Ir al contenido principal

DOMINGO 16 TO

Apacentar, que non espantar, oficio e tarefa de todo pastor

Pórtico

    Agora xa non é unha visión moi habitual nas nosas parroquias ver pastores cos seus rabaños; por iso os máis pequenos poden non entender a imaxe que utiliza hoxe a liturxia para poñer de manifesto a importancia de que nunha comunidade poidan camiñar xuntos, buscando sintonía e respectando a necesaria pluralidade, tanto fieis coma pastores. Inda que para algúns a imaxe poida quedarlles lonxe, non esquezamos que só desde este camiñar xuntos, sen buscar impoñer visións propias e sen pretender volver a tempos pasados, poderemos ser verdadeira Igrexa no medio do mundo, cunha actitude de unión e colaboración con todo o que dignifique a persoa e a libere de tódalas ataduras que lle impiden ser libre e feliz.

Perdón

  • Por tódalas veces en que no canto de unir, esparexamos, creando diferenzas que separan e non pontes para unir, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
  • Porque non sabemos estar cerca dos nosos pastores, xa que é moito máis doado criticalos e censurar o que non fan ben, que colaborar e implicarnos coa súa tarefa, CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
  • Por tódalas veces nas que, diante dos problemas, quixemos mirar para outro lado, despreocupándonos do que lle pasaba aos que estaban ao noso redor, SEÑOR, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.

Remuíño

  • Vós espantáde-las miñas ovellas, escorrentádelas e non coidades delas: Quere ser esta expresión unha chamada de atención para que nós, os pastores, non esquezamos nunca que desenvolver unha misión supón que alguén nola ten encomendado, de que non é unha cousas nosa e polo tanto non a podemos facer segundo o noso capricho. Por iso, como pastores temos que ter en conta:
    • Que estamos ao servizo das nosas comunidades.
    • Que servir supón compartir tristuras e ledicias, e sempre desde o plano da igualdade.
    • Que debemos esforzarnos por formarnos continuamente, o que supón coñecer o mundo no que vivimos, evitando falar del con nostalxia ou tendo visións e dando respostas que valeron para outro tempo, pero non para hoxe.
    • Que a nosa tarefa ha ser calada, pero sempre activa. Non buscando saír nos papeis, senón sendo xermolo de unión, entendemento e acollida entre o membros das comunidades ás que servimos.
    • E sempre sen perder a perspectiva de que, na tardiña baixa da vida de cada un de nós, han examinarnos de amor... e non doutras cousas.
  • Para elas constituirei pastores que as apacenten, de xeito que xa non volvan ter medo, nin se espanten,nin se perda ningunha: Por iso non nos corresponde a nós, tampouco a outros:
    • Amedrentar
    • Ameazar
    • Crear tensións e enfrontamentos
    • Tomar partido polos que se cren superiores e con capacidade de mandar e impor
    • Presentar unha imaxe falsa do Deus cristián; unha imaxe de medo, sometemento e control das conciencias dos demais.

    A nosa tarefa permanente ten que estar orientada a que ninguén se perda, e tod@s se sentan acollidos e integrados.
Por iso, tamén cómpre salientar que, ao lado de pastores nocivos, que envelenan o ambiente, conviven outros que, de verdade, son conscientes de que o seu é servir e non que os sirvan. Son aquelas persoas que saben acompañar nas ledicias e nas tristuras, que tentan ser pontes de unión e entendemento creando comunidades dialogantes, que saiban escoitar e respectar as diferenzas, son persoas dispoñibles as vintecatro horas do día os trescentos sesenta e cinco días do ano. Eses son os verdadeiros pastores, que sen pretensións de ser famosos, de estar en "grandes parroquias de cidade", de que os nomeen cóengos, bispos, directores.... son capaces de realizar un traballo responsable, serio, calado e eficaz nas comunidades que teñen a sorte de telos. Son pastores que non dan medo nin espantan, e que conseguen que a xente non se perda.


El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria a inimizade, e abolindo na súa carne aquela Lei de mandamentos e normas: O que non poderemos conseguilo se non estamos convencidos, ou non somos capaces de convencernos de que entre o que dicimos e cremos non pode –non debe– haber fenda que rache e separe, senón ponte que leve a camiñar na dirección que leva a recoñecer que Cristo é a nosa paz; a paz que temos que espallar coas nosas actitudes e desde as nosas accións. Non reduzamos a fe á seguridade do cumprimento dunhas normas que deixe satisfeitos só a cantos son incapaces de poñer mans e corazón á hora de testemuñala.

  • El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas: E contra da tentación de camiñar na exclusividade dos "nosos", ser pastor ten que levarnos á amplitude de miras á hora de desenvolver a nosa misión evanxelizadora: somos de tod@s e para t6od@s. E nunca debemos estar fóra de cobertura. As canles da comunicación, como ocorría con Xesús, tamén en nós han estar sempre abertas.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Ao pé do altar do Pan e da Palabra, presentámoslle ao Señor a nosa oración, e dicimos xuntos:

QUE OS NOSOS PASTORES SAIBAN ACOLLER

  • Para que a Igrexa saiba ser sensible ás preocupacións e ledicias das persoas que viven no noso mundo, comprometéndose a traballar por unha verdadeira globalización humanizadora que ten como centro ás persoas e non aos mercados, OREMOS.

QUE OS NOSOS PASTORES SAIBAN ACOLLER

  • Pola Igrexa, para que se preocupe por formar pastores abertos, tolerantes, dialogantes, sensibles e cercanos, capaces de escoitar, acompañar e compartir as ledicias e tristuras da xente, OREMOS.

QUE OS NOSOS PASTORES SAIBAN ACOLLER

  • Que nas nosas comunidades, Señor, os nosos pastores sexan sempre sensibles ao que nelas gozamos e sufrimos os cristiáns, e saiban implicarse en todas as accións que posibiliten construír comunidades sempre abertas, solidarias, xustas e verdadeiramente humanas, OREMOS.

QUE OS NOSOS PASTORES SAIBAN ACOLLER

  • Tamén, Señor, pedimos por nós, para que non esquezamos que teremos pastores bos, xustos, solidarios, dialogantes e entregados, se nós colaboramos con eles nas súas tarefas pastorais, OREMOS.

QUE OS NOSOS PASTORES SAIBAN ACOLLER

Grazas, Señor, por lembrarnos que non poderemos ter pastores comprometidos coa evanxelización das nosas comunidades, se nós non nos comprometemos tamén en colaborar con eles para construír auténticas comunidades solidarias e fraternas. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Pastor bo, grazas por deixarnos sempre a túa porta aberta.

Grazas por invitarnos sempre

a acoller e non a espantar,

a camiñar na túa presenza

e a non desesperarnos.

Danos fortaleza e discernimento

para seguir as túas pegadas

no camiño do Reino.

Danos mans solidarias

para construír camiños de vida nova.

Danos corazóns dispostos

que sexan portas abertas

para a mensaxe do Evanxeo. Amén.

CANTOS

    ENTRADA: O Señor é o meu Pastor

    LECTURAS:
Eu sei de quen me fiei

    OFERTORIO:
Non vou só

    COMUÑÓN:
Oh, Señor, escólleme

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Pascua 2025

  CANTO GOZOSO Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123) Na procesión cara ao templo : A Cristo cantamos (Nº 110) Lecturas 1ª Manda o teu Espírito (Nº 125) 2ª Cantádelle ao Señor (Nº 33) 3ª As túas palabras, Señor, son Espírito e vida (Nº 113) 3ª Dános un corazón 4ª Aleluia, aleluia; aleluia, aleluia (Bis) Aspersión: A auga do Señor (Nº 124) Ofertorio : Sementar, sementarei Santo: Santo es Ti, Señor da vida (Nº 39) Noso Pai : No camiño do amor (Nº 43) Paz : Que veña a paz (Nº 45) Comuñón : Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)  Canto final á Virxe: Nosa Señora da Luz SINAL No momento das ofrendas achegamos ao altar o sinal de coresma, a flor de follas murchas. E alí mesmo, poñemos o primeiro dos pétalos ao que, ao longo do tempo de Pascua, se irán unindo ata completar unha nova flor chea da savia nova da resurrección. COA CHEGADA DA PASCUA, AS NOSAS SEDES SON SACIADAS. CRISTO CONVÉRTESE EN FONTE DE AUGA FRESCA E SEMPRE VIVA Porque o evanxeo é Boa Nova, vinde e achegádevos...