Ir al contenido principal

25 Domingo TO A

NOS CAMIÑOS DA VIDA, O CAMIÑO DE DEUS É UNHA INVITACIÓN A SUPERAR CANSAZOS E DIFICULTADES
Descarga o ficheiro
Lecturas
ESCOITA ACTIVA
Temos escoitado, tamén utilizado, moitas veces a expresión “camiños da vida”. Con ela queremos poñer de manifesto todos os nosos quefaceres, as nosas tarefas de cada día, de todos os días. Esta metáfora do camiño aplicada a vida de cada un de nós axúdanos a ir tomando conciencia que do mesmo xeito que non todos os camiños son iguais, tampouco, inda que sexa o mesmo, non todos o andan da mesma maneira. Cada un vai poñendo a súa propia historia, as súas propias forzas ou o seu propio obxectivo á hora de andalo.
Nos textos das lecturas que hoxe imos proclamar o camiño preséntasenos como un elemento que forma parte da mesma vida e das mesmas preocupacións e esperanzas que cada un de nós ten á hora de facelo. Ese camiño é un camiño de crecer en liberdade e de non deixarse levar da ilusión de querer ser coma Deus. Tampouco de querer facer un deus á nosa medida. Os criterios do Deus cristián son criterios de misericordia, solidariedade, perdón, paz... gratuidade. Podemos dicir que tamén son os nosos?.
Tomemos logo conciencia de que non somos deuses, tampouco debemos ter a pretensión de querer selo, para poder deste xeito non ter medo a comezar esta andaina deixándonos acompañar pola presenza do Deus amigo que, sen confundir o seu camiño, goza de ser compañeiro do noso.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Para que non caiamos na ilusión de querer ser pequenos deuses que só buscan xustificar o cómodo e o fácil, SEÑOR, QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.
Para que non vivamos unha fe desconectada do compromiso de ser samaritanos de quen nos necesite, CRISTO QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.
Para que a nosa vida sexa unha tarefa sempre inacabada na busca de canto a renove e a faga vibrar chea de ilusión, SEÑOR ,QUE FAGAMOS DA VIDA UN CAMIÑO DE GRATUIDADE E MISERICORDIA.

PALABRA ENRAIZADA
·        O texto do profeta Isaías fainos unha chamada a que rompamos cunha maneira de entender e vivir a fe como se esta fose un produto que se pode comprar no mercado capitalista; no que todos/s, segundo se di, ten un prezo. Diante desta idea, que polo que parece xa non é nova, Deus fala por boca do profeta para que se rebele contra esta visión mercantilista do ser humano, que esquece que principal e basicamente somos dignidade....non cousa. De aí que afirme que este xeito de entender e actuar non entra nos plans de Deus. É máis, é imposible que se poida falar de Deus se o que queremos é facer o que nos peta, pretendendo logo buscar razóns que xustifiquen e lle dean “status” de actuar nobre e coherente ao que non é máis que puro egoísmo narcisista. Por iso os plans de Deus non son os plans de quen actúa así. Pero logo podemos preguntarnos: eses plans que só buscan a comenencia son tamén os noso plans?. Se é así, teremos que preguntarnos cal é a razón que nos leva a que nos chamemos seguidores Del, cando o que facemos é todo o contrario ao seguimento ao que El nos invita. Cales son os nosos plans sobre o sentido da vida, a capacidade para non deixarnos levar do abatemento, a loita pola xustiza e a defensa radical da vida de todo ser humano, sen que nada xustifique atentar contra dela?

·        Poñendo a nosa confianza nel, tamén, como lle ocorría ao salmista, seremos capaces de percibir a súa achega; sentir a súa calor, o bafo do seu alento cheo de misericordia e xenerosidade. Camiñamos nesta disposición, ou mais ben somos dos que lle damos as costas, inda que se nos encha a boca de frases que chamamos oracións e repetimos de xeito mecánico?. O Salmo 144 di: “preto está o Señor dos que o invocan”. Estar preto -entendida esta achega como disposición a dar razón da xustiza e da busca do ben común-, supón ter descuberto que Cristo o é todo para nós; de xeito que, coma Paulo, tamén nós podemos dicir que Cristo é a nosa vida. El é quen a enche de sentido, quen a transforma en verdadeira humanidade, quen a pon a dispor dos irmáns que non son nin recoñecidos nin tratados coma persoas. A fe , o seguimento de Xesús, non é un moralismo, senón un camiño de salvación; pero na medida en que o imos facendo, descubrimos a necesidade de convertelo en esixencia ética e compromiso moral, e este só pode estar na misericordia. A misericordia da que Cristo é primeira testemuña, e que nos invita a nós a ir construíndo.

·        E neste proxecto non caben nin a envexa nin o odio, senón o amor e o recoñecemento dos dons, dos valores que Deus puxo nese outro que para un crente non pode ser máis ca un irmán. A fraternidade que estamos chamados a construír desde o sinxelo da vida de cada un de nós. Cos pequenos pasos cara adiante que imos dando, e as pequenas frustracións que moitas veces nos fan sentir estancados e sen capacidade de seguir avanzando. E neste ir descubrindo novas perspectivas, tamén desde o fracaso, descubrímonos con capacidade para facer da bondade unha actitude que nos achega aos demais, e nos axuda a descubrir a Deus naqueles cos que compartimos esa bondade para facer da vida, do mundo e a da sociedade, a casa común onde non hai exclusións. Unha casa que no sobrado nos leva a descubrir os ceos novos e a terra nova á que nos chama Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Poñamos a nosa vida na man de Deus dicindo xunt@s:
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
·        Señor, grazas por descubrirnos a importancia desta comunidade que todos conformamos e chamamos Igrexa. Para que desde ela esteamos sempre no mundo con actitudes de servizo e búsquea da igualdade, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
·        Señor, grazas por invitarnos a vivir a fe en comuñón coas nosas comunidades parroquiais, onde nos sentimos acollidos e agarimados para poder falar e escoitarnos uns aos outros, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
·        Señor, grazas porque non queres que a nosa vida camiñe no baleiro e na desidia, ofrecéndonos sempre oportunidades de sentir a alegría da fe cando estamos cos enfermos, axudamos aos necesitados e acompañamos aos tristes, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
·        Recén comezado un novo curso escolar, dámosche grazas, Señor, por todas as persoas que no eido do ensino tentan levar a túa mensaxe incluínte e liberadora aos nenos e mozos; para que fagan sempre este servizo con ledicia, esperanza e responsabilidade, OREMOS.
QUE LOITEMOS NA NOSA VIDA POLA BONDADE Á QUE NOS CHAMAS
Grazas, Señor, por este camiño de crecemento e liberdade que queres facer con nós, dándonos azos para non caer na tentación do abandono. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA
Na encrucillada da vida
Señor, comezo a camiñar pola miña conta
e teño que elixir un camiño e acertar con el.
O mundo ofréceme os seus camiños, fáciles, fascinantes.
Diante disto, Ti ofrécesme outro camiño,
o camiño da misericordia, da gratuidade, do amor.
Ser misericordios@ coma ti,
aprender a compartir na gratuidade con quen non ten,
amar coa entrega e totalidade coa que amas Ti.
Un camiño que se vai enchendo de compromiso pola xustiza;
de achegas de fraternidade;
de entrega xenerosa e sincera de tempo, sorriso, ledicia ...
para con quen non o está a pasar ben.
Señor, que nunca me canse de camiñar,
e que ao longo do camiño, a quen atope,
agarimándoo nunha aperta chea de tenrura,
lle diga convencido e con verdade:
toma a miña man, irmán, para facer meu o teu sufrimento,
e compartir contigo o gozo a túa ledicia. Amén.

CANTO GOZOSO

* ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor
* LECTURAS: Señor Xesús
* OFERTORIO: Sementar, sementarei
* NOSO PAI: Co camiño do amor.....
* COMUÑÓN: Déixate querer

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...