FRONTE AO EGOÍSMO, GRATUIDADE
(Cáritas 2010)
PÓRTICO
No día da caridade miramos cara este mundo noso e berramos: que pouca caridade, que pouca solidariedade, que pouca xustiza, que pouca liberdade… que pouca humanidade!!!!!!!!!. A imaxe que nos dá o noso mundo non é a do bo samaritano, senón a do rico Epulón: uns poucos "epulóns" e unha morea de "lázaros" agoniantes.
Pero no día de Corpus levantamos tamén a nosa mirada cara ao Corpo e o Sangue de Cristo, e non podemos menos que exclamar : que xenerosidade, que amor, que proximidade, que liberdade, que humanidade…que gratuidade!!!!!!!!!!.
Porque viu aos homes famentos, Cristo multiplicou os pans, gratis, sen buscar sequera o aplauso ou o afecto. Porque viu aos homes con fames máis fondas, Cristo fíxose pan e partiuse para que o comesen, gratis, sen esixir recompensa algunha. E porque viu aos homes tristes, Cristo fíxose viño e ofreceuse para ser bebido, gratis, sen pedir contrapartidas.
Pero quen come deste pan, ten que aprender a facerse pan, gratis. Que nunca o esquezamos.
O PERDÓN
- Señor, ti multiplicaches os pans para saciar ás persoas famentas. Perdoa a nosa mesquindade á hora de dividir os nosos bens cos pobres e de darlles tempo e talentos, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.
- Cristo, ti sendo rico, fixécheste pobre para enriquecernos. Perdoa a nosa falla de solidariedade e empatía cos pobres, CRISTO, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.
- Señor, ti fixécheste pan para alimentarnos coa túa propia vida. Perdoa o noso egoísmo e a nosa falla de entrega aos pobres, SEÑOR, QUE VIVAMOS NA GRATUIDADE.
REMUÍÑO
- DÁDESLLES VÓS DE COMER: A estampa evanxélica píntanos un Cristo que non vive para si nin busca nada para si. El, literalmente, desvívese polos demais. No sitio do retiro e descanso que desexaba, atópase cunha multitude que o buscaba. E Xesús púxose a ensinalos devagar e a curar enfermos, esquecéndose ata da comida. Porén, ese era un tema que tamén lle interesaba ao Señor. Cando ve que a xente está esgotada, non a despide para que cada un se amañe como poida, senón que se implica no problema e ofrece unha resposta liberadora: Dádeslles vós de comer. Hoxe tamén esta resposta remoe no noso corazón. Hai mil millóns de persoas que se deitan todas as noites con fame, despois de rebuscar en vertedoiros ou colectores de lixo. É o maior castigo que sofre a humanidade. Hoxe non faría falla multiplicar nada, abondaría con recoller o que lle sobra aos epulóns e pedir perdón aos lázaros. Dádeslles vós de comer. Debemos concienciar aos señores do poder e das finanzas. Abondaría o 0,7% ou desviar cara ao desenvolvemento un pequeno tanto por cento do que se gasta en guerras. E, avergonzados, pedirlles perdón. Dádeslles vós de comer. Mellor sería darlles traballo ou un microcrédito ou unha oportunidade para que desenvolvan os seus talentos e capacidades. E animalos. E darlles máis. Darlles respecto, proximidade, comprensión, misericordia… e todo desde a gratuidade. Sempre estamos en débeda de amor cos pobres. E darlles máis. Darlles fe, ilusión, alegría, esperanza. E darlles a oportunidade de que eles mesmos poidan dar. O verdadeiro amor fai do amado un amante; o verdadeiro don fará do que recibe un doador. Como resposta á crises do mundo, Xesús fai algo máis que queixarse e denunciar, implícase, actúa. E nós, que facemos?.
- DESDE A GRATUIDADE: E todo desde a gratuidade. Seguramente tod@s escoitamos algunha vez, ou mesmo dixemos, "ninguén dá nada gratis". Esta expresión reflicte algo que ocorre a miúdo na nosa sociedade. Hai moita xente que cre que todo se pode mercar ou que hai que pagalo con cartos; que o que nos move ás persoas é, sobre todo, sacar vantaxes, saír gañando e que se pode comercializar ata o agarimo ou a amizade. Pero, aínda que reflicta unha realidade, a frase é totalmente inxusta, porque as persoas somos quen de dar gratis… e para recoñecelo, basta abrir os nosos ollos. As cousas máis valiosas, facémolas gratis: querer aos fillos, coidar a un familiar que se vai deteriorando e que xa nin sequera nos recoñece, adicar tempo a escoitar ou a axudar a xente desgrazada, repartir os nosos cartos dun xeito anónimo… Si. Somos moi capaces de dar gratis e iso é reconfortante para quen o practica e para quen sabe aprezar o valor da gratuidade. Así que hoxe invítasenos a dar gratis, crendo que o amor é máis poderoso que o medo ou os cartos e que é posible o "quérote porque te quero". É unha aprendizaxe difícil, porque a todos nos encanta que nos agradezan o ben que facemos; pero cómpre un cambio persoal e comunitario, e unha revisión de valores e motivacións. Paga a pena facer un esforzo para non comercializar a vida, o agarimo e a axuda dos demais?. Paga a pena dar gratis?. Desde logo que si!!!!!!!!!!. Poñámonos en marcha.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A Deus, que nos dá o pan de cada día e o pan de Cristo, dicímoslle:
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
- Para que chegue a todos os pobres o convite ao banquete da vida e así todas as persoas poidan sentar á mesa da creación, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
- Para que a Igrexa, mesa na que Cristo segue partindo o pan, aprenda a compartir os seus bens desde a gratuidade, ata facerse pobre, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
- Para que as institucións da caridade na Igrexa, brillen polo seu amor eficaz, desinteresado e gratuíto, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
- Para que as persoas responsables da política, da economía e da educación actúen solidariamente a favor dos pobos en vía de desenvolvemento, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
- Para que, comungar a Cristo, Pan de Vida, manteña viva a nosa sensibilidade e a nosa solidariedade diante de todo sufrimento, soidade, inxustiza e violencia, OREMOS.
QUE PARTAMOS E REPARTAMOS O TEU PAN NA GRATUIDADE
Señor, que esta celebración nos faga vivir o misterio pascual de Cristo e nos converta en testemuñas da súa boa nova desde a gratuidade e a entrega xenerosa. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Señor da Vida:
invítasnos a ser persoas solidarias,
para cambiar o mundo,
para que naza o Reino.
Abre as nosas mans e os nosos corazóns
para aprender a compartir o que somos e o que temos;
para vivir a festa diaria da solidariedade,
que é o amor polos demais feito acción e compromiso.
Ensínanos a ofrecer o que temos,
a compartilo coas outras persoas,
a dalo con xenerosidade.
Ensínanos a dar os nosos cinco pans e os nosos dous peixes,
a compartir os nosos bens, a vivir co preciso,
a ser persoas xenerosas e desprendidas.
Ensínanos a dar os nosos cinco pans e os nosos dous peixes,
a dar o noso tempo, a ofrecer a nosa colaboración,
a compartir os nosos dons.
Cinco pans e dous peixes non son moito,
pero chegan cando se comparten:
porque cando un dá o que ten,
a solidariedade fai o resto,
e chega para a vida de todas as persoas.
Ensínanos a ser persoas solidarias.
Ensínanos a compartir desde a gratuidade.
Ensínanos a ledicia de dar,
para construír o Reino,
para vivir o amor,
para cambiar o mundo e achegalo máis a Deus.
CANTOS
- ENTRADA: Vinde axiña
- LECTURAS: Eu soñei
- OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
- COMUÑÓN: Pan do ceo
Comentarios