Ir al contenido principal

5 Manos Unidas


UN MUNDO NOVO, UN PROXECTO COMÚN
Descarga o ficheiro

ESCOITA ACTIVA
Un mundo novo, proxecto comúnHoxe, segundo domingo de febreiro, nas comunidades cristiás celebramos a Campaña da Fame. Mans Unidas, a O.N.G. católica que traballa no mundo máis empobrecido, dirixe un aldabonazo ás nosas conciencias para que non esquezamos que o mundo ten que cambiar, que o mundo non vai ben. Témolo convertido nunha casa onde cadaquén vai ao seu, deixando non só persoas nas súas beiras, senón, o que é moito máis vergoñoso, tratándoas como se fosen sobrantes, sen contar para nada. Por iso, nesta mañá na que nos xuntamos, somos chamados a abrirnos ao esforzo por facer un mundo novo no que todos aportemos para facer del un proxecto común.

          A fame non é un problema duns poucos senón de tod@s, e cuestiona o noso xeito de vivir e utilizar as cousas. Namentres nós gastamos, outros non teñen nada, o que nos fai tomar conciencia de que o reparto da riqueza depende, única e exclusivamente, das persoas, do noso egoísmo e da capacidade de crearnos necesidades que nos xustifican na nosa comodidade, pero endurecen o noso corazón.
          Seremos capaces de seguir excluíndo a cantos non elixiron ser pobres, e rezando a Deus como se non pasara nada?.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
*        Por non querer caer na conta de que se queremos facer algo polos demais non hai escusas, hai motivos, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
*        Porque en demasiadas ocasións, a nosa solidariedade, o noso alento e o noso compromiso son só de palabra, e váisenos a forza pola boca, CRISTO, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.
*        Porque esquecemos moitas veces que a afirmación “somos irmáns”, non son palabras, senón vida, SEÑOR, ESPÉRTANOS DESTA APATÍA.

PALABRA ENRAIZADA
A fraternidade universal ábrenos na celebración a erguer os ollos e mirar ao noso redor moito máis alá do que alcance a vista. A vida que entre tod@s imos construíndo non se esgota no eido das nosas casas nin nas lindes das nosas parroquias. No mundo convivimos moitas persoas, e non todas temos as mesmas posibilidades, polo que é necesario superar a tentación de pensar de que o círculo temos que pechalo ao noso redor, sen preocuparnos dos que quedan fóra del. De aí que agradezamos que. de vez en cando, xornadas coma de hoxe, abaneen a nosa conciencia e nos fagan caer na conta de que, sendo todos iguais, non todos temos nin as mesmas oportunidades nin as mesmas capacidades, o que fai que nos necesitemos uns aos outros. E como ninguén é imprescindible, sempre podemos aportar cara ao común, para que todos saiamos gañando. Só recoñecendo –tomando en serio– a afirmación, tantas veces repetida por Xesús e proclamada nas nosas celebracións, de que somos irmáns, seremos capaces de ir desenvolvendo ese proxecto común que nos achega uns aos outros e evita que nos creamos mellores e salvadores dos demais. 
 E ao falar de fraternidade estamos xa tomando partido claro por un xeito de entender a vida e de facer as cousas. Non podemos dicir que somos irmáns se o que buscamos é aproveitarnos dos máis débiles, practicar a lei do funil cos que menos teñen e saben ou humillar aos que non tiveron posibilidade ou capacidade de crecer e desenvolverse como a tivemos nós. A mellora das condicións de vida, non ha ser só para nós, senón que estamos obrigados a reclamala e esixila tamén para os demais, principalmente para aqueles que non teñen tido oportunidades para que a súa vida puidera ser vivida de maneira digna. Isto supón a posta en práctica, sen buscar réditos, de condicións económicas e políticas que teñan á persoa como centro, sen caer na tentación de convertela en medio para outros intereses puramente egoístas. En Xesús os cristiáns atopamos sempre un berro que nos chama a non calar nin a deixar que os poderosos, os que oprimen, deciden e impoñen, sexan os que triúnfen e esmaguen aos pequenos. Temos que aprender a nadar contracorrente e non calar diante deste tipo de comportamentos. Como di o papa Francisco, a antropoloxía da indiferenza, na que pouco a  pouco nos deixamos ir, é o gran pecado do que non só temos que arrepentírmonos, senón ao que tamén temos que facerlle fronte desde a antropoloxía de fraternidade solidaria. O “cada vez que lle fagades isto a un dos máis pequenos” que nos di Xesús ten hoxe unha real e fonda concreción na invitación a abrir ben os ollos e a non deixarnos enganar pola liorta que provocan os que non lles importan as persoas, senón o seu propio interese.
No mundo globalizado, e no que hai tanta especulación e engano, os cristiáns estamos chamados a ser:
o   Voz que clama e busca o ben común
o   Palabra que defende e non cala ante a manipulación
o   Cabeza que é capaz de pensar e non deixarse engaiolar pola superficialidade do efémero, que se presenta en papel moi bonito por fóra e que non contén nada –pensamento líquido– dentro.
o   Mans que non dubidan en lavar feridas e curar dores que, indo máis alá do físico, deixan “tocados” a tantos dos nosos irmáns.

Que esta xornada na que se nos invita a non ter medo de mirarnos aos ollos uns aos outros, esperte en nós o compromiso de non esquecer nunca aos que xa non contan para os que mandan e impoñen.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus non é unha construción teórica que nós facemos para tranquilizar a nosa conciencia, senón a presenza viva e solidaria no irmán que nos chama a darlle a man para camiñar na busca de proxectos comunitarios. Respondendo a esta invitación dicimos:
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos ser Igrexa universal e solidaria, ofrecendo o que temos e renunciando a canto non necesitamos, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos ser parroquia en comuñón, preocupándonos dos veciños que están solos, o están a pasar mal ou non teñen quen os escoite, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
  • Para que saibamos facer da nosa vida un camiño de encontro humanizador e esperanzado con quen se sente excluído, explotado e maltratado, e non calemos nunca diante de calquera intento de aproveitarse das persoas, OREMOS.
SEÑOR, QUE ABRAMOS A MAN AO IRMÁN
Señor, que nunca perdamos a frescura que nos aporta a fe ao invitarnos a recoñecerte nos irmáns, especialmente nos tristes e que imos esquecendo, mesmo ata consideralos sobrantes. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
O compromiso por colaborar na creación da civilización do amor comeza por nós mesmos. Podemos pensar en pequenos cambios na nosa vida que fagan que o mundo creza. As divisións rachan con calquera intento de desenvolvemento. Podemos ver como traballar pola reconciliación e o verdadeiro diálogo nos nosos ambientes familiares, laborais e sociais. O camiño é longo, moitas veces non vai ser doado, pero non estamos solos. El vai connosco, chámanos e invítanos a crear comuñón. Porque só desde ela é posible ir facendo da nosa relación unha experiencia verdadeiramente comunitaria.
(Sobre un idea da catequese de Mans Unidas para os adultos)
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Amig@s nas penas e na festa amigos
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Todos xuntos
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...