Ir al contenido principal

DOMINGO 14 TO

No colo do Deus nai atoparemos consolo

PÓRTICO

Estamos tan afeitos a escoitar que temos que ser testemuñas daquel en quen cremos, que o dicimos coma un sonsonete rutinario, sen pararnos a pensar qué supón iso para a nosa vida de crentes. Porque que é unha testemuña?. Pois é aquela persoa que coñece un determinado feito e pode dalo a coñecer a outras persoas. De verdade nós vivimos a experiencia da fe coma algo liberador, que aporta algún sentido á nosa vida, que pode ilusionarnos e facernos contaxiar en abano esta ledicia e estas ganas a quen camiña con nós?; ou máis ben convertemos a nosa fe nun tranquilizante, nun cumprimento, nunha canga insoportable que poñemos sobre os nosos ombreiros e mesmo tentamos impoñela sobre os dos demais?.

    A nosa celebración de hoxe invítanos a reflexionar sobre o feito de que, se nós non estamos convencid@s de que paga a pena seguir a Xesús, que El nos fai mellores persoas, mellores cidadáns, mellores veciños, mellores compañeir@s de traballo.... non estamos respondendo axeitadamente á súa chamada. Que caiamos na conta.

O PERDÓN

  • Señor, tantas veces temos reprimido os nosos sentimentos para aparentar o que non somos, que esquecemos que ti es tenrura ofrecida e compartida, SEÑOR, AGARÍMANOS CO TEU CONSOLO.
  • Cristo, axúdanos a non caer na tentación de pensar e vivir a fe como se fose unha cuestión filosófica, esquecendo que Ti nos invitas a vivir na tenrura, a empatía e a misericordia, CRISTO, AGARÍMANOS CO TEU CONSOLO.
  • Señor, que na dificultade dos camiños da vida, saibamos descubrir a túa presenza como nai que comprende, sufre e confía nas ilusións dos seus fill@s, SEÑOR, AGARÍMANOS CO TEU CONSOLO.

REMUÍÑO

ASÍ VOS CONSOLAREI EU: O profeta Isaías preséntanos hoxe unha imaxe ben distinta da que estamos habituados a escoitar, recibir e mesmo ter de Deus. Fálanos de Deus como nai. Nun momento da historia no que a muller pouco a pouco vai acadando na sociedade o lugar que lle corresponde e durante tanto tempo lle foi negado, non está de máis que desde a perspectiva do feminino pensemos tamén a Deus como aquel@ que, vivindo desde a tenrura, vive a constancia da confianza, a esixencia, a doazón, a dispoñibilidade… a dor asumida para que outr@s poidan vir á vida -que é o parto senón un momento de dor solidaria, de empatía e acollida sufrida e agarimosa para con quen chega-. Deus nai chámanos hoxe a que aprendamos a vivir poñéndolle ás cousas da vida corazón e razón, sentimento e reflexión, paixón e entrega, como sempre fan as nais, á causa dos seres humanos queridos e sempre collidos da man da nosa nai Deus. Por iso, e por moitas cousas máis, cando dicimos Deus, non podemos dicir outra cousa máis ca consolo, pois consolo é o que sempre saben poñer nas vidas dos seus fill@s tódalas nais. Pero que lonxe está esta imaxe coa que a Igrexa institución transmite e da que nós mesmos estamos a transmitir coa nosa vida!. Si, porque as máis das veces, a que se nos transmite non é unha idea de Deus-Nai, senón que se parece máis a unha madrastra ríxida, fría e dura á que non lle doen as persoas porque lles son totalmente alleas e estrañas. Nun tempo coma no que estamos a vivir, no que unha boa parte da nosa xerarquía di falar no nome de Deus para condenar, crispar e enranciar o ambiente, non estaría de máis que nese tempo que pasan diante do Santísimo, reflexionasen sobre o que hoxe nos di o profeta: o Señor consolaravos. De verdade nós somos conscientes e estamos dispostos a consolar a quen está triste, a acubillar a quen se sente só, a acompañar a quen está desesperanzado, a querer a quen está marxinado.....?. Porque, aínda quen os pareza que non....

DEUS CHAMA SEMPRE: Teriamos que ser conscientes disto: Deus vai chamando por nós cada día: no traballo, no trato cos veciños, na relación entre os membros da familia... El vai facéndonos, a través da mediación dos demais, pequenas ou grandes chamadas. Isto plantéanos a nós unha pregunta: escoitámolo?. Seguro que moitas das veces non... é máis, non lle facemos ningún caso. Porén, El nin se desanima nin se desespera, porque nos quere e confía en nós, e séguenos chamando. E sigue a chamarnos porque non pode calar, dóelle que nós moitas veces xustifiquemos inxustizas, que calemos diante de situacións que sabemos que non están ben e lle traen tristeza e dor ás persoas, que sexamos fortes cos débiles e débiles cos fortes, coma os mediocres. Por todas estas cousas e debido a estas situacións, Deus sigue a chamar por nós, para que espertemos dunha vez e nos poñamos a andar.

PARA QUE SEXAMOS TESTEMUÑAS: Xesús envíanos porque sabe que descubrir que está onde alguén necesita de paz, sorriso, escoita, defensa, alento... é entender na súa totalidade o gran agasallo que nos veu traer. Non deixemos pasar esta ocasión de atopar o sentido, a raíz, o motor, a luz, o camiño da nosa vida. Non estamos nos tempos de antes nos que os nosos privilexios facían que a misión fose doada. É este un espellismo que quizás hoxe en día botamos de menos, porque aínda está no nosos subconsciente o prestixio o sentirnos importantes, o poder de manipulación e de medo… Porén, hoxe temos que estar preparados, xa que dende a liberdade e o respecto, as persoas poden dicir que non, poden non escoitarnos. De aí que as vellas formas non valen, o cristianismo de presenza cada vez faise máis difícil... pero é o único posible. Así que mergullémonos no medio da sociedade sen medo, dende a nosa vida, para ofrecerlles ás persoas un xeito e un estilo de facer pobo, de traballar, de acoller, de buscar o fundamental do Reino: a paz que nos trae Xesús. Porque o estilo de Xesús é de acollida, non de confrontación, nin de reproche, nin de crernos os únicos e os mellores, senón que El é o primeiro en dicirnos que estamos equivocados se pensamos así, e que só poderemos ser verdadeiras testemuñas súas dende a paz e a acollida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Dicimos que Aquel no que cremos e a quen lle rezamos, é un Deus que nos quere, que camiña sempre connosco. Sabedores de que isto é verdade, e chamados a experimentalo na vida de cada día, dicimos agora xunt@s:

QUE CONSOLEMOS COMO TI NOS CONSOLAS A NÓS

  • Pola Igrexa, que formamos tod@s nós, para que non teñamos medo a anunciar a Xesús dende a cercanía e non dende uns privilexios desfasados que tanto mal crearon, coartando a liberdade das persoas, e creando unha imaxe que non se axusta nada ao evanxeo, OREMOS.

QUE CONSOLEMOS COMO TI NOS CONSOLAS A NÓS

  • Que nas nosas comunidades parroquiais non esquezamos nunca que canto rezamos cos beizos dentro dos templos, logo temos que ilo vivindo fóra deles sabendo tratar ás persoas, crentes ou non, con respecto e agarimo e preocupármonos por elas, estando ao seu lado, vivindo os seus gozos e as súas angustias, Oremos.

QUE CONSOLEMOS COMO TI NOS CONSOLAS A NÓS

  • Como Xesús enviou aos setenta e dous, tamén nos envía a nós, e faino encomendándonos a misión de sermos testemuñas do que celebramos á hora de comportarnos e tratar cos demais. Para que non sexamos nós os que desunamos, enfrontemos ou oprimamos aos demais, Oremos.

QUE CONSOLEMOS COMO TI NOS CONSOLAS A NÓS

Agradecid@s unha vez máis por facerte presente entre nós, sabendo que poñendo en Ti a nosa confianza non nos sentiremos desacougad@s; e confiad@s de que nin o cansazo nin a fatiga nos van desalentar, dicímosche, Señor, que es o mellor agasallo que nunca poderíamos ter recibido.P.X.N.S. Amén.

REFLEXIÓN

(Pódense facer fotocopias para darlle á xente e rezala tod@s xunt@s)

OH DEUS DE TENRURA, ES A MIÑA ALEGRÍA

Meu Deu, eu sei que Ti me amas e sei

que o teu amor por min non é un amor que pasa,
senón un amor eterno.
Sei que me amas tal e como son,
xa sexa parvo ou intelixente,
xa sexa débil ou forte,
xa sexa equilibrado ou atolado...
pouco importa, eu sei que me amas,
Aínda máis: sei que me amas
cando me sinto perdido,
cando son pecador, cando estou pobre,
non só de diñeiro, senón de virtudes.
Eu sei que Ti me amas e que o teu gozo é buscarme
como o pastor busca á ovella perdida,
e sei que te alegrarías moito se me deixara atopar.
Eu sei, meu Deus, que o teu Fillo é a proba
vivinte do teu amor,
ese amor eterno, que no tempo vén ao noso encontro.
Bendito sexas meu Deus,
Ti queres guiarme polo mesmo camiño
e darme un día de festa,
a ledicia completa de ser teu para toda a eternidade.
Amén.

(Jacques Leclerc)

CANTOS

ENTRADA: Que ledicia a miña

LECTURAS: Consolade ao meu pobo / Ide e pregoade

OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas

COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...