Ir al contenido principal

DOMINGO 18 TO


 

Diante da alienación, sempre esperanza e ilusión

Pórtico

    Como lle ocorría ao pobo de Israel, tamén a nós nos asusta tomar decisións, dar xiros na vida, romper a nosas inercias e rutinas, comezar de novo. Así, mesmo preferimos laiarnos do que nos pasa antes que romper con esa situación. Coñecemos como é a realidade; pero danos inseguridade non saber cómo será o que vai vir. Así que, ao final, acabamos acomodándonos ao que temos,e aplicámoslle o dito de que "máis vale malo coñecido que bo por coñecer". Conclusión: seguimos sempre co mesmo. Claro que logo non desaproveitaremos a ocasión de botarlle a culpa aos outros, namentres nós seguimos sen mover un dedo. Verdade que nos resulta familiar esta situación?. Diante disto, Deus chama a Israel, como nos chama tamén a nós, a non ter medo a abrir novas fendas, a apostar pola creatividade, a deixar atrás a comodidade que nos impide crer que outra vida, outra igrexa e outro mundo son posibles. Cando espertaremos do noso soño?.

Perdón

  • Porque a nosa comodidade fainos cristiáns mediocres e seguidores de Xesús sen creatividade nin ilusión, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA MEDIOCRIDADE.
  • Porque a nosa falta de ilusión impídenos transmitir coa nosa vida que a fe é o eixe desde o que nos sentimos con forza para traballar por humanizar na solidariedade o contorno no que cada día nos movemos, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA MEDIOCRIDADE.
  • Porque seguimos demasiado apegados ao vello dos nosos costumes e rutinas, que nos impide senti-lo gozo de celebrar, compartir e vivir o Evanxeo, SEÑOR, QUEN NON CAIAMOS NA MEDIOCRIDADE.

Remuíño

  • Que difícil é que nos desapeguemos da rutina, do de sempre, das nosas seguridades!. Pásanos como lle pasaba ao pobo de Israel. Diante das primeiras dificultades comezan a queixarse, e sáelle o máis fácil: recriminar a quen tomara a iniciativa; recriminar a Deus que fora quen os puxera en camiño, que os liberara da escravitude e da opresión. Xa non lembraban todo o mal que lle fixeran pasar os exipcios, xa esqueceran ao Deus da Salvación, ao que lle prometeran fidelidade, ao que dicían querer tanto, ao que lle rezaban tantas veces pedindo que os sacara de Exipto… que fráxil é a memoria das persoas!. E o mesmo que fixo Israel, facémolo nós moitas veces coas persoas. Cando alguén ten unha idea e quere levala á práctica, cando alguén busca de poñer en marcha un proxecto, cando a un grupo se lle ocorre facer algo que rompa a rutina... rapidamente saen os profetas das calamidades para tentar botala abaixo, para dicir que non vai ser posible, para, se a cousa non saíu ben, botarlla en cara. Esquecemos que o esforzo, o traballo, a ilusión… era para que tod@s puideran disfrutar, rir, compartir…. E, unha vez botado abaixo, volvemos ás nosas rutinas, á nosa mediocridade, ao noso laiarnos permanentemente. Facemos así bo aquel dito de :"mexan por nós… entón é que chove". Como nos gusta moitas veces non quere ver a realidade, virarnos de costas, facer oídos xordos…!.
  • A Paulo non lle resultaba estraño este xeito de facer e de ver as cousas, por iso lle manda unha "mensaxiña" á comunidade de Éfeso. Unha "mensaxiña" que quere invitalos a pensar un pouco, e a deixarse de ver só a vida desde a superficie, desde o externo, desde o que non deixa pegada, o que nos converte en eternos insatisfeitos: "non vivades coa mente baleira". Deixade atrás o home vello, que vai esmorecendo, vestídevos do home novo. Pois entón poñámonos ao choio dunha vez, non teñamos medo a deixar atrás o vello, e comecemos a vivir desde o novo que nos trouxo Cristo.
  • E para sentir a forza que nos leve a romper a rutina, que mellor que alimentarnos co pan que Xesús nos invita a compartir en cada Eucaristía!. Pan e Palabra unidos nunha mesma presenza: está entre nós. Que as rutinas, canseiras e andazos non nos impidan velo. Que saibamos buscar a Xesús para que estea presente en cada momento da nosa vida. Que nos fartemos do seu pan para que poidamos compartilo cos pobres e necesitados, cos que arriscan e non teñen medos, cos que, a pesares dos profetas das calamidades, seguen esforzándose por abrir as ventás deixando entrar aire fresco.

Oración da comunidade

    Unidos na construción do proxecto solidario de Xesús coas nosas actitudes de participación, acollida e entrega aos demais, dicimos xuntos a Deus:

QUE NON TEÑAMOS MEDO A RENOVAR A NOSA FE

  • Para que na Igrexa haxa sempre profetas que non teñan medo a presentar o Evanxeo no mundo de hoxe con actitudes, palabras e proxectos solidarios, xustos e libres de calquera intento de dominio, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A RENOVAR A NOSA FE

  • Para que as nosas parroquias deixen de vivir do pasado, e comprendan que só renovándose nas súas maneiras de facer as cousas, conseguiremos deixar atrás canto supón crítica, desmobilización, individualismo e atraso, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A RENOVAR A NOSA FE

  • Para que nós sexamos o suficientemente responsables como para saber que non lle podemos pedir aos demais o que nós non estamos dispostos a dar nin facer, OREMOS.

QUE NON TEÑAMOS MEDO A RENOVAR A NOSA FE

    Señor, sabemos que a tentación de repetir sempre o mesmo está moi presente en tod@s nós. Que nos esforcemos por mirar máis ao futuro desde o presente, e non desde o pasado. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Señor Xesús:

Como membros da comunidade de…,

queremos afastarnos de todo tipo de chisme,

murmuración, calumnia, difamación ou maledicencia.

Realmente sabemos canto pode danar iso a nosa comunidade, ás persoas.

Coñecemos os efectos horribles que causan na xente,

nas familias, nas comunidades, na Igrexa.

Por iso, renunciamos firmemente á murmuración e ao chisme,

a meternos na vida dos demais, a falar mal dos outros.

Prometemos tamén, con firmeza, Xesús, eliminar a rutina fría

do facer as cousas por facelas e nada máis,

sacar o costume baleiro de dicir as palabras do teu Evanxeo

sen que teñan vida no noso corazón.

Queremos, Señor, deixar de "encasillar" ás persoas.

Queremos, Señor, fixarnos no bo que fan e non no malo que fixeron,

ver, Xesús, as súas capacidades e non quén

son os seus amigos e familiares ou con quen se xuntan.

Asumir, Mestre, que todos podemos cambiar para ben,

que a chispa do teu amor eterno está en toda persoa,

non importa quén sexa esta.

Xesús, danos un corazón humilde

para aceptar o cambio da conversión,

Señor, danos un corazón sinxelo

co que poidamos convivir cos demais

e aprender deles sen xulgalos nin condenalos. Amén

Cantos

  • Entrada: Vinde axiña
  • Lecturas: Deixade esta terra (Sede o sal, sede a luz)
  • Ofertorio: Velaiquí, Señor.
  • Comuñón: Grazas, Señor, graciñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...