Ir al contenido principal

14 domingo TO 2011

Unha bendición sen auga bendita que non busca votos, senón acoller co corazón e vivir coas actitudes o día a día da súa presenza

Pórtico

Acostumados a ver nas bendicións das cousas, non a decisión de facer presente a Deus na vida, senón o culto á imaxe da autoridade de "turno", a palabra de Deus invítanos hoxe a cambiar esta falsa imaxe que temos do que significa querer ser bendicidos pola presenza de Deus na nosa vida. Aquel que é a nosa bendición preséntasenos de xeito modesto, sinxelo e sen facer apenas barullo, como sen que se note; pero si que está, e faino para converter a nosa vida nunha treboada de disposición e esforzo por levar sorriso de dignidade e xustiza alí onde a violencia, o abuso e a utilización das persoas para fins interesados acabaron impóndose. Si, a bendición da que Deus nos fala non sae nos xornais nin tampouco abre os programas de información, pero si que alenta e enche a nosa vida de valores, actitudes e opcións nas que a igualdade e a dignidade humanas son berce de presenza de Deus.

Perdón

  • Porque cando pedimos a túa bendición non queremos crer que ela inunda e invita a cambiar actitudes e comportamentos, SEÑOR, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
  • Porque non acabamos de crernos que morrer a nós mesmos non é unha morte física, senón un renunciar á soberbia, ao autoritarismo, á imposición e ao dominio dos demais, CRISTO, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.
  • Porque a mansedume e a humildade non son as actitudes que encamiñan a nosa vida, SEÑOR, QUE TE BENDIGAMOS COS FEITOS.

Remuíño

  • Cando falamos de Deus utilizamos habitualmente expresións que nos van mostrando unha imaxe del bastante afastada das realidades máis cotiás que os seres humanos temos. Así, dicimos que Deus é omnipotente, todopoderoso, eterno…, facéndonos unha imaxe de alguén que está moi por riba de nós e de canto nos preocupa. E esta imaxe desde a que tantas veces temos manifestado e asentado a fe, vai facendo que para moitas persoas Deus non só se afaste do que lles pasa, preocupa ou viven, senón que non signifique nada na súa vida, polo que a fe resúltalles indiferenza na medida na que non supón nada do que lles importa, aflixe ou preocupa. Porén, o profeta Zacarías busca presentarnos un xeito moito máis humano de comprender e vivir, de percibir a vida desde Deus. Fálanos da súa modestia, da súa sinxeleza, da súa humildade… Isto debe levarnos a que caiamos na conta de que temos que repensar a imaxe de Deus desde a que afirmamos crer e vivir valores e actitudes que o teñen a El como centro, forza e sentido. O que nos ha levar a que non busquemos a Deus nin nos pazos, as grandes catedrais, o diñeiro, o poder, as celebracións fastosas que, aínda que esteticamente lle poidan parecer fermosas a moitos, nada ou pouco teñen que ver co que nos pasa, o que sufrimos, canto nos preocupa ou nos fai estar desacougados. Volvamos entón os ollos á Palabra de Deus e deixémonos alimentar por ela, para ver si podemos descubrir, na media en que a lemos, coñecemos e rezamos, razóns para percibir a Deus como Aquel que quere e sabe estar con nós tanto cando somos capaces de rir e aledarnos, como cando as situacións da vida nos van pondo dificultades que temos que ir afrontando e superando. Só así entenderemos o que queremos dicir cando manifestamos que Deus é amor e amigo. Tomemos en serio, e apliquemos tamén, que Deus non é fasto, senón modestia.
  • Así poderemos bendicilo coas nosas obras, dando morte a canto nos leva a por camiños de soberbia, superioridade, suficiencia ou desapego das persoas necesitadas de nós. Se o que queremos é vivir a vida sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos demais, ben de sentírmonos incapaces e medorentos .O Deus de Xesús é o Deus da vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan os corruptos, os delincuentes de salón e burocracia, os que aproveitándose da boa fe dos sinxelos e humildes fan negocios que simplemente os benefician a eles empobrecendo aos demais. O Deus no que cremos que nos reúne nesta celebración non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón o do amor .E o amor, como ben di Paulo, só se pode mostrar nas boas obras, que non son de ladrillo e miles de euros, senón do que facemos, non para nós e o noso proveito, senón por e para o ben dos demais.
  • Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un corazón entregado á solidariedade e á causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos invita a ter poder, senón que nos mostra o camiño: a sinxeleza e a honestidade do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos.

Oración da comunidade

Queremos, Señor, que a túa bendición enchoupe a nosa vida para facer dela transparencia do teu amor e da túa xustiza, por iso dicimos:

QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA

  • Que na Igrexa aprendamos a camiñar no recoñecemento da diferenza, a pluralidade e a discrepancia, sen intentar impoñer o que cada un pensa como se fose o único, OREMOS.

QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que sexan berce de persoas maduras, comprometidas coa súa realidade e que en vez de restar sexan quen de sumar, tanto no pobo, coma na familia e o traballo, OREMOS.

QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA

  • No día a día, moitas veces esquecemos que bendicirte non é ter boas palabras, senón estar convencidos de que a nosa vida ha ser o Evanxeo que mostre o importante que Ti es para nós, OREMOS.

QUE A MANSEDUME E HUMILDADE ENCHOUPEN A NOSA VIDA

Señor: que non botemos en saco roto canto temos rezado xuntos na nosa oración da comunidade. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Grazas, Pai,

por tódalas cousas pequenas

que compoñen a miña vida

e a vida dos meus veciños todos.

Grazas pola xente pequena,

pola xente pobre,

pola xente que parece de pouco proveito,

pola xente que vive pobremente,

sen ningunha chulería.

Grazas pola beleza agochada

en tódalas cousas humildes,

en tódolos corazóns humildes.

Grazas,Pai,

porque, sendo rico, faste pobre

para que todos nós poidamos enriquecer en ti

polo camiño do pobre.

Grazas porque segues escollendo o pequeno

para te faceres presente e activo,

coma cando escolliches á pobre María de Nazaré.

Grazas pola nova oportunidade que nos dás

de aprender dos pobres

a facer comunidade cristiá.

(Manolo Regal, Benqueridos amigos, 348)


 

Cantos

  • ENTRADA: Camiñando pola vida
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Acharte presente na vida
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...