Ir al contenido principal

11 Domingo TO C

A RECONCILIACIÓN DESDE O AMOR: CAMIÑO DE VIDA E MADUREZ PERSOAL

PÓRTICO
Toda a celebración litúrxica deste domingo xira ao redor da experiencia da reconciliación, da que tod@s nós, por unha ou outra razón, estamos necesitad@s. Reconciliación con nós mesmos –que pouco nos queremos ás veces!; reconciliación cos demais, reconciliación con Deus e mesmo reconciliación co mundo do que formamos parte. Reconciliarse é unha tarefa esixente: volver a unir o que por rutina, comodidade, costume ou indiferenza se foi rompendo, illando ou destruíndo. E o cumio da reconciliación é o cambio: volver a poñérmonos de novo en camiño, saber onde está a meta que tantas veces foramos deixando atrás. Nunha palabra, reconciliarse é conseguir de novo a ilusión na vida.

Xesús, no evanxeo que imos escoitar hoxe, danos un novo exemplo de que, se queremos, nada pode impedir que nos reconciliemos con Deus, con nós e cos demais. É unha cuestión de liberdade. A liberdade de coñecer, querer e saber. Non é Deus o que nos impide reconciliarnos, somos nós ou os demais os que poñemos atrancos, dureza de corazón e soberbia ao non deixar que o que fixemos mal e rachara, volva unir. Atendamos á Palabra de Deus, que busca cambiar os nosos corazóns, para que non que aniñen neles nin o rancor nin as ansias de vinganza.

O PERDÓN
*        Por non querer saber que reconciliarse non é unha palabra, senón un cambio de actitude no noso xeito de comportarnos, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.

*        Porque en moitas ocasións seguimos menosprezando e minusvalorando o papel das mulleres na sociedade e na Igrexa, CRISTO, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.

*        Por non querer deixar atrás canto sabemos que nos afasta de Ti e dos demais, e nos fire interiormente, SEÑOR, QUE NON SEXAMOS SOBERBIOS.

REMUÍÑO
û  Cando falamos de Deus, temos que ter sempre en conta dúas palabras que son as que mellor expresan e mostran o que queremos dicir: amor e perdón. Si, porque Deus é amor. Amor que acolle, acompaña, aloumiña, escoita, alenta e se preocupa... Nada que ver co concepto de amor ao que tantas veces nos referimos hoxe. Deus non se identifica coa paixón física, senón que o seu amor di referencia sempre a termar e preocuparse pola persoa. El é quen, desde e por amor, envía ao seu Fillo para que a plenitude deste amor se converta en entrega xenerosa de coherencia e doazón. Por iso a cruz, para nós, cristiáns, e para os que sen selo queiran comprender o seu significado, non é un espectáculo de morte e fracaso, senón entrega e triunfo; é resurrección e mais vida. Desde estas claves é desde onde temos que entender que queremos dicir ao empregar a expresión “Deus é amor“.

û  Unha segunda palabra que nos axuda a entender e identificar a Deus como presenza na nosa vida é a de perdón. E cando dicimos perdón, buscamos expresar unha actitude de achegamento ao irmán, a capacidade e o esforzo de non deixar que a xenreira, o odio ou as ansias de vinganza aniñen no corazón. Como somos humanos, moitas veces nin o entendemos nin somos capaces de deixar atrás eses episodios, esas situacións nas que nos sentimos feridos polo que nos fixo alguén. Porén, Deus non actúa así. Porque é amor, o perdón é a actitude que pon de manifesto que, para El, o rancor non é camiño que renove e humanice á persoa, senón que o camiño pasa por dar novas oportunidades; El non mira nunca para o atrás da nosa vida, para o que xa pasou, senón que nos abre camiños de futuro e esperanza. Por iso a misericordia e o perdón se van abrindo paso sempre no actuar do seu Fillo.

û  Unha misericordia e un perdón que hoxe se poñen de manifesto na acollida de Xesús a aquela muller pecadora, reparando non no seu pecado, senón na súa capacidade para cambiar e recuperar a súa dignidade. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. Cant@s de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinad@s, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar?. Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalad@s co dedo?. Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder?. E a cousa é infinitamente peor se, coma no caso que nos ocupa hoxe, hai unha muller polo medio. Cando aínda escoitamos dos nosos curas frases do tipo “agarrádevos ao altar, que o ambón xa o colleron elas”, cando co gallo dunha misa solemne se dá a consigna de que non lean elas, para que non haxa mulleres no presbiterio; cando determinadas teimas do tipo “non é bo que as mulleres falen cos curas, diáconos, bispos ou seminaristas, non vaia ser que perdan a vocación”, cando a tantas persoas valiosísimas se lles nega o acceso a postos de responsabilidade na Igrexa polo simple feito de ter nado mulleres, cando á voz delas lle esiximos un “plus” para ser escoitada, cando falar de mulleres e falar de pecado son termos sinónimos... e que algo, realmente escandaloso e enfermizo, está a pasar dentro da nosa Igrexa.

û  Que a misericordia de Deus aniñe en nós cada día para poder ir tecendo, alí onde esteamos, cobertores de solidariedade, amor e misericordia que poñan sempre de manifesto que somos dignos seguidores do Mestre; quen non condenaba, senón que perdoaba e acollía... tamén ás mulleres, porque non facía distincións.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, toda a comunidade quere unir neste momento o seu corazón e a súa palabra para, compartindo a oración, dicirche:
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, sabemos que a Igrexa moitas veces non responde á misión de ser amor e perdón para tantas persoas que chaman na súa porta buscando ser acollidas. Axúdanos e aléntanos para que non nos desviemos do teu camiño, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, nas nosas comunidades somos moi de ritos, costumes e tradicións, pero coñecemos pouco o teu Evanxeo e a túa mensaxe. Dános forza para renovar o noso corazón e as nosas actitudes, para que agrome en nós a túa misericordia, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
·         Señor, que aprendamos a vivir na misericordia de quen sabe perdoar, comprender, escoitar e animar a quen pida de nós tempo e atención, OREMOS.
QUE O TEU PERDÓN NOS AXUDE A PERDOAR
Confortados por canto pos na nosa vida, queremos, Señor, seguir compartindo gozos e esperanzas que nos alentan e animan no camiño. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Pai,
agradecemos que sigas alentando
todo canto facemos por construír unha vida reconciliada.

Comparte esta nosa tarefa de deixarnos reconciliar:
contigo, cos irmáns, con nós mesmos e co mundo.
Non é doado, Ti e mais nós sabémolo ben!.
Somos preguiceiros para todo canto nos supón o esforzo de cambiar, escoitar e perdoar.
Por iso non avanzamos!.

Hoxe temos escoitado que é o amor o único que move ao perdón.
Que non o esquezamos nunca.

Dános azos para non abandonar a tarefa de reconstruír en nós
canto nos fai avanzar no camiño da reconciliación;
para que as nosas vidas e as dos demais, coñezámolos ou non,
se enchan sempre da dignidade que puxeches nelas.

Que a forza do Espírito faga dos nosos corazóns
latexos de acollida e esperanza persoal e comunitaria.
Compartimos os gozos, as tristuras, as ledicias e os fracasos
de cantos dixeron si á túa invitación de deixarse reconciliar.

Que o noso compartir, convertido en amor, saiba ser:
conforto para quen está desacougado e triste e
solidariedade para quen está solo e necesitado.
Queremos que a nosa oración polas familias, as nosas e as dos demais,
sexa o primeiro paso neste camiño de reconciliación, persoal e comunitaria, á que nos chamas.

Dános,Pai, sabedoría que encha do teu amor os nosos corazóns.
Guíanos no noso compromiso para acadar a meta de sentírmonos reconciliados.
Pedímoscho polo noso Señor Xesucristo, o teu Fillo,
que xunto co Espírito Santo nos dan o alento
para que a reconciliación enchoupe a nosa vida. Amén.

CANTOS
ü  ENTRADA: Que ledicia a miña
ü  LECTURAS: Benaventurados
ü  OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida
ü  COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...