Ir al contenido principal

5 Coresma 2010

UNHA MIRADA QUE LEVANTA @S CAÍD@S

SIGNO: Colocamos a quinta e derradeira cuncha de cartolina coa frase "EU NON CONDENO".

PÓRTICO

Nunha sociedade na que cada vez escoitamos máis falar de paridade, a realidade vainos demostrando que aínda queda moi lonxana a utopía da igualdade entre home e muller nos distintos eidos: a empresa, a política, a investigación…. E non digamos dentro da Igrexa, na que a muller, na meirande parte dos casos, é unha voz non escoitada e o que é peor, silenciada.

Por iso o encontro de Xesús coa muller adúltera que hoxe escoitaremos no Evanxeo constitúe unha bocanada de aire fresco e, ao mesmo tempo, unha chamada de atención neste tempo coresmal que está chegando ao seu fin, para arredar de nós todo fariseísmo, toda hipocrisía e todo prexuízo.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a non facermos distincións, pois todos somos fill@s dun mesmo Deus e posuímos a mesma dignidade.

O PERDÓN

  • Porque somos extremadamente tolerantes con nós mesm@s e cos nosos erros; e extremadamente intransixentes cos dos demais, SEÑOR, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.
  • Polas veces nas que por medo, por vergoña, por covardía, por quedar ben, por temer facer o ridículo… tiramos nós a primeira pedra ou non saímos en defensa de quen é lapidad@ e menosprezad@, CRISTO, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.
  • Porque a nosa Igrexa, sobre todo unha boa parte da súa xerarquía, segue a considerar á muller como sinónimo de tentación e de pecado, tirando a primeira e as seguintes pedras contra ela, SEÑOR, SEGUIMOS A PRECISAR DA TÚA AXUDA.

REMUÍÑO

  • Nunha sociedade e mesmo nunha Igrexa na que os profetas de calamidades abundan máis ca nunca, na que escoitamos tantas veces dicir "antes facíase así, agora perdeuse todo…", na que nos seguimos laiando do rancio matrimonio Igrexa-Estado… as lecturas que vimos de proclamar teñen unha dobre vertente: espertarnos do noso fariseísmo e ilusionarnos porque algo novo está agromando.
  • As adúlteras deben ser apedreadas, segundo a lei. Así razoaban os escribas e os fariseos, os sabios e perfectos do tempo de Xesús. E así seguen razoando os sabios e perfectos de todos os tempos, os doutrinalmente seguros. No nome dun rigorismo dialéctico e dunha aplicación literal da lei leváronse e lévanse a cabo infinidade de accións bárbaras, inxustas e mesmo inhumanas. E nós somos coma os letrados e fariseos cando vivimos para sorprender aos demais, cando facemos preguntas envelenadas para comprometer, cando cuestionamos o que fan os demais aínda que nós non movamos nin un dedo, cando nos conformamos con ser externos cumpridores de todas as prácticas relixiosas, cando nos constituímos en xuíces condenadores dos demais, cando aplicamos a lei sen descubrir o seu espírito. Por que suplicamos misericordia para nós e berramos intransixencia para os demais?. Por que preferimos sempre apedrear a salvar?. No xigantesco patio de vecindade no que convertemos o noso mundo, enseguida nos arredamos e desaparecemos sen deixar rastro cando somos interpelad@s e chamad@s a sermos coherentes.
  • Contraposto a isto, destaca a actitude e, sobre todo, a mirada de Xesús. Cando ergue os seus ollos, a adúltera descubre a alguén que a mira dun xeito distinto aos demais. Ata agora tiña experiencia de dous tipos de mirada: a do desexo ou cobiza e a da condena. Agora os seus ollos cruzan cos dun home que mira nela non un obxecto de pracer nin un branco para as pedras, senón unha mirada creadora que pon en pé a unha muller que estaba tirada por terra. Ninguén en nome de lei algunha, de ningún principio nin de ningunha moral ten dereito a marxinar, condenar ou considerar perdida a ningunha persoa. Velaquí o criterio co que Deus nos mira, tamén ás mulleres. Oxalá non se nos esqueza nunca!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Con sinceridade de corazón, queremos, Señor, compartir as nosas preocupacións e ledicias, e facémolo dicindo:

ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS

  • Pola Igrexa,para que neste tempo de graza sexa quen de abrir as súas fiestras para botar fóra dela tanto fariseísmo que enche de po os recintos sagrados, as conductas correctas, as institucións venerables, OREMOS

ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS

  • Polas nosas comunidades, para que recoñezamos que tod@s necesitamos ser perdoad@s e perdoar, para descubrir a novidade refrescante e humanizadora que nos trae Xesús, OREMOS.

    ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS

  • Por nós, para que nunca caiamos na doada tentación de tirar a primeira pedra, senón que sempre saibamos mirar coa mirada limpa e agarimosa de Xesús, que levanta a quen está caído, OREMOS.

    ENSÍNANOS A MIRAR COS TEUS OLLOS

Grazas, Señor, por abrirnos os ollos e mostrarnos que non é nas falsas seguridades dos templos, senón nas dificultades da vida, onde temos que descubrirte e saber acompañar a cant@s se senten débiles e necesitad@s da nosa presenza. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Os teus debuxos no chan

tiveron un efecto sorprendente:

romperon o círculo moralista e acusador

e, a soas contigo, por primeira vez,

sentinme libre.


 

Os teus debuxos no chan

foron o primeiro espello non enganoso

que me fixo ver o meu rostro triste,

o meu ser pobre e vacilante,

os meus medos de sempre.


 

Os teus debuxos no chan

crearon un silencio fondo,

pois puxeron ao descuberto

a tráxica parodia que vivimos

cando nos cremos diferentes.


 

Os teus debuxos no chan

devolvéronme a dignidade perdida,

cando o teu dedo suave e firme,

co po de sempre e coas miñas bágoas perdidas,

debuxaron de novo o meu rostro sorrinte.


 

Despois erguícheste,

serenamente miraches os meus ollos,

bicáchesme coma ninguén

e dixécheslle ao aire: vai e vive; xa sabes.

E eu non me atrevín a abrazarte.


 

Pero levo os teus debuxos do chan

tatuados na miña pel para sempre.

CANTOS

  • ENTRADA: Na noite escura
  • LECTURAS: Arrepentido
  • OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
  • COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...