Ir al contenido principal

4 Coresma 2010

VOLVEREI Á CASA DO MEU PAI

SIGNO: Colocamos a cuarta cuncha de cartolina coa frase: "VOLVEREI Á CASA DO MEU PAI".

PÓRTICO

Paseniñamente ímonos adentrando na profundidade do tempo de coresma. Deus vaise manifestando, vai saíndo ao noso encontro, vainos levando da man, esforzándose porque non vaiamos solos. Que ledicia saber que Aquel no que pomos a nosa forza e a nosa confianza non nos defrauda!. Son moitos os nosos esquecementos, as nosas paradas, os nosos retrasos, as nosas esixencias da parte da herdanza…pero El segue ao noso lado, a súa man segue agarrando a nosa, cada mañá sube á ventá do faiado confiando na nosa volta; porque El non quere que nos perdamos.

    Nesta mañá, unha vez máis, vólvenos demostrar que paga a pena seguilo: dinos que non condena nin enfronta, non xulga nin aparta, só ama incondicionalmente, sen esperar nada a cambio, como só saben facelo un pai e unha nai. Grazas, Señor, por lembrárnolo unha vez máis, e por invitarnos a facer o mesmo.

O PERDÓN

  • Fáltanos amor e sóbranos prepotencia, SEÑOR, SEGUE A TER PIEDADE DE NÓS.
  • Fáltanos compromiso e sóbrannos palabras, CRISTO, SEGUE A TER PIEDADE DE NÓS.
  • Fáltanos confianza e sóbrannos medos, SEÑOR, SEGUE A TER PIEDADE DE NÓS.

REMUÍÑO

E chegamos ao cuarto domingo da coresma, e volvemos escoitar a parábola do fillo pródigo…. e pode ocorrer que, como xa a escoitamos tantas veces, como xa a coñecemos tan ben…. caiamos na tentación de pensar que non nos pode aportar nada novo. Por iso, imos achegarnos a cada personaxe para ver con cal deles nos identificamos máis, e para redescubrir con novos ollos este texto, que coma toda a Palabra é sempre anovado e novidade.

FILLO PEQUEÑO: É un mozo baleiro e consumista, que non atopa a felicidade máis que no ter, nas cousas. Nel vemos claramente a ingratitude: para el o pai é coma unha caixa forte… Sóanos?. Cando nós tamén nos aproveitamos dos pais ou dos avós, do pouco ou moito que teñen, pedindo máis e máis, sen darnos por satisfeitos e cheos. É, asemade, un mozo irresponsable, que se deixa levar polo desexo, que non se decata de que está arruinando a súa vida, que vai ao inmediato... Sóanos tamén?. Cantas veces buscamos a felicidade no agora, pensando no inmediato, esquecéndonos de proxectos de futuro, do lento que é formarse como persoas e como cristiáns. Tamén aparece a escravitude: perde a súa dignidade porque non actúa coma persoa…. O mesmiño ca nós, cando somos rancorosos, egoístas, cando volvemos o noso corazón de pedra.

FILLO MAIOR: Constitúe o prototipo da persoa perfecta, que pisa forte, que todo o sabe. Coa marcha do pequeno, xa ten vía libre…. Pero está baleiro: ninguén o quere, non sabe o que é amar e sentirse amado sen esperar nada a cambio. Canto nos parecemos nós a el cando nos pechamos á novidade. É certo, temos relación con Deus, pero é fría e distante, crémonos superiores…. Pero estamos ceg@s, coma o irmán máis vello, que non coñece a Deus porque é duro de corazón. Séntese obrigado, non é libre. Cantas veces nós tamén nos cremos os bos, os mellores….e condenamos, poñemos pesos enriba das costas dos demais sen mover nin un dedo por axudarlles a levalos.

PAI: É a figura máis tenra, o sol entre a escuridade que representan os fillos. É misericordioso, co fillo pequeno e co máis vello, capaz de poñerse no lugar de cada un deles. É xeneroso, sen pedir nada a cambio, sen esperar contraprestacións. É paciente, non cansa de esperar, aínda que sexa contracorrente. Todos os días ía a ventá do faiado, para ver se o fillo recapacitara. É respectuoso coas decisións dos fillos, cos seus tempos de crecemento…

Acostumados e entender a fe como algo tenebroso e cheo de medo, cústanos descubrir a idea fundamental da mensaxe de Xesús: non veu para condenar, senón para Salvar. Falar de salvación non é entón algo abstracto e incomprensible, senón que salvación supón e concrétase en facer do lugar onde esteamos un espazo de acollida no que ninguén se poida sentir nin excluído nin explotado nin desprezado. A salvación de Deus pasa pola salvación de todo o humano. Non hai cousas boas nin malas, si hai intencións nas persoas en converter a s cousas en boas e malas. Xesús dinos cal ten que ser o noso camiño. Non nos empeñemos en levarlle a contraria Non nos deixemos ir no camiño da tebra, porque aí non vai ser posible descubrir a Súa presenza. Vaiamos no camiño da luz que dignifica, respecta e nos achega a El.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Unha vez máis, e van alá..., móstranos que nin o teu nin o noso é xulgar aos demais. Porque estamos dispostos a poñelo en práctica, dicímosche:

SE TI NON XULGAS, QUE TAMPOUCO NÓS O FAGAMOS

Para que entre todos e todas vaiamos construíndo unha Igrexa que non se preocupe de xulgar e condenar, senón de salvar e acoller, coma o Pai Bo da parábola, Oremos.

SE TI NON XULGAS, QUE TAMPOUCO NÓS O FAGAMOS

Polas nosas comunidades, para que fomentes dentro delas un cristianismo dinámico, comprometido, solidario e profundo, que non caia no utilitarismo, na falsa perfección, nin na arrogancia de quen todo o sabe, OREMOS.

SE TI NON XULGAS, QUE TAMPOUCO NÓS O FAGAMOS

Para que cada unha das persoas que hoxe estamos a vivir de xeito comunitario esta celebración, vaiamos tomando conciencia de que a fe non é un tranquilizante, senón a forza que nos leva a deixar atrás o vello, a nostalxia, o pasado, para vivir na construción dun presente solidario e sempre aberto ao un futuro máis xusto e humano. Oremos.

SE TI NON XULGAS, QUE TAMPOUCO NÓS O FAGAMOS

Grazas, Señor, porque unha vez máis dásnos a oportunidade de vivir a fe desde a vida de cada día, axudándonos a descubrir a túa presenza de salvación, non de condena, no medio do mundo do que formamos parte. PXNS.

PARA A REFLEXIÓN

O DÍA NO QUE (CASI…) QUEDAMOS SEN PARÁBOLA

O pequeno non era unha xoia…, a verdade… Pero…, e o máis vello?...

Imaxinades que pasaría se o fillo pródigo, o día que volvía arrepentido á súa casa,

en vez de atoparse co Pai (que en canto que o mirou vir ao lonxe, botando a correr, abrazouno e encheuno de bicos), se atopara co seu irmán máis vello?.

Quedaría ou volvería marchar para sempre?.

Seguro que quedariamos sen parábola.

E saberiamos menos do amor infinito que Deus nos ten…,

Precisamente pola intransixencia "dos bos"…

Que perigo ten crerse "bo"!. Cumpridor!....Dos que non lle deben nada a ninguén… nin a Deus!...Deus e os demais están en débeda con eles!.

Pois…o fillo máis vello, aparentemente…, era "unha boa persoa"….

Pero só aparentemente…

Parécelle que o Pai perdeu a cabeza... que "se pasou"…

Indígnalle tanto amor… "Pero… que méritos fixo ese caradura?".

Non cres que… ata lle molesta ver ao seu Pai tan feliz?...

E pásalle factura: "Eu… que fun o teu escravo (!) tantos anos… sen desobecer nunca unha orde túa"…

E pretende cobrar prima de antigüidade e trienios de fidelidade… Chegando a renegar do seu irmán e da fraternidade:… "ese fillo teu"…

TAN PRETO DO PAI… E TAN LONXE DO SEU CORAZÓN!.

Tantos anos xunto ao Pai ("todo o meu é teu"), pretiño do seu amor…

Como é posible estar tan cego?.

Porén… o pequeno, descubríndose perdido…, endebedado con Deus, pensou: " a pesares de todo, sei que se volvo, lle darei ao meu Pai unha grande alegría…".

E… o que seguiu… foi UNHA GRANDE FESTA.

Agora…, o fillo pródigo e o Pai…, esperan con ilusión…, cada día…, que o irmán máis vello volva…, PARA QUE A FESTA SEXA TOTAL.

CANTOS

  • ENTRADA: Na noite escura
  • LECTURAS: Arrepentido
  • OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...