A NECESARIA FIDELIDADE AOS SINAIS DOS TEMPOS (G.s. 4) COMO XERMOLO
DE RENOVADA EVANXELIZACIÓN
PÓRTICO
Unha
frase que seguro temos escoitado moito a curas, bispos e papas cando falan da
necesidade que ten a Igrexa de manter sempre vivo o seu compromiso de
evanxelizar é a de que temos que estar atentos aos “sinais dos tempos”, é dicir, que non podemos escapar da realidade,
dar de costas ao que está pasando ao noso redor. Non, porque canto ocorre e nos
ocorre, debe interesarnos e preocuparnos, pois como moi ben di o concilio
Vaticano II, “nada hai verdadeiramente
humano que non atope eco no seu corazón”. De aí que teñamos que prestar
atención e implicarnos en todo o que se relacione coa vida e realidade das
persoas. Só así, poderemos ser verdadeiros xermolos de renovada evanxelización
no medio do mundo. Se nos illamos, se estamos como se as cousas non foran con
nós, se non nos preocupamos do que lle pasa á xente, dificilmente podemos
chamarnos, e selo, seguidores de Xesús, cristiáns.
Canto
vimos dicindo axúdanos a entender por que na celebración de hoxe, Santiago
Apóstolo e Día de Galicia, rezamos pola nosa terra, pola nosa xente, polos
políticos, polos que traballan nos diferentes ámbitos da realidade galega:
naval, automoción, cultura, construción, sanidade... porque só comprometéndonos
cos problemas e realidades da nosa sociedade, poderemos responder á misión á
que nos envía Xesús de ser fermento no medio da masa. Un fermento que fai que a
masa creza e se expanda.
Que mellor ca hoxe para, unha vez
máis, lembralo e poñelo en practica.
O PERDÓN
ü Por desentendermos dos
problemas e dificultades que sofren as persoas da nosa contorna, SEÑOR, PERDOA A NOSO A FALTA DE COMPROMISO.
ü Por pensar que van ser
outros os que nos solucionen os problemas e dificultades, desatendendo canto
pasa ao noso redor, CRISTO, PERDOA A
NOSA FALTA DE COMPROMISO.
ü Por ter actitudes
pasivas e despreocupadas , como se non foran con nós, diante dos enganos e
manipulacións aos que nos someten os gobernantes, os medios de comunicación e
os teñen poder no noso mundo, SEÑOR,
PERDOA A NOSA FALTA DE COMPROMISO.
remuíño
*
Sen
volver á época do rei Herodes, tamén nestes momentos, inda que non da maneira
burda e chabacana de outros tempos senón moito máis sibilinamente, sen facer
moito estrondo e dando a impresións de que non ocorre nada, hai moitas persoas
que son pasadas a coitelo. O coitelo do engano, do esquecemento, do trato ás
persoas como se fosen cousas que se usan e logo se tiran. Pensemos nas
preferentes, pensemos na mentiras ou medias verdades que uns e outros nos
contan cando é tempo de eleccións; pensemos nos cambios de lexislación para
suprimir dereitos ou quitar prestacións utilizando unha linguaxe aparentemente
limpa e inmaculada –impoluta– que nos distrae, pero que o que expresa é que os
que mandan impoñen, e os demais temos que calar e obedecer. Si, son moitos os
coitelos cos que hoxe a tantas familias se lles acoitela facéndoas invisibles,
truncándolles proxectos ou usándoas como se fosen números ou estatísticas de
beneficios ou perdas. Por iso, nesta mañá, desde a palabra dos textos que temos
proclamado na celebración, podemos preguntarnos que estamos facendo cada un/ha
de nós para que estas situacións desaparezan, para que non nos sigan tomando o
pelo, para que deixen de considerarnos cousas e non persoas; para que a xente
non pase a un segundo plano diante do poder e do diñeiro.
*
Santiago
non por atopar unha situación difícil se limitou a calar e deixar que as cousas
pasaran sen máis. Ao contrario, sen medo e con unha profunda esperanza en canto
escoitara de boca de Xesús, fai fronte a aqueles que mandaban e querían oprimir
e perseguir a cantos non pensaban coma eles, coma os cristiáns da primeira
fornada. Esa valentía foi a que o levou ao seu martirio. Pero non renunciou a
dicir o que pensaba, e a actuar como consideraba que debía facelo. O que estaba
chamado a ser medo que o paralizara, converteuse en liberdade para dicir o que
pensaba, e en compromiso para defender aos máis pobres e excluídos, e como
consecuencia, pola súa valentía, os poderosos fixérono desaparecer. Aquí temos
nós o mellor exemplo se queremos levar con dignidade o nome de cristiáns, do
que ten que facer un seguidor de Xesús: actuar sen medo, afrontar os problemas,
non calar diante da inxustiza e abuso dos que teñen poder e capacidade para
impoñer as súas decisións aos demais,
*
Non
deixemos que os coitelos, que non producen sangue, senón tristeza, pobreza,
inxustiza, esquecemento, supresión de dereitos ... corten e esnaquicen valores,
proxectos e ilusións, producindo dor nas nosas vidas. Uns coitelos que ademais
de ir contra as persoas; sempre se dirixen contra os máis débiles e pobres. Que
os resortes que nos da a fe para ser valentes, xustos, honestos, defensores dos
débiles... os poñamos en accións para defendelas. Esa ten que ser a verdadeira
preferencia. Porque somos imaxe e semellanza de Deus, e non xoguetes. E que
mellor que hoxe, estando atentos aos sinais dos tempos, e desde a celebración
do día de Galicia, para tomar conciencia de quen somos, onde estamos e como
temos que actuar seguindo os vieiros que foi trazando Xesús co seu xeito de
actuar, pensar e dicir. Claro que este cáliz é duro, pero como acabamos de
escoitar no Evanxeo, xa Xesús lle preguntou aos Zebedeos se serían capaces de
bebelo. Eles non se engurraron, dixeron que si, e logo mostrárono coas súas
obras. Se nos preguntase a nós, e tendo en conta como vimos actuando moitas
veces, deixando que as cousas ocorran sen dicir nin facer nada...
responderiamos o mesmo?.
oración da
comunidade
Neste
día de Galicia e seguindo o testemuño vivo e auténtico de Santiago Apóstolo,
presentemos a nosa oración comunitaria sabendo que para que sexa auténtica, ten
que recoller os problemas e dificultades, tamén as esperanzas, que as persoas
estamos a vivir neste momento. Facéndoo así, digamos xunt@s:
QUE COMO
SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ
ö Para que a Igrexa, toda
ela, estea sempre atenta aos sinais dos tempos, e sexa voz dos sen voz, defensa
dos débiles e casa sempre aberta para os desherdados, OREMOS.
QUE COMO
SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ
ö Para que desde as nosas
comunidades nos esforcemos por defender, axudar, e non criticar nin ter
prexuízos, para coas persoas que nos necesitan e non teñen traballo, están
enfermas ou viven soas, OREMOS.
QUE COMO
SANTIAGO, TAMÉN NÓS, BEBAMOS DO TEU CÁLIZ
ö Que neste día de
Galicia, encomendemos na nosa oración a nosa terra e a nosa xente, para que non
cansemos de traballar, cada un desde o seu eido, persoal e laboral, para facer
unha Galicia máis próspera, renovada, desenvolvida e xusta, OREMOS.
Grazas, Señor, por espabilarnos
a través da túa palabra,e invitarnos a que a nosa oración non sexa rutinaria,
senón viva, sincera e auténtica. P.X.N.S. Amén.
Para A REFLEXión
Señor
noso Deus, noso Pai,
dámosche
grazas por todo canto tes posto no camiño da nosa vida:
pola
alegría de vivir, polas nosas familias, polos nosos amigos,
polo
aire que respiramos, polos dons cos que nos agasallaches
e
polas relacións que fan posible que medremos día a día.
Grazas
, Pai, polas oportunidades que nos tes dado
para
testemuñar o Amor co que nos amas a todas as persoas.
Grazas
polo teu perdón e por darnos unha vida plena e abundante.
Señor,
a Ti,
que
xa es dono de todo o que somos e o que temos,
dedicámosche
a nosa vida,
clamando
que ela poida ser usada para fins nobres e verdadeiros
cuxos
froitos honren e glorifiquen o teu nome.
Que
saibamos facelo sempre, Señor, desde o amor á nosa terra á nosa xente.
Que
nunca nos evadamos da realidade,
e
sempre nos esforcemos por recoñecerte nos sinais dos tempos,
a
través dos que nos invitas a unha renovada evanxelización,
para
facerte presente a ti e á túa mensaxe. Amén.
CANTOS
ENTRADA: Vinde axiña LECTURAS: Eu sei de quen me fiei
OFERTORIO: Na nosa terra
COMUÑÓN: Eu soñei
Comentarios