Ir al contenido principal

12 Domingo TO C


O COMEZO DUNHA GRANDE AMIZADE NA QUE FLÚE O DIÁLOGO: OS SACRAMENTOS
Pórtico
            Os católicos temos setes sinais cos que queremos mostrar que a presenza do amor de Deus se vai manifestando sempre na vida: os sacramentos. Cada un destes sinais quere achegarse a unha faceta da nosa vida para expresar que nela nos atopamos con Deus nunha experiencia de sentido e amizade. Son sete sinais de encontro e agarimo; nada que ver cos ritos baleiros nos que os temos convertido. Deus non nos deixa nunca, sempre quere encontrarse con nós. Desde o comezo ata o remate das nosas vidas, esta presenza vai dándonos a forza para ser misericordiosos, solidarios no alimentar aos irmáns, servizais na disposición a dedicar tempo a quen o necesite, consolo e agarimo na enfermidade e amor fiel que enriquece a convivencia.
 
            Neste domingo, esta experiencia de encontro e relación con Deus preséntanola Paulo ao dicirnos que o bautismo non é costume nin tradición, senón incorporación a Cristo, á súa morte e á súa resurrección, ao camiñar sabendo asentar cada un dos pasos que damos; a deixar pegada e recendo, a través de nós, da súa presenza. Por iso é tan importante, non que bauticemos aos nen@s, senón que estamos dispostos a ser para eles testemuñas vivas e gozosas de Xesús a través do noso estilo de vida. O importante non está no número, en ser moitos, senón na calidade: saber e querer seguir o camiño desde a fidelidade convencida da mensaxe de Xesús.
 
Perdón
û  Por non tomar en serio a decisión e as consecuencias de querer que os nosos fillos e afillados reciban no sacramento do Bautismo a ledicia da fe, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS REVESTIR DE CRISTO.
û  Porque nos dá vergoña confesar que somos crentes, e nos sentimos gozosos de manifestalo, CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS REVESTIR DE CRISTO.
û  Por deixar que a ausencia de Deus na nosa vida nos encha de sede de amor e xustiza, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS REVESTIR DE CRISTO.
 
Remuíño
ü  A mirada é para nós unha gran fonte de información. Transmítenos estados de ánimo, dúbidas, desacougos, acollidas, rexeitamentos, goces ou frustracións. A mirada achéganos ou afástanos uns de outros. Por iso podemos entender perfectamente as palabras desta primeira lectura de Zacarías: Deus fixa en nós a súa mirada, nos seu sollos recoñecémonos fillos e irmáns, amigos e compañeiros na mesma viaxe. A mirada de Deus non volve a cara para outro lado, senón que nos fita con profundidade para dicirnos: coñézote, quérote, acompáñote, anímote e estou ao teu lado para que non te sintas so. A mirada de Deus entra en profundidade na nosa vida, non para que nos sintamos tranquilos, seguros e protexidos, senón para facer dela un canto doazón ás causas que para Deus son importantes: as dos seres humanos. Nada hai humano que escape ao amor, á presenza e á preocupación de Deus. Fitándonos, tamén nós camiñamos nesta mesma dinámica que nos leva a atoparnos uns cos outros, a axudarnos uns aos outros, a traballar pola xustiza, a dignidade e os dereitos das persoas sen vacilacións nin medo. E isto só poderemos sentilo e facelo se descubrimos o impacto e a forza desa mirada de Deus en nós. Que lonxe está isto daquela idea que de xeito insistente -o Deus do triángulo que todo o ve- facía que xurdise a visión dun Deus que era medo e nos castigaba se non faciamos o que nos mandaban; castigo que sempre viña relatado en forma de sufrimento, carencia, abandono ou pobreza. Ese non é o Deus da mirada tenra, agarimosa, misericordiosa e sempre disposta a achegarse a quen o necesite. Desde esta mirada de Deus, somos hoxe invitados os cristiáns a evanxelizar alí onde nos movamos: familia, barrio, parroquia, traballo... porque a mensaxe de Xesús só chegará aos corazóns das persoas a través e por medio do testemuño dos que nos chamamos os seus seguidores. As palabras, por moi ben ditas e escritas que estean, sempre as acaba levando o vento; pero os testemuños, os feitos cos que imos enchendo a nosa vida, quedan sempre como a mellor das vivencias desde as que aprender. E servirán para expresar o mandamento fundamental do que cremos: o amor. Só quen ama e o mostra coa súa vida, pode ser semente viva daquel que miraba ao corazón das persoas, non á carteira nin ao poder.
 
ü  Necesitamos que esa mirada asente en nós e vaia facendo repousar a nosa vida. Unha vida que está sedenta de moitas cousas; que na maioría dos casos son prescindibles, innecesarias, superfluas. Pero sempre queda un recuncho de necesidade e importancia. E é aí onde temos que sentir a sede de Deus. Non un deus feito á nosa medida, e diante do que xustificamos todo canto facemos, senón dun Deus que nos mira con cariño, nos alenta sentindo as nosas ledicias, pero tamén acompañando as nosas frustracións e desencantos. Un Deus Pai, amigo, irmán: A miña alma está sedenta de ti, Señor, meu Deus. Unha sede que me faga pararme con quen está so, que me leva a saber compartir o que teño con quen non ten, que me motive a non ter medo a defender a quen está sendo tratado inxustamente. Nunha palabra, unha sede que me faga rebordar de humanidade por dentro, e me leve a non quedar quedo nin a xustificar comportamentos indignos cando as persoas son enganadas e reducidas a número, votos ou estatísticas por parte dos poderosos.
 
ü  Para iso fomos revestidos de Cristo. Para enchouparnos da súa paixón polos seres humanos, para enchouparnos da súa esperanza, para non deixarnos caer polo barranco da desesperación, que tantas veces expresamos co aquí non se nada que facer , quen manda pode ou o destino de cada un está escrito. Porque todo iso non é verdade –somos libres e responsables das nosas decisións-, sabémonos revestidos de Cristo. El axúdanos a non baixar a garda e a ter actitudes positivas e propositivas que nos fagan albiscar sempre luz, por moi escura que estea a realidade. No bautismo fomos revestidos de Cristo, para non deixar que aniñe en nós a xustificación do triunfo do engano, a mentira e o desalento; e para loitar contra deles.
ü  Coma Pedro, tamén nós temos que ir confesando, non con palabras, senón coa nosa vida, que El é o Mesías, o Fillo de Deus, o que nos veu traer o vento que nos move a non deixarnos esmorecer pola tristura, senón que nos fai crecer na esperanza que ilusiona, comparte e loita desde a unión e a busca do mellor para as persoas. Xesús non foi un político, pero si se preocupaba por cambiar e denunciar o que estaba mal. O centro da súa vida e da súa palabra eran as persoas, especialmente as peor tratadas. Non enganaba, senón que dicía a verdade: a vida é dura, difícil, por iso necesitamos uns dos outros. Se queremos, podemos darlle sentido e vivila con gozo. Que a nosa confesión de fe saibamos facela coas boas obras que poñen calor e tenrura nos corazóns doídos e magoados dos nosos irmáns!.
 
Oración comunitaria
            Señor, compartimos a nosa oración comunitaria para sentir o agarimo da túa presenza. Facémolo dicindo:
SEÑOR, REVÍSTENOS DO TEU AGARIMO
*    Que cantos formamos a Igrexa fagamos da nosa mirada compromiso, empeño e esforzo que converta o noso testemuño en sinal da túa presenza, Oremos.
SEÑOR, REVÍSTENOS DO TEU AGARIMO
*    Que en cada recanto das nosas comunidades parroquiais, nos esforcemos por poñer a túa mirada de tenrura e colaboración cos veciños, amigos ou familiares que poidan necesitar do noso tempo e da nosa axuda, Oremos.
SEÑOR, REVÍSTENOS DO TEU AGARIMO
*    Que ao erguernos cada mañá, fagamos sempre o esforzo por atopar ilusións e esperanzas que vaian convertendo o día en fonte de gozo que nos leve a pensar e actuar non só individualmente, senón tamén construíndo comunidade, Oremos.
SEÑOR, REVÍSTENOS DO TEU AGARIMO
Señor, achegámosche a nosa oración comunitaria, sabendo que ao acollela unímonos a todas as persoas que, co seu esforzo, buscan facerlle a vida máis agradable aos demais. P.X.N.S. Amén.
 
 
Reflexión
A tenrura é a forza máis formidable,
universal e misteriosa,
inscrita no corazón do ser humano
capaz de transformar o mundo. 
Tratase dunha tenrura teologal:
nace da fe en Deus,
móvese na caridade dos xestos e
esténdese na esperanza de cada un dos actos.
Consólame pensar que chegará o momento,
fóra deste mundo,
no que amarei de veras e todo o que fun capaz de querer e amar.
Por iso a viaxe máis longa de todas as viaxes é a do amor;
a da tenrura, que continuará tamén no encontro final, pleno e gozoso,
que nos fará chegara ao cumio,
onde nos atoparemos co Deus amor. Amén.
(Ariel David BUSSO)
 
Cantos
·       ENTRADA: Andarei na presenza do Señor
·       LECTURAS: Amigos nas penas
·       OFERTORIO: Pan do ceo
·         COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...