Ir al contenido principal

CORPUS 2008

O ÚNICO QUE NOS DIFERENCIA SON AS OPORTUNIDADES. OS DEREITOS HUMANOS SON UNIVERSAIS, AS OPORTUNIDADES DEBERÍAN SELO.

PÓRTICO

Hoxe celebramos o misterio eucarístico, sacramento de caridade: todo o amor de Cristo concentrado no pan e no viño. É un misterio que debemos crer, celebrar e vivir; e que ten como alma o Espírito e a caridade. Xesús entrégase por amor e queda con nós na Eucaristía, no pan e no viño, para alimentarnos con ese amor en todas as súas dimensións.
A participación na Eucaristía, polo tanto, leva parello un compromiso coa pobres, cos excluídos, con aquelas persoas que ven pisoteada a súa dignidade, cos últimos, cos que non teñen bens nin dereitos. Entre eles, hoxe pousamos a nosa mirada na marxinación da muller, especialmente vulnerable e utilizada. Sen dúbida, a meirande parte das persoas sen dereitos levan nome de muller.
Que esta celebración nos axude a caer na conta que compartir o pan debe urxirnos a traballar para que os dereitos humanos e as oportunidades sexan universais.

O PERDÓN
  • A Eucaristía é sacramento de compaixón; pero nós non temos compaixón cos febles e cos pobres, por iso che dicimos, SEÑOR, ÁBRENOS AO TEU AMOR.
  • A Eucaristía é sacramento de unidade; pero nós multiplicamos as divisións e os rexeitamentos, as intolerancias e os esquecementos, por iso che dicimos, CRISTO, ÁBRENOS AO TEU AMOR.
  • A Eucaristía é sacramento de caridade; pero nós somos egoístas, cómodos, individualistas, materialistas, e non queremos compromisos, por iso che dicimos, SEÑOR, ÁBRENOS AO TEU AMOR.

REMUÍÑO
PAN COMPARTIDO, PAN TRINITARIO: Hoxe, festa do Corpo e Sangue do Señor, non é mal momento para que á luz dos textos proclamados, fagamos tod@s os que os temos escoitado unha pequena revisión da nosa vida. A Eucaristía que hoxe imos recibir ,é pan trinitario de fraternidade, de encontro e de acción de grazas. Unha trindade na que o Pai, o Fillo e o Espírito se fan presentes nela e na nosa vida converténdose en irmandade, cercanía e gratuidade cada día e cos que compartimos a ilusionante tarefa de estar no mundo con actitude de ser trigo para facer o bo pan. Ese pan que para nós é presenza de Cristo recoñecido en tantos rostros cos que o pan, os múltiples pans! non poden ser compartidos, porque lles falta: pan do amor, pan da liberdade, pan da inclusión, pan da acollida, pan da igualdade, pan do trato humanizador e respectuoso.

MISTERIO DE SOLIDARIEDADE: Damos grazas ao Deus que nos fai tomar conciencia viva dos misterios de solidariedade que temos diante dos nosos ollos, e fronte dos que temos tomar opción. Non nos vale a indiferenza nin a neutralidade, cando ao noso lado os pobres son cada vez máis pobres: pobres de amor, pobres de compañía, pobres de saúde...; non son pobres sen máis, son os nosos irmáns pobres, irmáns que sofren, pobres que son vítimas do noso afán de posuír e consumir, pobres aos que cada vez se lles recortan dereitos e se lles trata con paternalismo, dándolles as migallas do que a nós nos sobra. Que está a ocorrer senón co tema dos maltratos, e cal é o tratamento que lle estamos a dar?. Que está a ocorrer coas xustificacións que damos, ou coa nosa pasividade diante de comportamentos nos que á muller se lle pide submisión, e que no nome de non sei que respecto cultural xustificamos?. En moitos países, en moitas culturas, mesmo aquí cando chegan e son dominadas por mafias ou maridos, ser muller é case unha carga. Diante disto o misterio da solidariedade, esíxenos que ergamos a nosa voz e que sexamos coherentes á hora de denunciar estas situacións, non deixándonos levar polo falso respecto ou polo non querer comprometernos.
MISTERIO DE COMUÑÓN ECLESIAL: O encontro do domingo ha ser un encontro verdadeiramente eclesial. É dicir, nel temos que facérmonos presentes toda a Igrexa, todos e cantos formamos parte dela. E este misterio ábrenos a mirar máis alá do noso mundo, da nosa comodidade, dos nosos conformismos. Abrirnos ao misterio de comuñón neste día lévanos a tomar conciencia de que o mundo non remata na opulenta parte de occidente. Onde estamos a gusto e pensando que os demais, se veñen, e cando veñan, están para facer o que nós queiramos e decidamos, como se fosen servos. E disto temos pouca conciencia, ou mellor dito, sobre disto temos pensado pouco, e moito menos o temos posto en relación coa nosa fe. Un crente non é un político que toma decisións en función dos intereses de partido ou da rendibilidade electoral. O crente ábrese ao misterio da comuñón compartida no amor de Cristo, e polo tanto, sabe descubrir sempre nos demais, cheguen de afora ou sexan de aquí, a presenza de Cristo Resucitado, o mesmo que hoxe sae ás rúas de moitos dos nosos pobos e cidades, non para pasearse, senón para por de manifesto que desde este misterio de comuñón e solidariedade, quere facer seus os gozos e esperanzas de cantos se senten necesitados de pan. Pan de fraternidade, pan de amor, pan de xustiza, pan de economía de comuñón, e non neoliberal e contraria ao recoñecemento do outr@ coma irmán. Sóbrannos palabras, necesitamos feitos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Unidos a Cristo, o noso Salvador, que quedou connosco como compañeiro e como alimento no camiño, pedímoslle ao Señor:

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Mira con amor a este mundo noso, tan violento e dividido, para que camiñemos na xustiza e na solidariedade.

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Mira con amor á túa Igrexa, para que sexa pan eucarístico e fermento de unidade.

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Mira con amor ás vítimas do noso egoísmo, a todas aquelas persoas que non teñen nin dereitos nin medios necesarios para o seu desenvolvemento, para que sexan respectadas e axudadas.

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Mira con amor ás mulleres maltratadas e esquecidas, e alenta a todas as persoas que traballan pola súa dignificación.

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Míranos con amor a nós, que comulgamos o teu Corpo, para que saibamos comulgar tamén cos irmáns e coas irmás.

ENCHÓUPANOS COA TÚA MISERICORDIA

Míranos, Señor, con amor, para que tamén nós aprendamos a mirar con amor aos irmáns e ás irmás. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Pobres, o que se di pobres, son os que non teñen tempo para perder o tempo.
Pobres, o que se di pobres, son os que non teñen silencio, nin poden mercalo.
Pobres, o que se di pobres, son os que teñen pernas que se esqueceron de camiñar, coma as ás das galiñas se esqueceron de voar.
Pobres, o que se di pobres, son os que comen lixo e pagan por el coma se fose comida.
Pobres, o que se di pobres, son os que teñen o dereito de respirar lixo, coma se fose aire, sen pagar nada por el.
Pobres, o que se di pobres, son os que non teñen máis liberdade que a liberdade de escoller entre unha e outra canle de televisión.
Pobres, o que se di pobres, son os que viven dramas pasionais coas máquinas.
Pobres, o que se di pobres, son os que son sempre moitos, e están sempre solos.
Pobres, o que se di pobres, son os que non saben que hai pobres.
Eduardo Galeano “Patas arriba”.

CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Todo o mundo unha familia
  • PAZ: Démonos todos a man
  • COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...