Ir al contenido principal

13 domingo TO C



SUPERANDO O EFECTO GASOSA: XESÚS CHAMA AO SEGUIMENTO, NON SE QUEDA NO EFÉMERO DA EUFORIA

Pórtico
            Día a día vaise impondo no noso xeito de pensar e facer as cousas a idea de que todo é efémero, de que as cousas son para o aquí e agora e nada máis. E a forza de ilo repetindo e escoitando unha e outra vez, acabamos por crelo. A consecuencia deste xeito de pensar e actuar é clara: nada vale nada, aos demais sempre podemos utilizalos para os nosos intereses, non importa ter valores, principios ou horizontes na vida, para que?. Vivamos ao día, vivamos a tope, non nos preocupemos nin dos outros nin do que pasa ao noso lado. Total, para que, se todo dura nada e vale menos?. Deste xeito, o efecto gasosa –moita forza pero para pouco tempo– non só se vai impoñendo na percepción da realidade, senón que o futuro nin nos importa nin o esperamos. E tan así é a cousa que as consecuencias estámolas a vivir cada día: as persoas non valen nada e, polo tanto, que máis dá enganalas, tratalas como se fosen cousas ou actuar como se non estiveran?. Deste xeito, cada día son máis as persoas e colectivos aos que se lles condena ao máis absoluto dos silencios e á invisibilidade. Diante disto, os cristiáns seguimos crendo que en Xesús hai un camiño persoal e comunitario que nos invita a realizar, e no que atopamos sentido, forza e enraizamento. Non é unha chamada a actuar coma a gasosa, senón a prezar o esforzo, a paciencia, a capacidade de resistir e non virse abaixo diante das dificultades.

            Unámonos, logo, nesta mañá a cantos queremos celebrar a fe respondendo a esta invitación de Xesús, e saiamos do noso encontro comunitario do domingo cheos de gozo, esperanza e compromiso para non deixarnos arrastrar pola moda do efémero.

Perdón
û  Señor, que non nos deixemos levar pola impaciencia e o arrouto, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Cristo, que non caiamos na tentación de construír a vida desde o efémero, CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.
û  Señor, que non nos deixemos desacougar diante dos problemas e dificultades, SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SEGUIRTE.

Remuíño
·         Eliseo e máis Elías sabían que a presenza de Deus estaba con eles, por iso, a pesares das dificultades, as dúbidas e os temores que lles acaían, non renunciaban. Sabíanse acompañados, o que os motivaba para seguir poñendo paz, esperanza e xustiza, desde a súa palabra, na vida do pobo. Deus era a súa forza, o motivo para non deixarse ir; a enerxía que non lles permitía estar calados diante do que estaba a ocorrer. Tamén nós hoxe somos invitados a actuar coma Elías e mais Eliseo: sen medo, sen sentirmos vergoña, con ganas e ilusión, para que a tristura, o desencanto, a desesperanza e a sensación de fracaso non aniñen na nosa vida nin na dos que están ao noso lado. E iso todos somos conscientes de que non é nada doado, porque por moito que nos esforcemos, a presión, cando todo se derruba ou parece derrubarse, é moita e moi grande. A fe non nos chama, nestas situacións a resignarnos; tampouco nos dá un programa político ou económico; ela, por si mesma, non resolve problemas. Non é o seu cometido. Pero si podemos ir descubrindo desde a mensaxe na que asentamos a nosa fe a imaxe dun Deus que non se deixa ir, que non cae na resignación, que non xustifica a realidade como se non houbera nada máis que facer. A fe, logo, ofrécenos un Deus que coa súa presenza ao noso lado vainos dando azos para loitar, para non quedar calados, para movernos, para gritar e actuar contra todo canto queira converter á persoa nunha realidade invisible coa que podemos xogar e á que podemos utilizar segundo o interese dos poderosos. Este é o gran milagre de Deus: dános confianza e empúrranos a poñer en práctica todos os valores e actitudes que ao longo dos textos da súa palabra nos foi deixando. Iso podemos velo hoxe claramente nas actitudes tanto de Eliseo como de Elías: souberon escoitar a voz de Deus e puxéronse en camiño. Que tamén nós, entre o barullo deste mundo cheo de cousas tan efémeras, aprendamos a descubrir a voz permanente de Deus que nunca cansa e sempre acompaña...o que non quita que teñamos que ser nós os que tomemos as decisións e asumamos as consecuencias da nosa liberdade e das nosas limitacións.

·         Unha liberdade desde a que Paulo lles fala a aquel grupo de cristiáns de Galacia. En Cristo fomos salvados, pero tamén nel tod@s nós fomos liberados de calquera escravitude. Xa nada é máis forte ca nós. Agora que, especialmente no ámbito do deporte, utilizamos expresión “podemos”, para poñer de manifesto que en nós, nas nosas mans, está a capacidade para conseguir logros e metas; tamén podemos aplicalo a calquera ámbito da nosa vida para manifestar que a liberación que desde Cristo se realizou en nós, convértenos sempre en capaces. Xa non é o destino o que marca o noso camiño, senón nós mesmos, coa capacidade que temos de tomar unha ou outra decisión, de orientar a vida cara a un horizonte ou outro. Isto que Paulo lle lembra aos Gálatas vale tamén para nós. Non podemos permitir que outros, os que máis poden, mandan ou saben, decidan por nós, reducíndonos a simples peóns que moven ao seu gusto. Un cristián non acepta este xeito de actuar, porque desde Cristo somos invitados a ser os protagonistas da nosa propia historia, sen deixar que ninguén a secuestre e acabe contándoa ou vivíndoa, por nós. E para unha persoa libre, o amor ten que ser o seu guieiro, como o foi para Xesús; o que significa que non é misión nin tarefa nosa comernos uns aos outros a dentadas, senón deixarnos guiar pola forza do Espírito que sempre nos chama a un vivir humano e humanizador, sen componendas que enganen e escravicen aos demais ou a nós mesmos.

·          De aí que, como decidiu Xesús, tamén nós temos que ir baixando das torres persoais que nos incomunican e nos fan crer mellores cos outros, para tamén poñernos en camiño e ir á Xerusalén; asumir a incomprensión, o desprezo ou o abandono, pero sen renunciar ao obxectivo que nos marca o ser seguidores de Xesús: camiñar construíndo e testemuñando o ben diante do mal. Seguilo non é doado. Supón non acomodarse, superar a preguiza, non deixarse levar dos apoios que poidamos ter. Seguir a Xesús ha facer que moitas veces nos sintamos esquecidos por aqueles amigos que se achegaban buscando e seguindo os seus intereses; pero estaremos cheos dos amigos que buscan e recoñecen a presenza e a dignidade de Deus nos irmáns. Por iso a fe non é unha emoción efémera, senón un compromiso esixente. Unha esixencia que moitas veces pode acabar deixándonos solos... inda que cheos da ledicia e da esperanza de quen sente consigo a Xesús ao facer as cousas ben.

Oración da comunidade
            Oramos xunt@s ao Señor, sentíndonos comunidade que atopa na oración comunitaria forza e alento para afrontar  a vida sen deixarnos levar da desesperanza, e dicimos:
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que na Igrexa non nos deixemos levar pola tentación do efémero e non esquezamos que só dedicándolle tempo e esforzo ás persoas poderemos sentir o gozo e a ledicia de descubrirte e atoparnos contigo, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que non renunciemos nunca a construír comunidade e fagamos o esforzo por asociarnos para camiñar xunt@s nos diversos ámbitos da nosa vida: na igrexa, na parroquia, no barrio, participando nas actividades culturais, creando actividades para goce dos demais, tendendo a man ao amig@ que nos necesite..., OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
*    Para que o seguimento de Xesús saibamos convertelo en proximidade aos enfermos, acompañamento de quen está só, solidariedade para quen non ten e respecto para todas as persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO O AGARIMO DA TÚA PRESENZA
Grazas, Señor, por darnos a oportunidade de sentir a forza e o apoio da comunidade nestes tempos difíciles, nos que o efémero e as présas fannos esquecer que son a perseveranza e a paciencia as que conseguen logros de realización persoal e de ben común. P.XN.S. Amén.

Reflexión
Onde atopar ao Señor?.
Quen poderá ver o seu rostro?.
Verano os pobres de espírito,
que por non estar apegados a nada
escoitan con atención a voz de Deus.
Verano os de corazón manso,
aqueles que construíron a paz na súa propia vida.

Onde atopar ao Señor?.
Quen poderá ver o seu rostro?.
Verano os que teñen fame e sede de xustiza
e claman a Deus para que a paz reine no mundo;
os que piden ao seu Señor que faga desaparecer tantas inxustizas
e tantas mortes sen sentido.
Verano os que teñen misericordia do irmán,
os que teñen un corazón cheo de amor polos demais.

Onde atopar ao Señor?.
Quen poderá ver o seu rostro?.
Verano os que predican co exemplo antes que os que se dedican só a falar;
os que constrúen antes que os que destrúen;
os que traballan pola paz antes que os que provocan a guerra.

Que haberá que facer?.
En quen habitará o noso Deus?.

Só quen o busca o atopará para seguir buscándoo.
Só quen se pregunta poderá atopar o camiño.
Só quen viva o amor na súa plenitude
contemplará o verdadeiro rostro de Deus.
Só o posuirá aquel que se deixe posuír por el.
Só o acadará quen sexa alcanzado pola súa graza.
Só quen viva en tensión, en crecemento, en maduración
será habitado polo Señor.

Cantos
ü  ENTRADA: Camiñando pola vida
ü  LECTURAS: Amigos nas penas
ü  OFERTORIO: Cantade ao Señor
ü  COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...