Ir al contenido principal

Remol Trindade 2011

UN DEUS QUE NON QUERE CAMIÑAR SO

PÓRTICO

Nunha sociedade na que as redes sociais, en cuestións de segundos, son quen de poñer en contacto a milleiros de persoas dun cabo a outro do mundo e de mobilizar e convocar a xente que, malia non coñecerse, comparte uns mesmos ideais; paradoxicamente atopámonos co feito de que moita xente, moitas familias viven hoxe na máis absoluta das incomunicacións: comparten a mesma casa, entran en saen pola mesma porta, sentan na mesma mesa, viven no mesmo espazo…pero pouco falan e non se coñecen entre eles. Son incapaces de abrir o corazón para compartir desánimos, plans, proxectos ou ilusións.

Porén, a festa que celebramos hoxe, a Trindade, que nos mergulla de novo no tempo ordinario, vén dicirnos que o Deus que se manifesta en Cristo e que envía o Espírito para alentar a nosa vida non quere camiñar só e incomunicado, senón que entra en comuñón con nós. Que non pechemos o corazón á súa chamada.

O PERDÓN

  • Pai bo e amigo, ábrenos a descubrir a túa presenza nos irmáns
    e nas irmás, SEÑOR, GRAZAS POLO TEU AMOR.
  • Cristo pan de vida, ábrenos a camiñar aprendendo a celebrar a vida e a agradecer a man solidaria e agarimosa de quen quere axudarnos na dificultade, CRISTO, GRAZAS POLO TEU AMOR.
  • Espírito de alento e solidariedade, ábrenos a aprender a compartir con quen se ve necesitado, ESPÍRITO, GRAZAS POLO TEU AMOR.

REMUÍÑO

"O Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade": A Palabra de Deus que vimos de escoitar móstranos unha vez máis unha imaxe de Deus chea de tenrura. Porén, dentro da nosa sociedade son demasiadas as persoas para as que Deus é unha palabra con connotacións negativas, que trae malos recordos, alguén en quen non interesa pensar, alguén de quen hai que pasar se queremos ser felices e vivir plenamente. Cabería preguntármonos que parte de culpa temos nós coma Igrexa neste asunto. Frases como "castigo de Deus", "Deus premia aos bos e castiga aos malos", "sufrir no nome de Deus"…. e outras lindezas polo estilo tan comúns na nosa linguaxe, van presentando unha imaxe falsa, de tirano e dominador, que, ao final e a pesares de ser só unha pantasma que non existe na realidade, acabamos por crer e, polo tanto, transmitir. E, deste xeito tan horrible, só conseguimos unha cousa: que moita xente se vaia esgallando da vida da comunidade e perda as súas convicións de fe. Porque, se diante do mal que un xa se pode sentir por non ter actuado ben: ser egoísta, insolidario, inxusto, violento… Aquel de quen esperabamos agarimo, tenrura ou compresión, o que fai é castigarnos, para que crer?. A vida xa é bastante dura como para que agora o Deus, que tiña que ser perdón e misericordia, veña e me afunda aínda máis no meu "desnorte". Diante desta visión tan afastada da Palabra de Deus na que moitos de nós temos medrado, a lectura do libro do Éxodo móstranos a un Deus enchoupado de misericordia e de compaixón, un Deus amigo e atento ao que nos pasa, un Deus que nos quere a pesares dos nosos erros ou incoherencias. Que gozo e ledicia poder xuntarnos o domingo para celebralo, compartilo e agradecelo!.


 

"Traballade, animádevos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor estará convosco": E neste amor é no que estamos chamad@s a medrar e a camiñar na nosa vida. Hoxe é un bo momento para que nos preguntemos cal é a nosa aportación, alí onde estamos, para favorecer a comunicación e as relacións de uns para cos outros. Paulo, na súa carta, márcanos o roteiro das relacións cos demais irmáns e irmás. De que nos vale participar nas celebracións e rezar moito se logo non sentamos ao lado daquela persoa que non nos cae ben; se cando botamos o pé fóra imos murmurando d@s veciñ@s; se non nos comprometemos en cousas que favorecen o ben común na nosa comunidade, no noso barrio, no noso concello….; se somos incapaces de mover un dedo para axudar a quen precisa de nós; se enmudecemos cando lle están cortando un traxe a alguén, se encirramos entre dúas persoas que tiveron un desencontro ou non "perdemos o tempo" visitando, escoitando ou acompañando a quen está triste, solo ou desesperanzado… Aínda temos moito camiño por andar; pero hoxe é un bo día para comezar.


 

"Deus enviou ao seu Fillo non para condenar, senón para que o mundo se salve": Porque….se Deus non condena, quen somos nós para condenar, xulgar ou separar entre bos e malos?. Se El non quere que ninguén se perda, nós estamos chamad@s a facer nada que supoña que outras persoas sufran, desconfíen, discutan ou se pelexen. A fe supón forza, alento, compromiso na tarefa de facer do mundo a casa de tod@s, sabendo que non somos os únicos nin estamos solos, senón que o Deus Trindade: Pai, que nos quere e acompaña; Fillo, que nos ensina e agarima; Espírito, que alenta e enfortece; son para nós compañeiros de camiño. Non dubidemos. Paga a pena abrirlles o noso corazón.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Non podemos facer nada mellor que agradecer de maneira comunitaria a presenza e o alento do Deus graza, amor e comuñón que uníndonos para dicir:

QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS

  • Que camiñemos sendo unha Igrexa austera, solidaria e fraterna, Oremos.

QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS

  • Que celebremos como verdadeira comunidade preocupándonos, con misericordia e compaixón, do que lle pasa a quen temos máis preto, Oremos.

QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS

  • Que non deixemos que no corazón de cada un de nós creza o individualismo, a indiferenza e o silencio diante das dificultade e problemas polos que estean a pasar os nosos veciños, amigos ou compañeiros de traballo, Oremos.

QUE A FORZA DO TEU AMOR MEDRE ENTRE NÓS

Grazas por mostrarte coma un Deus amor que nos reúne para celebrar e amar na comuñón e responsabilidade de uns para cos outros. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Non lle teñas medo aos que agochan a verdade,

ou, créndose donos dela,

manipúlana, dosifícana e véndena.

Rebélate,

manifesta en todos os sitios,

en todo momento,

a tempo e a destempo,

a túa fe na vida e na irmandade

adquirida ao amparo do Pai,

ao lado de Xesús,

á sombra do Espírito,

no seo da comunidade.

Fíate de Xesús,

responde á súa chamada;

fíate do Pai,

descansa no seu colo;

fíate do Espírito,

loita e se libre.

Estás investindo a vida

no proxecto máis grande e venturoso

posto nas nosas mans.

Non teñas medo!.

Confía en Deus!.

CANTOS

  • ENTRADA: Temos unha festa
  • LECTURAS: Canta aleluia
  • OFERTORIO: Pan de vida
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...