Ir al contenido principal

27 Domingo TO B 2015



En tempos de decisións presentistas e efémeras, Deus ofrécenos unha proposta sen data de caducidade
RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS
o   ENTRADA: Vinde axiña

o   LECTURAS: Señor Xesús
o   OFERTORIO: Velaquí
o   COMUÑÓN: Quédate Señor connosco
OLLOS ABERTOS
Son estes tempos de conviccións débiles. Para moita xente as conviccións que moven as súas vidas –ser honestos, iguais, posuír a mesma dignidade, ser libres...- están en función da situación e dos intereses que lle resulten máis rendibles, sen importar que agora sexan unhas e logo outras totalmente contrarias nin quen vaia quedando polo camiño en cada elección. Isto leva a que o pensamento sexa tamén débil -líquido din outros- e que sexa cada vez maior o número dos que pensan que a vida é un ir cambiando de todo: traballo, parella, relixión, cidade, amigos... cada certo tempo; conformándose deste xeito a idea de que nada xa é posible para sempre, de que todo depende –como dicía a canción non hai moitos anos-. Nese depende vai crecendo un desacougo interior que nos vai facendo máis inseguros e desconfiados, e que nos vai levando á nada, ao nihilismo máis absoluto; o que supón vivir nun permanente estado de dúbida que nos vai desgarrando interiormente.
A reflexionar sobre esta cuestión invítanos hoxe a palabra de Deus. Pero diante do nihilismo derrotista dos que camiñan no “isto dura o que dura”, Xesús fálanos de construír pontes que unan e estabilicen as relacións entre as persoas; pontes seguras nos seus cimentos para que resistan os embates das cicloxéneses vitais que a todos nalgún momento nos chegan, para non deixar que o derrotismo desesperanzado nos faga caer no “é así e non hai outra”.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por todas as veces nas que en vez de unir separamos, creando división e enfrontamento, SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.
û  Pola nosa falta de convicción e debilidade á hora de defender aos ninguéns que todos aplastan ou ignoran, CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.
û  Pola nosa inseguridade, que nos leva moitas veces a poñer a defensa do noso sobre a dignidade de todos; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS LEVAR DO DERROTISMO.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
·        Para moita xente, especialmente no mundo rico e dominado pola convicción de que a técnica é máis importante que a persoa, todo ten data de caducidade. Iso que agora se lle chama obsolescencia. Nese todo tamén se inclúen as persoas, polo que non é de estrañar que ante problemas que van aparecendo –guerras, emigración masiva, refuxiados...– aqueles que mandan se despreocupen de buscar solucións ás situacións verdadeiramente inhumanas ás que se ven sometidos os últimos e esquecidos, caendo na indiferenza. E isto que vemos como pasa cos dirixentes, polo efecto cascada, acaba sendo tamén o xeito e a maneira de pensar de moitos outros, diante desa ou doutras situacións da mesma vida de cadaquén. Vai sendo logo tempo de que os que nos chamamos crentes en Xesús de Nazaret comecemos a pensar e vivir desde o evanxeo e non desde as liortas eclesiais ou políticas que xorden cada día e fan que uns e outros se vaian alienando coa súa posición a custa de “ningunear”-os ninguén de Galdeano son, deberan ser, unha ferida no corazón de cada un de nós- e desprezar a contraria. Tan difícil é buscar pontes de encontro e diálogo que desde a fe saiban poñer á persoa no centro? O ser unha soa carne ábrenos a perspectiva de sabernos iguais e irmáns, con capacidade de optar e decidir, pero sen esquecer ser imaxe e semellanza de Deus.
·        Tendo sempre presente ás persoas, saberemos agradecerlle a Deus, como nos invita o salmo, que nos teña bendicido cada día da nosa vida. Unha bendición que é presenza, forza, axuda e dispoñibilidade para facer da nosa vida compaña permanente, evitando así que a friaxe da soidade faga de nós homes e mulleres feridos polo abandono e o esquecemento. E xa que en Cristo, como di a carta aos Hebreos, fomos santificados, tamén estamos chamados a santificar coa nosa acción todo canto supoña non esquecer que somos persoas; e que ao noso redor hai persoas coma nós que necesitan que lles prestemos atención, tempo, acollida ou axuda. Se todos procedemos do mesmo Deus que nos quere e en quen confiamos, quen somos logo nós para dicir que a estes si e que a aqueles non? Non por telo repetido moito temos sido capaces de levalo ao corazón, pero non deberiamos esquecer que: todos somos iguais aos ollos de Deus. E, se El significa algo para nós, non podemos facer do Evanxeo ni regateo nin rebaixa.
·        A terceira idea desta reflexión chéganos desde o Evanxeo de Marcos que hoxe proclamamos e que tenta darlle continuidade e desenvolvemento á primeira lectura do libro da Xénese. Busquemos ir máis alá do primeiro que se nos ocorra ao ler o texto: o matrimonio; e pensemos a unión como compromiso de ser no mundo elemento que posibilite ser cidadáns que sabemos escoitar, acoller, diferenciar situacións, problemas ou experiencias vitais, para unilas desde o mesmo fío condutor que nos ofrece Xesús. Non separemos, non camiñemos tamén nós na cultura do fragmento que todo o divide e parcializa, para acabar converténdonos en illas incomunicadas que que fan das persoas cousas –algos- de usar e tirar, como se a atención, a preocupación e a cordialidade –cordis: corazón- non foran importantes nas relacións cos que temos máis preto e cos que, estando lonxe e sen coñecer, fannos sentir a solidariedade antropolóxica de clase –“somos fillos de Deus”- para non quedar indiferentes ante o seu sufrimento. A isto é ao que nos chama o evanxeo; e con esta actitude é coa que deberiamos estar, os que nos chamamos crentes e seguidores de Xesús, cada día. Os ollos abertos e o corazón quente axudarannos a entender que a unión non é para os papeis, senón para as persoas.

FRATERNIDADE ORANTE
Invítanos a celebración de hoxe a facer pasar polo corazón a pregunta de cales son os eixos inamovibles sobre os que construír a vida. Sabéndonos necesitados sempre da axuda dos demais, rezamos xuntos sentindo a forza da unión e dicindo:
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Pola Igrexa, para que a pesar das presións, críticas ou desconsideracións dos non lles gusta, siga a pregoar e defender sen medo que a dignidade das persoas está por riba do materialismo que só busca  ganancias, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Polas nosas comunidades espalladas por todo o mundo, para que nunca esquezamos que canto rezamos ten que ir sempre unido ao noso xeito de vivir e actuar, sen que sexamos motivo de escándalo pola nosa incoherencia, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
*        Por cada un e cada unha de nós, para que non renunciemos ás conviccións que nos transmitiron os nosos maiores, e continuemos a tarefa de loitar pola defensa dos máis débiles, os excluídos, os ignorados, os enfermos, os maltratados e desprazados, OREMOS.
SEÑOR, QUE SEXAMOS PONTE UNE E NON MURO QUE SEPARA
Señor, que non nos deixemos levar da moda de abandonar a convicción de que as persoas, imaxe e semellanza de Deus, e non as cousas, son as que teñen valor e ás que sempre hai que defender e acompañar. P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
Amalo todo, sen apegarme a nada.
Gozalo todo, sen fartarme con nada.
Coidalo todo, sen angustiarme por nada.
Solidarizarme con todo, sen amargarme por nada.
Loitar por todo, sen violentar nada.
Esperalo todo, sen depender de nada.
Comunicalo todo, sen diluírme en nada.
Compartilo todo, sen venderme en nada.
Coñecelo todo, sen esquecerme en nada.
Acollelo todo, sen apoderarme de nada.
Esta é a gran simplicidade.
(Manuel Regal, Chorimas, 92)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos como Xesús se anoxa diante daqueles que converteran o templo nunha tenda de compra venta, e reacciona facendo unha afirmación que nunca deberiamos esquecer: “ no