DE PASO, SEMPRE DE PASO. DE PASO. GOCEMOS DA NOSA CONTINXENCIA
Pórtico
Formulamos moi ben as cousas
teoricamente, pero non somos o mesmo de lúcidos cando temos que aplicar toda
esa teoría ás nosas vidas, ao día a día de cada un de nós e dos que nos rodean.
Dicimos isto porque todos temos manifestado en diversas ocasións que estamos
aquí de prestado, que somos para un tempo, que non podemos aferrarnos ás cousas
materiais, que todo queda aquí, que para alá non levamos nada... cantas veces
non nos temos manifestado así?. E tal e como o dicimos, parece mesmo que o
cremos, que o tomamos en serio. Logo, cando vén o problema, a enfermidade, o
fracaso inesperado, a partida dun familiar ou amigo ocorre que nos resulta
difícil aceptar e entender o efémero da nosa vida, a nosa continxencia e
limitación.
A pensar sobre isto é ao que nos
invitan os textos que hoxe imos proclamar na celebración. Por iso non debemos
esquecer cales son os centros, os principios, os referentes que nos van dando
forza nos moitos momentos de incertidume que todos imos sentindo ou polos que
imos pasando ao longo da vida. Clarifiquémonos entón, porque necesitamos facer
ben as cousas e valoralas na súa xusta medida, para non ter que atoparnos, en
situacións difíciles, perdidos e
desnortados. É fundamental traballar, é necesario facelo ben para
sentirse feliz con un mesmo e co que podemos ofrecer aos demais, pero tamén o é
non esquecer que só no Señor, poderemos atopar o noso refuxio, o noso acougo
que nos axuda a non esquecer que estamos de paso; e que a ese ir pasando temos
que darlle sentido e horizonte. E, aínda que soe cansino, o sentido e o
horizonte dun crente é Deus; que se manifestou de xeito pleno en Xesús.
PERDÓN
- Para que non esquezamos que estamos de paso, e no noso pasar debemos encher a vida de sentido e da responsabilidade de facer as cousas ben, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
- Para que non esquezamos que só en Deus poderemos atopar refuxio que nos acolla, acompañe e agarime, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
- Para que nos esforcemos sempre por non deixarnos levar polos agoiros dos que nunca son capaces de descubrir que na vida non só hai tebra, senón que tamén xermola e asoma a luz, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA INSENSATEZ DE CRERNOS AUTOSUFICIENTES.
REMUÍÑO
*
O traballo é un
ben persoal e comunitario que vai facendo que a nosa vida teña sentido, se perciba
como útil e enriquecedora. Desde el imos madurando, sendo conscientes das nosas
capacidades e limitacións, do que lle podemos ou non aportar aos demais.
Sabémolo ben neste momento no que é tan escaso e son moitas as persoas que non
o teñen. Asemade, o traballo é tamén un medio de crecemento e desenvolvemento
comunitario. Grazas ao traballo duns e outros, imos gañando calidade de vida, o
que fai que as nosas condicións persoais, sanitarias, educativas, tamén
laborais, sexan mellores. Isto xera o paradoxo de que as melloras acadadas en
calquera dos eidos do mundo laboral supoñen sempre mellores condicións para
desenvolvelo; pero iso ten un custo: xa non se necesiten tantos traballadores.
Pensemos en como era calquera profesión hai trinta anos, e vexamos como é hoxe.
As melloras teñen sido moitas, pero tamén se foron perdendo postos de traballo.
Neste paradoxo temos que vivir sempre. Non
é algo novo que xurdira agora; desde que o ser humano descubriu o traballo como
medio de vida e canle de desenvolvemento persoal e comunitario ten sido así. O
que temos é que buscar de superar unha percepción negativa de traballo -herdanza
dunha lectura equivocada e negativa dos textos do A.T.-, para comezar a
construír reflexión e vivencia que nos axude a percibir e sentir o traballo
como don, medio, realización, contribución á mellora social... e deste xeito
saber dar resposta persoal e razoada á pregunta que se fai o autor do texto do
libro de Eclesiastés que temos escoitado na primeira lectura. Como escoitamos
agora moitas veces –mágoa que teñamos chegado a isto pola vía negativa da súa
falta– non se sabe canto importa e vale o traballo ata que se perde.
*
En Deus os
crentes atopamos refuxio e acougo. Refuxio e acougo que tan necesarios son
sempre, pero principalmente en momentos duros e difíciles como son polos que
agora están a pasar tantas persoas e familias por mor da falta de traballo.
Deus non é un recurso abstracto e afastado ao que nos diriximos cando as cousas
non nos van ben, senón que El é a presenza permanente na que nos sentimos
acollidos, a man que percibimos e nos impide que caiamos nos abismos do
desespero e a ausencia de perspectivas na vida persoal. Non é medo o que lle
debemos ter, senón confianza. A confianza que dá quen nos ofrece agarimo e se
move non na lóxica do interese, a rendibilidade, o engano ou a utilización dos
demais; senón na lóxica –hoxe tan ausente– do don, a gratuidade, a acollida, o
que trascende a estreitura de miras nas que habitualmente nos movemos, abríndonos
a un horizonte desde o que entendemos por que a vida ten sentido e paga a pena
apostar por ela: porque detrás de cada irmán e irmá, está presente o Deus que é
imaxe e semellanza, e plasma a súa pegada en cada un/ha de nós. Por iso non
pode ser outra cousas máis que refuxio. Moi lonxe do algo abstracto e etéreo do esoterismo e modas“new age”
tan de moda hoxe, e que tan pouca consistencia teñen para asentar o sentido da
vida das persoas.
*
Invitados a
buscar en Deus, descubrimos na persoa e na mensaxe de Cristo o porqué e a razón
de afirmar que temos fe. El non engana nin entretén. O seu testemuño móstranos
a entrega xenerosa da súa vida; unha vida que asume a dúbida –“Pai, que pase de min este cáliz, pero...”–
pero non queda nela, senón que loita por superala. Unha vida que sabe que está
de paso, pero un paso que vai deixando pegadas de eternidade e sentido, e que
tod@s nós somos invitados -que non obrigados- a seguir para así ir descubrindo
que o efémero non ten máis que a consistencia do momento, que esmorece, que é
fráxil e débil. Necesitamos afondar máis, poñer rumbo e horizonte para chegar
ao núcleo, á meta, ao porto no que atracar o barco da nosa historia persoal.
Sempre rezamos no credo, inda que as veces esquecémolo, que a vida é triunfo de
eternidade, de presenza e goce de Deus. E iso non é máis que o triunfo de cada
unha das historias persoais e comunitarias na presenza e plenitude de Deus; a
vitoria e o resarcimento , logo de todas as dores, sufrimentos e dificultades
polas que teñamos pasado. Se non somos capaces de prantexarlo desde este
horizonte, a nosa fe é baleira e estéril. E a nosa oración unha perda de tempo.
Si, a fe é don, pero o don hai que acollelo e facelo render. Esa é a tarefa de
cada un de nós namentres estamos no mundo e da que nos falaba Xesús no Evanxeo
de hoxe: vivir con dignidade si, atesourar esquecendo distinguir o accesorio do
fundamental, non.
ORACIÓN DA
COMUNIDADE
Compartamos
este momento de oración comunitaria dicindo:
SEÑOR,QUE
NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û Pola
Igrexa, para que nunca utilice a relixión para intereses persoais privados:
adquisición de poder, de prestixio, de bens materiais… senón que saiba
presentala coma camiño que dá sentido á vida das persoas, OREMOS.
SEÑOR,QUE
NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û Para
que nos esforcemos por construír comunidades cristiás asentadas na forza da
solidariedade, o traballo comunitario e a axuda desinteresada ao veciño que estea
pasando por dificultades, OREMOS.
SEÑOR,QUE
NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
û Para
que non esquezamos nunca que a fe non se asenta sobre formulacións teóricas,
senón sobre o testemuño co que cada un/ha de nós, imos mostrando que é Deus,
quen nos invita a traballar por un mundo máis xusto e solidario do que o
atopamos, sen caer na preguiza nin no derrotismo, OREMOS.
SEÑOR,QUE
NON CAIAMOS NA COBIZA DO EGOÍSMO
Grazas, Deus
amigo, por alentarnos no esforzo de non deixarnos levar do pesimismo que
encolle corazóns e secuestra esperanzas. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Ando polo meu camiño,
pasaxeiro,
e ás veces creo que vou sen compañía,
ata que sinto o paso que me guía,
ao compás do meu andar, de outro viaxeiro.
Non o vexo, pero está. Si vou lixeiro,
el apura o paso; diríase
que quere ir ao meu lado todo o día,
invisible e seguro o compañeiro.
Ao chegar a terreo solitario,
el préstame valor para que siga,
e, si descanso, onda min repousa.
e, cando hai que subir monte (Calvario chámao el),
e ás veces creo que vou sen compañía,
ata que sinto o paso que me guía,
ao compás do meu andar, de outro viaxeiro.
Non o vexo, pero está. Si vou lixeiro,
el apura o paso; diríase
que quere ir ao meu lado todo o día,
invisible e seguro o compañeiro.
Ao chegar a terreo solitario,
el préstame valor para que siga,
e, si descanso, onda min repousa.
e, cando hai que subir monte (Calvario chámao el),
sinto na súa man amiga,
que me axuda, unha chaga dolorosa.
que me axuda, unha chaga dolorosa.
(José María Souvirón)
CANTOS
*
ENTRADA:
Camiñando pola vida
*
LECTURAS:
Escoita ao Señor
*
OFERTORIO:
Quédate, Señor, connosco
*
COMUÑÓN:
O amor é o meirande
Comentarios