aldabonazo para revisar e renovar a nosa conduta a fin de ver se realmente estamos traballando pola vida.

O PERDÓN

*      Ti sentiches a dor da morte do teu amigo Lázaro. Porque o noso corazón en moitos casos é un corazón de pedra, incapaz de doerse diante da traxedia de tantos e tantos irmáns e irmás nosos que teñen que deixar atrás o seu país, a súa cultura, a súa familia… para buscar un futuro mellor, SEÑOR, QUEO PODER NON NOS DESHUMANICE.

*      Ti buscaches consolo en Marta e María. Porque en demasiadas ocasións a nosa autosuficiencia e a nosa soberbia impiden que compartamos os nosos problemas e preocupacións coa nosa familia, cos amigos, coa xente que nos quere, CRISTO, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

*      Ti disnos “Eu son a resurrección e a vida”. Polas veces nas que o noso pesimismo nos impide descubrir tantas e tantas sinais de vida que pos a mans cheas ao noso redor, SEÑOR, QUE O PODER NON NOS DESHUMANICE.

REMUÍÑO

           Abrirei os vosos sepulcros. Son hoxe moitas as situacións polas que pasamos, polas que pasan moitas persoas, e que son coma sepulturas, escuras, sen saída, tapiadas: situacións de exclusión, de abandono, de soidade, de pobreza, de analfabetismo… Para eles especialmente vai dirixida esta palabra de Ezequiel. Por iso sempre estamos chamad@s a ser esa man que axude a levantar desas situacións, unha man que rompa sepulturas, que leve aire fresco en tanto ambiente enrarecido e crispado, que poña ilusión e esperanza no futuro no medio de tanta incertidume e pesimismo. Xa o di o Señor: “Eu dígoo e fágoo”. Sexamos pois nos os seus ollos, as súas mans e os seus pes nesta tarefa.

           Porque a vida de cada un e cada unha de nós é un continuo claro-escuro, chea de contrastes, de sinais de vida (amor, servizo, solidariedade…) e de morte (soberbia, envexa, inxustiza…). Así, somos capaces de sentir mágoa por alguén a quen queremos; pero moitas veces volvémonos de pedra cando ese alguén que sofre non ten un rostro cércano, cando non nos chega de perto, cando ten outra cor de pel, cando fala outra lingua ou posúe outra cultura. Nestes casos rapidamente vemos nesta persoa un inimigo, alguén de quen debemos desconfiar porque nos ven quitar o pan. Pero… cando daremos entendido que nós, habitantes do primeiro mundo, somos os que estamos consentido que tantos e tantos irmáns nosos teñan que arriscar as súas vidas deixando atrás familia, cultura, costumes…. para ir na busca dun futuro mellor?.

           Por iso hoxe o Señor chámanos a cada un e cada unha de nós, coma a Lázaro, para que saiamos das nosas sepulturas:

ð     Da sepultura da rutina na que vivimos mergullad@s, demasiado afeitos aos nosos ritos relixiosos, demasiado ben estruturados, demasiado esquematizados…. Deixémonos sorprender!.

ð     Da sepultura da desesperanza. Vivimos no desencanto, sen lugar para as utopías. Atrevámonos a soñar!.

ð     Da sepultura do medo e da incapacidade. Parécenos que xa non podemos, que xa non servimos, que non conectamos… Recuperemos a ilusión e a fe en nós mesmos… e nos demais!.

ð     Da sepultura das nosas tristuras e dos nosos illamentos, que nos fan mediocres e infelices. O Señor é unha festa interminable, descubrámolo!.

ð     Da sepultura do egoísmo, respirando o aire fresco da multiculturalidade, da alteridade. Contamínate c@s irmáns!.

           Desde que Xesús nos dixo “Eu son a resurrección e a vida”, todo ten un novo sentido, todo se pode esperar, todo se pode soñar… mesmo o imposible.

           Iso foi o que lle aconteceu a Marta na pasaxe evanxélica que vimos de proclamar. Ela estaba morrendo de pena e de dúbidas, e por iso “sae ao encontro de Xesús”. E Marta resucitou… porque confesou e creu…. Non só sabía servir, senón tamén escoitar a Palabra…. E non só creu, senón que soubo comunicarlle a súa fe e a súa esperanza á súa irmá.

           E nós, estamos dispost@s a saír das nosas sepulturas para resucitar?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Xesús hoxe, coas súas bágoas polo pasamento de Lázaro, móstranos cal debe ser o noso camiño: o da cercanía e o servizo. Por iso dicimos confiad@s:

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

           Pola Igrexa, para que este tempo de graza que é a coresma nos axude a reflexionar sobre tantas sinais de morte que hai no noso camiño: intolerancias, intransixencias, busca de prestixio, protagonismo e poder…. para que sexa quen de resucitar a unha vida nova, na que sexa verdadeiramente servidora, participativa, humana, democrática, humilde, pacífica e pacificadora, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

           Polas nosas comunidades, para que non permanezamos indiferente diante dos horrores da guerra, da violencia de xénero, do antiecoloxismo, da fame, do racismo, da migración, do paro, das mortes nas estradas... senón que pola contra, teñamos un corazón quente diante de tanto sufrimento, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

           Por cada un e cada unha de nós, que hoxe estamos chamad@s a exercer o dereito de elixir aos nosos representantes nas institucións públicas, para que o fagamos desde a liberdade e coa responsabilidade que supón ser protagonistas e actores da historia, OREMOS.

SEÑOR, ÁBRENOS Á CONVERSIÓN E Á ESPERANZA

Grazas, Señor, por chamarnos a unha vida nova de plenitude e felicidade. PXNS. AMEN.

 

PARA A REFLEXIÓN

Nos momentos duros, míranos con misericordia.

Cando somos tentados e fraqueamos, míranos con misericordia.

Cando estamos cegos e ofuscados, míranos con misericordia.

Cando somos capaces do peor, míranos con misericordia.

Cando tropezamos e caemos, míranos con misericordia.

Cando non recoñecemos os nosos erros, míranos con misericordia.

Cando facemos sufrir ao irmán ou á irmá, míranos con misericordia.

Cando nos facemos sufrir a nós mesmos, míranos con misericordia.

E cando pasamos pola noite, axúdanos coa túa misericordia.

Cando entramos no deserto, axúdanos coa túa misericordia.

Cando buscamos sedentos, axúdanos coa túa misericordia.

Cando subimos ao monte, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa a cruz, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos pesa o irmán ou a irmá, axúdanos coa túa misericordia.

Cando nos morde a crítica ou un bico traizoeiro, axúdanos coa túa misericordia.

Cando xa non podemos máis, axúdanos coa túa misericordia.

 

CANTOS

ENTRADA: Arrepentido

LECTURAS: Na noite escura

OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar

COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...