A PAZ: CAMIÑO A PERCORRER E META A ACADAR
Pórtico
Hoxe os textos da
celebración xiran todos eles ao redor do tema da paz. E inda que é verdade que
temos escoitado moitas veces que a paz é un valor, unha actitude, un
compromiso, unha tarefa... na que todos nós deberiamos estar implicados,
resulta que na nosa práctica de cada día a paz vai estando cada vez máis
ausente. Temos que recoñecer que non somos pacíficos. É verdade que non
utilizamos nin pistolas nin bombas para mostrar esta nosa belixerancia. Non,
nós somos máis sutís no noso xeito de non ser pacíficos: ignoramos a persoas,
enganámolas, contámoslle medias verdades, poñémolas baixo presión pedíndolle o
que sabemos que non poden facer... en fin... Desde a celebración de hoxe todos
nós somos, unha vez máis, invitados a revisar o noso xeito de facer as cousas
desde a confrontación coas palabras que Deus nos dirixe para que decidamos, e
para sempre, deixar atrás todo o que, sen disparar un só tiro, non nos fai
pacíficos.
Perdón
- Señor, afasta de nós a tentación de facer invisibles ás persoas que sofren, SEÑOR, ALÉNTANOS A VIVIR NA TÚA PAZ.
- Cristo, que non caiamos en actitudes que fomentan o engano e a mentira, CRISTO, ALÉNTANOS A VIVIR NA TÚA PAZ.
- Señor, alenta en nós o abandono de canto supoña enfrontamento e falta de respecto cara aos demais, SEÑOR, ALÉNTANOS A VIVIR NA TÚA PAZ.
Remuíño
Coma un río
a rebordar, di o profeta Isaías, fará Deus crecer a paz entre nós. Este
desexo/intención que con palabras e imaxes plenamente humanas utiliza o profeta
quere ser unha constante na nosa conciencia e no noso xeito de actuar para que
non esquezamos que sen paz non é posible non só vivir e entendernos, senón recoñecer
a dignidade e a presenza de Deus nos demais. A paz, inda que o teñamos
escoitado moitas veces, non é só unha meta a acadar, senón que ela mesma é xa o
camiño polo que temos que ir.Por iso Isaías insiste en que quen queira ter a
Deus como referente na súa vida ten que ser persoa de paz. Non alguén que cala,
evita o conflito ou soporta a inxustiza que outros botan sobre ela. Non, iso
non é ser pacíficos, senón mexericas. E Deus non quere mexericas, senón persoas
que sexan conscientes da súa dignidade e, desde ela, non transixan nunca diante
dos que queren pisoteala, mangoneala ou usurpala no nome de non sei que
autoridade ou lei. A paz non é algo heterónomo que nos vén de fóra; non, a paz
é tarefa que nace desde nós e se vai desenvolvendo no día a día da nosa vida e
das nosas relacións. De aí a importancia de non confundir a paz co quietismo
que nada fai e todo o soporta. Ela é tarefa continua e meta a acadar. Sen estas
dúas referencias, nunca poderemos responder á chamada que Deus nos fai de ser
persoas de paz, que non resignadas.
É este
esforzo continuo o que nos ten que levar a aclamar ao Señor, non como
xustificador do noso sometemento e resignación, senón como aquel que está
acompañando este camiño que percorremos, e que non sempre é doado, no que imos
desenvolvendo actitudes e comportamentos de paz, pacíficos. Esas son tamén as
marcas –pegadas– de Xesús das que fala Paulo na carta aos gálatas. E só se
poden levar no corpo as pegadas de Xesús, se facemos da nosa vida a resposta,
non exenta de riscos e dificultades, a poñer en práctica e en valor canto El
nos foi legando co seu xeito de facer e dicir e que os seus seguidores da
primeira hora recolleron e logo puxeron por escrito no que hoxe chamamos o Novo
Testamento. Aí e desde aí, é como coñecemos que entende el, e que quere de nós,
cando nos invita; mellor, nos urxe, a ser homes e mulleres de paz e testemuñas
no medio do mundo no que estamos e vivimos. A paz non é entón unicamente a
ausencia de guerra –hai situacións moi violentas nas que non soan nin bombas
nin tiros– senón unha actitude, un xeito de comprender e realizar as cousas nas
que nos vemos implicados cada día. Tampouco é calar, como diciamos antes, e
aguantar no nome dun falso respecto a alguén superior e con poder, nin tampouco
a fidelidade a unha promesa feita e que outros incumpriron. Non, a paz é unha
tarefa sempre activa de facer que o esplendor que mostra o que cada un de nós
sexamos imaxe e semellanza Del, agrome en cada momento e situación no que
fagamos e na maneira de facelo. Nunca, nin no nome de Deus nin no nome de
ningunha lei, poderá haber paz sen respecto das persoas!
Por iso
insiste tanto Xesús, porque tal e como acabamos de escoitar no Evanxeo a tarefa
é moita, e os xornaleiros poucos. Pero se os xornaleiros –nós- tomamos en serio
a tarefa, si que poderemos facer moito traballo a través do que vaiamos
espallando o recendo da paz que Deus en Xesús nos ofrece e urxe a desenvolver.
Esta tarefa aprémanos, e non podemos deixala para outra hora. O seu envío é
urxencia por estar presentes, como evanxelizadores, en todos e cada un dos
recunchos nos que esteamos os seres humanos. Sen rexeitar ningún, e facéndoo
sempre como resposta a este mandato/envío de Xesús. En tódolos ámbitos da vida
humana temos que estar presentes os seguidores de Xesús, para que, co noso
traballo a prol da paz e da xustiza, nos convertamos en sementadores e construtores
do seu Reino. Desde o mundo da economía, a política, o sindicalismo,a cultura a
ciencia... Porque non ter estado, ou ter
esquecido que debemos estar para sementar os valores do Evanxeo, foi o que nos
trouxo esta crise que estamos a vivir. Crise que non é unicamente de cartos,
senón moito máis fonda e grave: crise de humanidade, por ter esquecido que a
persoa está por riba do material, do que dá rendemento e do que é útil.
Esquecelo convértenos en simples medios para conseguir fins que poden dar
prestixio, pero que se esquecen da dignidade, o respecto; nunha palabra, que se
esquecen das persoas.
Oración da
comunidade
Chamados a ser persoas de paz, unímonos para compartir esta tarefa, e
poñemos en común a nosa oración comunitaria dicindo:
SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DA TÚA PAZ
- Para que cantos formamos a Igrexa nas súas diferentes responsabilidades e compromisos nos esforcemos por traballar camiñando na paz e establecendo relacións de colaboración e servizo, e non de poder e submisión ao autoritarismo, OREMOS.
SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DA TÚA PAZ
- Para que nas nosas comunidades evitemos non só os conflitos que xeran violencia física, senón tamén aqueles que fan sufrir ás persoas ao ser ignoradas, invisibilizadas ou reducidas a estar caladas e sen poder expresar as súas opinións, OREMOS.
SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DA TÚA PAZ
- Polos condutores e peóns, para que valoremos, respectemos e nos responsabilicemos da nosa tarefa de ser pacientes e prudentes, porque a vida é un don fermoso que debemos conservar, OREMOS.
SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DA TÚA PAZ
- Para que nós, desde a sinxeleza da nosa vida, evitemos sempre comportamentos que non xeran paz e nos esforcemos por ser construtores de pontes entre os familiares, os veciños e cantos nos necesiten, OREMOS.
SEÑOR, FAINOS INSTRUMENTOS DA TÚA PAZ
Señor, que non baixemos nunca a garda
na nosa tarefa por ser homes e mulleres de paz e de xustiza. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Oh,
Deus, Creador do universo,
que
estendes a túa preocupación paternal e maternal sobre cada criatura
e guías
os eventos da historia á meta da salvación;
recoñecemos
o teu amor paternal e maternal
que,
a pesares da resistencia da humanidade e nun mundo dividido pola disputa e a
discordia,
Ti fasnos
preparar para a reconciliación.
Renova
en nós as marabillas da túa misericordia;
envía
o teu Espírito sobre nós,
para
que el poida obrar na intimidade dos nosos corazóns;
para
que os inimigos poidan empezar a dialogar;
para
que os adversarios poidan estreitar as súas mans;
e
para que as persoas poidan encontrar entre si a harmonía.
Para
que todos poidan comprometerse na búsquea sincera pola verdadeira paz;
para
que se eliminen todas as disputas, para que a caridade supere ao odio,
para
que o perdón venza o desexo de vinganza.
(Oración pola paz. Xoan Paulo II)
Cantos
- ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
- LECTURAS: Como che cantarei!
- OFERTORIO: Gracias, Señor, na mañá
- COMUÑÓN: Oh, señor, escólleme
Comentarios