Ir al contenido principal

Domingo 15 T.O.

A resposta ao teu envío fai de nós xermolos de esperanza

PÓRTICO

Para ser cidadán dun determinado lugar, cómpre só estar inscrito no rexistro civil. Porén, mal que lles pese a algúns, ser crente, ser discípulo de Xesús, non é só cuestión de estar apuntado nuns determinados libros parroquiais que dan fe de que temos recibido o bautismo, senón que ser cristián é, en primeiro lugar, adhesión libre e persoal á mensaxe e á vida de Xesús de Nazaret. Porque non nos enganemos: o que nos apaixona, o que nos interesa, o que valoramos... pasa a ser o motor da nosa vida. Por iso, se Xesús non é eixo central, nada nin ninguén nos poderá mover a vivir coma El. Se non hai convición, non pode haber acción; se non hai confianza, non pode haber seguimento; se non hai aceptación, non pode haber compromiso.

Que a celebración que agora comezamos nos dea folgos e alento para percorrer este camiño.

O PERDÓN

  • Polas veces en que o que cremos está lonxe da nosa vida, como un compartimento illado, SEÑOR, DÁNOS XERMOLOS DE ESPERANZA.
  • Porque as nosas indecisións convértenos en persoas inseguras e incapaces de dar testemuño da túa presenza no medio do mundo, CRISTO, DÁNOS XERMOLOS DE ESPERANZA.
  • Por non ter sabido descubrir e agradecer tantos pequenos xestos de cariño que as persoas que temos ao noso redor teñen connosco, SEÑOR, DÁNOS XERMOLOS DE ESPERANZA.

REMUÍÑO

  • O profeta Amós, polo que escoitamos na lectura, non foi un profeta dende o seu nacemento. Non foi capacitado, nin foi á escola para ser anunciador de Iavé. Dinos el a súa profesión: cultivador de figos. Pero ben podería ser mecánico, albanel, oficinista, ou calquera profesión. O importante é que o chamou o Señor para ser profeta, para anunciar dende a súa vida, o que el sentía e vivía como crente. E non tivo medo do que dicía, aínda que como lemos, lle traia problemas e rexeitamentos. Porén, é no cotiá do noso traballo onde descubrimos a chamada do Señor. E non para subirnos a grandes estrados, senón para mostrar coa vida o anuncio do Reino. Un anuncio que, dende a sinxeleza, fala de cercanía, de diálogo, de perdón, de colaboración, de desprendemento... fala de Xesús. E cando sexamos interrogados ou cando sintamos o rexeitamento, só poderemos dicir que é o noso ser cristián o que nos impulsa á misión, é o seguimento de Xesús na nosa vida o que nos impide dar marcha atrás, xa que non nos anunciamos a nós nin aos nosos intereses, nin a proxectos de outros, anunciamos a Xesús e o seu Reino.
  • As lecturas que vimos de escoitar hoxe, poden permitirnos facer algo así coma un pequeno retrato-robot da identidade do cristián, nunha especie de decálogo:
    • Sábense escollid@s por Deus
    • Escollid@s para ser enviad@s ,para ser as súas testemuñas. Non se pode quedar parado nin instalado, non podemos permanecer comodamente no lugar de sempre, esperando a que veñan. Coma Xesús, sempre estamos en camiño, culturas distintas, xente que sae ao noso encontro....
    • Algunhas veces, resultan molest@s. A súa mensaxe, a primeira vista, esperta curiosidade, pero logo para a cuestionar, denuncia, pide cambio, aporta novidades.... e atopa resistencias. Por iso, aos auténticos profetas, moitas veces, mesmo dentro da mesma Igrexa, non se lles ten en conta.
    • Son rexeitad@s: a mensaxe atopa corazóns pechados, plans feitos, adaptacións, resistencias... A verdade molesta... aínda que nos fai libres.
    • Son insistentes, e non se botan atrás facilmente.
    • A nosa autoridade está no servicio. E por iso, unha constante tentación que teremos que vencer será o afán de ser máis importantes, de ter máis privilexios, de crernos superiores, xerando desigualdades e servidumes na comunidade e sendo antitestemuñas.
    • Unxid@s para levar a liberación ás persoas. Perder o noso tempo coa xente para a que ninguén ten tempo. Saber acoller e tender as nosas mans dando calor, atención, esperanza.
    • Chamar ao cambio, sendo persoas novas, humanas e humanizadoras, con criterios e valores evaxélicos.
    • Desde a austeridade e a sinxeleza do camiñante que leva o xusto e non busca instalarse. Confiando na Providencia de quen envía; pero tamén no amor fraterno que acolle e comparte.
    • Traballando xenerosamente desde a nosa vida de cada día por un mundo máis xusto, máis humano e coas mesmas oportunidades para tod@s.
  • E, conscientes de que esa é a nosa tarefa, Xesús envíanos, como enviou aos apóstolos, para que sexamos esa presenza súa alí onde nos atopemos. O envío non é simplemente un ide, senón que pide de nós unha resposta persoal desde o aquí estou. E nese aquí estou faise presente a nosa reposta de dispoñibilidade e participación en canto supoña que o chamado de Xesús non é unha teoría imposible de vivir. Foron moitas as persoas, homes e mulleres, que nos dous mil anos de historia, e o que é máis importante, tamén hoxe, responderon e están a responder a este envío. Por que somos tan cegos para non velo?. Que aprendamos a dicirlle si ao envío que nos fai Xesús, e o concretemos no noso ser e actuar como fermento de corazón quente e man acolledora alí onde esteamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con agarimo e dispoñibilidade poñémonos nas mans de Deus e compartamos xuntos a nosa oración dicíndolle:

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA FACER A TÚA VONTADE

  • Pola Igrexa, para que non teña medo a escoitar as voces dos profetas de hoxe, que a invitan a renovarse, a ser faro na noite e a poñer ilusión e esperanza no camiñar de tantas persoas, OREMOS:

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA FACER A TÚA VONTADE

  • Para que nas nosas comunidades aprendamos a responder ao teu envío tendendo a man a quen o necesite, visitando aos enfermos que se senten limitados e dependentes, participando en canto axude
    a sorrir aos demais…facendo das nosas parroquias un si á túa chamada, .OREMOS.

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA FACER A TÚA VONTADE

  • Por nós, para que non nos deixemos levar do que outros din e contan, e nos esforcemos por descubrirte nas motivacións e razóns que nos levan a perdoar, colaborar, desculpar, agradecer, pedir perdón, sabernos necesitados… e sempre agradecidos de que nos queres e non nos deixas solos, OREMOS-

AQUÍ ESTOU, SEÑOR, PARA FACER A TÚA VONTADE

Grazas, Señor, por invitarnos a valorar e sentir o gozo de sermos fill@s dun Deus que nos quere e nos invita a querer aos demais. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

Ide por todo o mundo...

Estas palabras están ditas para cada un e cada unha de nós.

Somos continuadores/ras da túa obra.

Somos os teus compañeiros na misión.

Grazas, Xesús. Agradecemos a túa confianza.

O labor é moito, pero os obreiros poucos.

Fainos tomar conciencia desta misión.

Nós queremos ser obreiros da túa misión.

Moitas persoas están caídas e nós pasamos de largo.

Que saibamos ser bos samaritanos.

Convértenos a cada un de nós

para que saibamos anunciar a outros a Boa Nova.

Dános audacia.

N este momento de tanto escepticismo e autosuficiencia

temos vergoña e medo.

Dános esperanza

Nesta sociedade receosa e pechada,

tamén nós temos pouca confianza nas persoas.

Dános amor.

Nesta terra insolidaria e fría, nós tamén sentimos pouco amor.

Dános constancia.

Porque neste ambiente cómodo e superficial,

tamén nós cansamos facilmente.

Convértenos primeiro a nós,

para que poidamos anunciar a outros a Boa Nova.

Grazas, Xesús. Amén

CANTOS

  • ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Sede o sal, sede a luz
  • OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...