PÓRTICO
Vivimos nunha sociedade paradóxica e contraditoria. Aprendemos a prolongar a vida; pero sen embargo non atinamos a darlle un contido e un sentido satisfactorio. Logramos elevar o nivel de benestar; pero cada día sentímonos máis orfos e baleiros. Multiplicáronse as nosas relacións; e sen embargo son moitas as persoas que están no illamento e na soidade. Aplicamos a técnica a todos os sectores da vida; mentres medran no mundo a explotación, a violencia e a destrución. Movid@s pola ansia de ter, acumulamos cousas e mesmo posuímos persoas; pero non experimentamos plenitude.
En resumo… precisamos un alento novo que humanice o noso progreso…
E nese empeño, @s crentes non estamos orf@s, senón que cremos no Espírito coma forza, lume, luz e graza que orienta a nosa historia cada adiante; botando fóra medos, desesperanzas, andazos e prexuízos. Estamos dispost@s a deixarnos levar?.
O PERDÓN
- Renuncias a deixarte levar pola apatía, a vulgaridade e a desesperanza, para abrirte ao sopro sempre fresco, novo e vivo do Espírito?. SI, RENUNCIO.
- Renuncias a vivir a fe pechado nos templos, cos que pensan coma ti, uniformado e monocromático, para abrirte e enriquecerte coa pluralidade e o policromatismo que veñen do Espírito?. SÍ, RENUNCIO.
- Renuncias á dobre moral, a dicir unha cousa e facer outra, a rezar sen comprometerte; a non encarnar a fe na túa vida; para abrirte ao Espírito que te urxe a ser testemuña?. SI, RENUNCIO.
REMUÍÑO
Hoxe pode ser Pentecostes. Depende de ti. Por iso che dicimos: Ven Espírito Santo
Sen ti non podemos crer: Estariamos orfos, as dúbidas non nos deixarían descubrir a frescura da túa mensaxe, levaríanos a cansar de recitar o Credo, á imposibilidade de entender a túa Palabra, de confesar a Xesús coma o noso Señor.
Sen ti non podemos confiar...Temos tantos medos! Dubidamos do perdón de Deus, de que nos queira, de que nos invite a ser construtores –libres- da nosa vida, medo a arriscar, a implicarnos en mellorar o presente para ir abrindo futuro... medo ao paso do tempo en nós. E así enganámonos a nós mesmos pensando que a vida non remata, que estamos na eterna adolescencia, que a enfermidade non vai chegar, que... que falta nos fas!.
Sen ti non podemos servir: Podemos traballar moito - esquecémonos do que nos dixo Xesús: o sábado é a para a persoa, e non ao revés– pero poucas veces pensamos nos demais. Facemos grandes construcións, mesmo facemos moitos avances, pero cada vez estamos, sentímonos máis solos. Cada vez ímonos deshumanizando máis e máis. Temos moito, pero non somos felices. Levamos dentro o virus do egoísmo.
Sen ti non podemos comungar: Volvemos a Babel, ao Vello Testamento, esquecendo que Ti estás en Pentecostes, no Novo, no ilusionante, no esperanzado, no solidario... no que leva a entenderse e abrir ao compartir o pan. O pan da Eucaristía, o pan do amor, o pan do comunitario. Sen ti o espectáculo que estamos a dar como Igrexa é escandalosos: división, enfrontamento, exclusión...ven, fasnos moita falta!
Sen ti non podemos amar: Como imos facelo se nos falta o Amor?. Miramos ao outro non coma un irm@n, senón na distancia e buscando o noso interese. Dicimos palabras, mesmo xestos –acaso non nos damos a paz en cada celebración?– pero simplemente cumprimos.A palabra amor está viciada, e entón sérvenos de comodín, poñémola cando vemos que nos pode interesar. Chamámoslle amor, pero caemos na utilización do outr@; chamámoslle amor, pero é paternalismo; chamámoslle amor, pero non é nada máis que egoísmo refinado e disfrazado de falsa elegancia.
Sen ti non podemos esperar: A esperanza esixe capacidade de soñar, desexos de cambiar, supón insatisfacción; é sempre unha mirada ao futuro como consecución do que conleva esforzo para conseguir promesas. Pero toda esperanza pídenos paciencia –que escasos andamos dela!–, compromiso, capacidade para escoitarnos e buscar puntos de encontro. Pero sen ti, rímonos dos soños, das utopías, de canto afirma que sempre se pode cambiar e romper rutinas e desesperanzas, e preferimos caer no pragmatismo insolidario e individualista.
Sen ti no podemos orar: De que nos vai servir tanto Noso Pai? .Sen ti, a oración é aburrimento, é perda de tempo, é engana bobos. Total, para que me serve?. Dicimos cando a nosa incapacidade para mirar a vida con ollos limpos nos impide descubrir que a oración é comuñón contigo, camiño compartido, forza nas dificultades, diálogo sincero, gozoso e persoal que alenta e ilusiona a nosa vida, cada un dos nosos pasos e das nosas decisións. Orar é sempre confianza. Non é cumprir, senón compartir, comunicar, escoitar, acoller... sabernos acompañados pola túa presenza amiga e sempre gozosa. Sóbrannos as palabras e as accións baleiras: novenas, misas, procesións... se non somos capaces de sentir a túa presenza no camiño, que nunca solos, nos invitas a facer cada día.
Sen ti nunca poderemos ser: Viviremos, creceremos, teremos cousas, ao mellor moitas, pero todo será sen alma. Seremos do montón, coma todos. Estaremos xuntos, mesmo pretiño, pero seremos uns para os outros auténticos descoñecidos.Incapaces de querer nin de querernos. Falaremos moito, pero non diremos nada. Por iso, Ven. Espírito Santo!. Necesitámoste moito. E non so porque hoxe é Pentecostes.
CREDO PASCUAL
Creo no Resucitado,
no Señor da Vida, en Xesús de Nazaré,
carpinteiro sinxelo, home do pobo,
predicador itinerante, compañeiro de camiño.
Creo no Resucitado,
o fillo de María,
quen fixo vida as súas palabras do Magnificat,
porque levou a Boa Nova aos pobres e aos excluídos.
Creo no Resucitado,
Señor da comunidade,
quen para ensinar o amor de Deus
chamou a discípulos para compartir a súa vida.
Creo no Resucitado,
no que camiñou polas vilas de Palestina,
no que andou polas ribeiras do lago,
no que se mesturou coa xente do pobo
para mostrar coa súa vida
que Deus non se esquece das persoas,
senón que coñece o sufrimento
e quere a liberación e a xustiza.
Creo no Resucitado,
no que se ocupou dos que sofren,
no que se compadeceu dos enfermos,
no que se achegou aos marxinados,
para ensinarnos que o Deus da Vida
nace entre os pobres deste mundo.
Creo no Resucitado,
no que se animou a presentar a un Deus Vivo,
no que denunciou os ritos baleiros e as leis hipócritas,
no que falou con palabras sinxelas
para ensinarnos que o importante é vivir o que Deus nos propón.
Creo no Resucitado,
no que entregou a vida,
no que cargou coa cruz,
no que viviu o conflito, a incomprensión
e a persecución por ser fiel,
no que nos ensinou que a Deus
coñecémolo se facemos a súa vontade.
Creo en Xesús,
no que viviu como Deus quere que vivamos todas as persoas.
Creo no Resucitado,
que nos chama a seguir os seus pasos
para facer da nosa vida
unha Pascua para os demais,
un paso do Señor para todas as persoas,
un signo de que a vida é sempre máis forte
que toda a morte que a nosa sociedade xera.
Creo en Xesús
porque quero vivir coma El.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Alentados pola forza do Espírito, que fai de nós cristiáns atentos ao que sucede ao noso redor, presentámosche Deus a nosa oración confiada. Dicimos xuntos:
SEN TI NON FACEMOS IGREXA
Pola Igrexa, para que deixándose levar da forza do Espírito non teña nunca medo a defender a dignidade de toda persoa que é explotada, marxinada, esquecida ou silenciada. OREMOS.
SEN TI NON FACEMOS IGREXA
Polas nosas comunidades cristiás, para que levados da presenza do Espírito, espertemos do sono de vivir unha fe cómoda, aburguesada e pouco asentada na búsquea de solucións aos problemas reais que vivimos nas nosas parroquias, nos nosos barrios, nas nosas familias, OREMOS.
SEN TI NON FACEMOS IGREXA
Por cada un e cada unha de nós, que hoxe nos xuntamos para celebrar, compartir e alimentar a nosa fe, para que nos deixemos guiar pola presenza do Espírito que nos abre camiños de realización persoal, de crecemento interior e de superación de toda barreira que nos impida vivir a fe con alegría, esperanza e compromiso, OREMOS.
SEN TI NON FACEMOS IGREXA.
RELEXIÓN
ACHÉGATE
Dis que son un manantío e non ves beber,
dis que son suave brisa e non abres as túas ventás,
dis que son luz e segues en tebras,
dis que son música e non te escoito cantar,
dis que son lume e segues con frío,
dis que son consolo e non me contas as túas coitas,
dis que son don e non me abres as túas mans,
dis que son paz e non escoitas o son da miña frauta,
dis que son defensor dos pobres e ti foxes deles,
dis que son océano e non queres mergullarte,
dis que son amor e non me deixas amarte,
dis que son testemuña e non me preguntas,
dis que son sabedoría e non queres aprender,
dis que son hóspede e non queres que entre,
dis que son fresca sombra e non te acubillas baixo as miñas ás,
dis que son froito e non me probas.
Dis que son comunidade e ti non fas comigo Igrexa.
CANTOS
Entrada.- Bendito , Xesús resucitado
Gloria.- Gloria a Deus, gloria ao Pai...
Lecturas.- Cantádelle ao Señor, unha cantiga nova
Ofertorio.- Acharte presente
Comuñón.- O amor é o meirande.
Comentarios