A vivencia da fe ou é solidariedade ou
non é fe.
“Sen feitos que a fagan crible, a fe non
serve para nada”
Descarga o ficheiro
RECENDOS DE SONS
AGRADECIDOS
o ENTRADA: Camiñando
pola vida
o LECTURAS: Camiñarei
na presenza
o OFERTORIO: Grazas,
Señor, graciñas
o COMUÑÓN: Déixate
querer
OLLOS ABERTOS
Isaías
e Santiago volven poñer diante dos nosos ollos onde está o importante, e onde
debemos poñer o secundario e accidental da vida de fe. Unha fe que non se viva
desde un actuar que ten a defensa e dignidade do ser humano no centro, non é
máis que ideoloxía, intolerancia e dogmatismo. Unha tríade que pon as normas,
as leis e ideas por riba das persoas. E, contra do que din aqueles que teñen
medo a perder poder e mando, non han ser o medo, a desconfianza e a
dependencia, para que outros decidan por un, o noso xeito de actuar e
comportarnos. Se Deus nos creou libres e iguais en dignidade, non podemos
deixarnos levar nin do costume nin da inercia que fai que non nos preguntemos;
non unha, senón moitas veces: por que creo? De que xeito a fe me enriquece como
ser humano? Cómo as miñas conviccións relixiosas me fan mellor persoa, veciño,
compañeiro de traballo, pai ou nai? Si, son estas as preguntas que temos que
facernos cada día. Pero debemos facérnolas nós tentando de buscar resposta, non
deixándonos levar do que fan todos, do que din os que “mandan” ou do que é
tradición. E iso por que? Porque a fe sen razón –reflexión, sentido,
racionalidade, coherencias lóxica– non é máis que manipulación. E Deus non nos
quere manipulados senón libres.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
û Por
quedar na miña comodidade e non saír en defensa dos máis débiles e necesitados;
SEÑOR, QUE NON ME AVERGOÑE DE CONFESARME
SEGUIDOR TEU.
û Por
reducir a miña fe a ritos e costumes, e non a feitos que humanicen, respecten e
acollan; CRISTO, QUE NON ME AVERGOÑE DE
CONFESARME SEGUIDOR TEU.
û Por
non querer asumir que a fe non é postureo, senón compromiso e coherencia no
actuar; SEÑOR, QUE NON ME AVERGOÑE DE
CONFESARME SEGUIDOR TEU.
PALABRA ACOLLIDA E
PÉS NO CHAN
- Estes
tempos nos que parece que unha gran maioría dos que conformamos os países
que antes se chamaban de cultura cristiá –Europa– renegan das súas raíces
e da súa fe, é o momento no que os que nos sentimos e esforzamos por vivir
a mensaxe de Xesús deamos razón e sexamos testemuñas gozosas e sen medo da
nosa fe. É dicir: que os medos, as desconfianzas, as vergoñas e todo canto
vai levando a que a dimensión relixiosas esmoreza en nós, non sexa o que
prime e domine na nosa vida e no noso xeito de actuar e comportarnos.
Cando Francisco nos chama a empeñarnos en defender a casa común na que todos
compartimos teito –o mundo– temos que sacar o mellor de nós para impedir
que a economía, o poder e os intereses escuros que dirixen o mundo se
apropien del e reduzan ás persoas, principalmente ás máis débiles e pobres
–as que viven nas periferias da miseria, como diría o Papa- a simples
datos de balances de contas ou a números ou tantos por cento, que so fan
encher a súa faldriqueira de materialismo en forma de dominio e cartos. Se
queremos ser coherentes e sinceros con nós mesmos –a Deus, inda que o intentemos,
é moi difícil que o enganemos– non podemos botarnos atrás na loita pola
dignidade das persoas. Estamos a ver nestes días como algo que en
principio non tiña por que ser motivo de discordia, como é o novo hospital
de Vigo, estase a converter nun rebumbio de enganos, mentiras e
desconfianzas, da que os únicos que saímos perdendo somos os usuarios del,
os pacientes. Por iso é tan importante non deixarnos enganar, e non
permitir que os que mandan acaben por converternos en persoas escépticas e
desconfiadas. Seguindo o vieiro que nos abre e que nos invita a seguir
Isaías na primeira lectura, que tampouco nós escondamos a cara cando
teñamos que defender o que son dereitos e melloras polas que moita xente
durante moitos anos, mesmo séculos, foi quen de dar a súa vida. Se eles o
fixeron, e nós renunciamos, que mundo imos deixar para os que veñen tras
de nós?
- E o que
dá coherencia e sentido a esa defensa non son as palabras -que sendo
importantes, porque as cousas hai que pensalas e formulalas para que non
se convertan en arroutos que veñen e se esquecen- senón as obras, tal como
nos recorda Santiago na súa carta. A súa pregunta a aqueles cristiáns da
primeira hora, segue a ter a mesma forza hoxe para nós, cristiáns nesta
Europa decrépita e cada vez máis deshumanizada: que proveito nos ten a nós
dicir que temos fe se non o acompañamos cos nosos feitos? Poderemos rezar
moito, ir moitas veces á Franqueira ou a Lurdes, mesmo meternos nun caixón
de mortos para saír na procesión; pero se logo somos dos que berramos cos
veciños, levámonos mal con todos os da familia, somos capaces de pelexar
por un metro de terra ata mallarnos ou levantarlle o legón a quen o
intente, mentimos para pagar menos a facenda ou para cobrar unha paga
sabendo que de non ser por esta mentira non a mereceriamos por non cumprir
os baremos esixidos... que cristianismo é o noso? Para que vimos á
celebración? A isto se refería naquel tempo o texto de Santiago. Hoxe
tamén se pon diante dos nosos ollos e resoa nos nosos oídos para que
fagamos unha paradiña e pensemos se de verdade a nosa fe en Xesús é
sincera, real e honesta, ou se move na rutina, o ritual e o costume, como
se fose algo desconectado de todas as demais cousas da vida. A forza da fe
cristiá non está, inda que isto o escoitaramos moitas veces, en vir á
Misa, senón en vivir poñendo ao servizo dos demais o mellor dun, para
facer do sitio no que vivimos un cachiño de mundo humanizado e feliz.
Despois, froito diso, e non de rutinas nin costumes, vir á Igrexa para
celebralo dando grazas e pedíndolle a Deus forza para nunca renegar deste
camiño.
- Deste
xeito poderemos logo responder tamén nós á pregunta que Xesús lles fai aos
discípulos, pois co noso testemuño, co noso actuar, estariamos dicindo
quen é Xesús para cada un e cada unha de nós, os que nos chamamos os seus
seguidores. Ser seguidor del non é un título que se saca nunha
universidade, nin un billete de premio que se dá por ir moito á misa; e
moito menos a suma total de misas, novenas ou procesións nas que teñamos
participado. Non. Ser seguidor de Xesús é querer poñerse no seu camiño e
intentar percorrelo loitando pola xustiza e sabendo que cando lle dicimos
irmán a alguén, estamos emparentando con Aquel que dá razón e sentido á fe
na que fomos bautizad@s: Xesús.
FRATERNIDADE ORANTE
Unimos
palabra e corazón para presentarlle ao Señor a nosa oración comunitaria, e
dicimos xunt@s:
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨
Para que cantos conformamos a Igrexa non teñamos nunca medo de
anunciar con alegría e esperanza a mensaxe de Xesús desde a entrega xenerosa ás
persoas que son excluídas polos ricos e poderosos, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨
Por todas as persoas que viven na incomprensión, a soidade e o
esquecemento por parte das institucións públicas e privadas, para que nós nunca
lles deamos as costas, senón que saibamos ser a súa voz e a súa defensa, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨
Para que os enfermos, os excluídos,os enganados e os criticados
por ser diferentes e non deixarse dominar polos que manipulan, enganan e abusan
dos máis débiles, atopen en nós a man que os alente e o tempo que os acompañe,
OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
¨
Nestes días nos que en todo o Estado os nosos nen@s e mozos
comezan un novo curso, poñemos o traballo e esforzo de cantos conforman a
comunidade educativa na túa man, Señor. Que aprendan a descubrir e valorar o
gran don dunha educación gratuíta e de calidade, OREMOS.
QUE O NOSO ACTUAR TEÑA A SÚA RAÍZ EN TI
Señor, hoxe
lémbrasnos, unha e outra vez, que a fe sen obras non ten nin forza nin
sustancia. Que nunca a deixemos esmorecer coa nosa covardía e a nosa falta de
esperanza. PXNS. Amén.
OÍDOS ATENTOS
Qué
tipo de mundo lle queremos deixar aos que nos sucedan, aos nenos que están
crecendo? Esta pregunta non afecta só ao ambiente de maneira illada, porque non
se pode plantexar a cuestión de modo fragmentario. Cando nos interrogamos polo
mundo que queremos deixar entendemos sobre todo a súa orientación xeral, o seu
sentido, os seus valores. Se non está a latexar esta pregunta de fondo, non
creo que as nosas preocupacións ecolóxicas poidan lograr efectos importantes.
Pero si esta pregunta se plantexa con valentía, lévanos inexorablemente a
outros inqueritos moi directos: Para que pasamos por este mundo? para qué
viñemos a esta vida? para que traballamos e loitamos? para que nos necesita
esta terra? Por iso, xa non basta dicir que debemos preocuparnos polas futuras
xeracións. Requírese advertir que o que está en xogo é a nosa propia dignidade.
Somos nós os primeiros interesados en deixar un planeta habitable para a
humanidade que nos sucederá. É un drama para nós mesmos, porque isto pon en
crise o sentido do propio paso por esta terra.
(L.s.
160)
Comentarios