Ir al contenido principal

27 Domingo TO A 2017


QUE NON DEIXEMOS DE ESFORZARNOS POR COIDAR A VIÑA DA VIDA COMUNITARIA PARA QUE NON SEQUE NIN ESMOREZA A SÚA RAÍZ

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 9)
LECTURAS: Déixate querer (Nº 61)
OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
COMUÑÓN: Acharte presente (Nº 51)

ESCOITA ACTIVA

Neste tempo no que as viñas van perdendo a súa folla despois de ter recollido a uva, a Palabra que imos proclamar quere facer desta imaxe, tan achegada a moit@s de nós, guieiro da celebración deste domingo para mostrarnos, cunha linguaxe que poidamos comprender, que Deus pon ao noso dispor todo canto é necesario para que a viña dea froito: unha mensaxe de esperanza e de fonda humanidade, o evanxeo; persoas que temos ao lado que nos fan sentir a graza e o don da amizade; proxectos que nos ilusionan e non deixan que a rutina, o vitimismo pesimista e a indiferenza teñan oco no noso corazón.
Ante esta grande e fermosa oferta, non nos deixemos levar nin do arrouto dos que non pensan nin da manipulación dos que nos enganan. Porque temos voz e voto, non deixemos de anunciar nunca a forza e a beleza deste proxecto que Deus pon ao noso dispor e nas nosas mans. Compartámolo participando xuntos deste encontro comunitario; saiamos co corazón cheos de gozo de canto temos compartido nesta celebración que agora, tod@s cantos estamos aquí, comezamos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque temos deixado esmorecer a viña que nos deches, viña de perdón, misericordia e entendemento; SEÑOR, AFÁSTANOS DO DESALENTO.
*      Porque non abonamos a viña co que nos axuda a ser mellores persoas, senón con rancor, desconfianza e mentiras; Cristo, afástanos do desalento.
*      Porque deixamos que entre no noso corazón a friaxe da indiferenza e do mirar para outro lado cando as persoas sofren; SEÑOR, AFÁSTANOS DO DESALENTO.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      A Biblia, como libro á vez relixioso e literario, está chea de múltiples e ricas imaxes literarias que nos producen suxestións diversas a cantos as imos descubrindo. Na pasaxe do libro de Isaías que hoxe temos proclamado como primeira lectura, atopamos unha boa manchea destas imaxes. Desde elas nárrasenos a relación de amor –amizade entre Deus e nós. Unha relación que se vai realizando, e vai callando no tempo; unha relación na que se comparten vida, proxectos, ilusións, fracasos... a experiencia existencial de cada unha das persoas. E aí tamén estamos nós. Como todo canto nos aleda e nos entristece, nos anima ou nos desanima, nos... pero sempre compartido con alguén que nos acompaña, escoita, alenta e nos presta atención. A imaxe de Isaías suxírenos que o tesouro da amizade lévanos a ser moi conscientes de que non estamos solos, de que o esforzo dedicado a forxala pagou a pena. E nese irse desenvolvendo, os crentes, descubrimos a man e a presenza de Deus a través das persoa/persoas para as que somos sempre alguén e non algo; persoas e non cousas, centralidade e non accidente. Deus, que nos ama e se nos mostra como amizade, camiña connosco para facernos a vida mais humana, digna e verdadeiramente creativa. Pero para iso, como ocorre co dono da viña, hai que ir traballando amizades e descubrindo esa cercania de Deus no sentir, no expresar, no escoitar, no mirar... porque desde esta amizade con El, nada nos é estraño ou indiferente.

·      Paga a pena poñer todo ese esforzo para que a viña da vida de cada un de nós dea froito, e este sexa bo e abundante. Deus pon os medios. A nós correspóndenos que eses medios poidan dar verdadeiro froito. E ante as dificultades e problemas –nada é doado, plano ou de conforto permanente– non deberamos desacougar e deixar entrar na nosa vida o derrotismo que todo o ve negro e sen saída. Isto é fácil dicilo, inda que non tanto conseguilo. E aquí ten que estar a nosa loita. Como xa estaba en Paulo. Se Deus é o Deus da confianza, do acompañamento, da presenza, do non deixarnos solos, temos que facer o esforzo por abrir ben os ollos para saber velo cando traballamos -para tod@s-  na defensa dun salario digno, por uns dereitos dos traballadores que cada vez se respectan menos, polo coidado da casa común –o mundo– que vemos que, entre tod@s, ímoslle quitando anos de vida e poñendo máis seca e calor; cando defendemos a vida sempre, non só cando nos interesa ou lle interesa aos “nosos”. E todo isto ten que facernos replantexar como é a nosa relación entra fe e vida; de que maneira nos imos esforzando para que canto pasa ao noso redor, familia, parroquia, país, mundo... estea relacionado coa fe que compartimos e coas consecuencias que supoñen afirmar, de maneira persoal e libre, que somos crentes. Como cantabamos hai uns anos, “porque Deus non é un Deus morto, e se pensas que está morto, equivocados estades”. Pero como non queremos caer na equivocación, loitemos cada día para sacar a fe do íntimo, privado e individualista. Fe e vida son un binomio que, necesariamente, ten que camiñar sempre xunto. A dimensión social da fe ábrenos ao mundo dunha fraternidade universal que nada pode romper.

·      E se queremos ser coherentes, non podemos matar nin ao dono da viña nin aos que, no seu nome, nos din, unha e outra vez que outro mundo é posible, que as palabras teñen contido e non temos dereito a baleirarllo. Que nin a violencia, nin a mentira, nin o engano, e moito menos a demagoxia que conta o que lle interesa, e cala o que non gusta, poderán nunca matar a forza da Boa Nova do Evanxeo, que tamén hoxe, no mundo que parece darlle as costas a Deus, é tan necesario. O contido das palabras non se enche con máis palabras, senón co testemuño de cada un dos que nos confesamos, con alegría e sen desesperanza, seguidores de Xesús.

FRATERNIDADE ORANTE

O Deus da viña chámanos a termar e preocuparnos dela. Rezámoslle agora xunt@s para que a súa forza reverta en proxectos innovadores, creativos e fieis ao evanxeo, dicindo:
QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que a Igrexa sexa sempre viña que traballa, alente e se esforza por unirse a outras viñas que poñen á persoa no centro do seu facer, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que nas nosas parroquias deamos, como a viña do evanxeo, froitos que fagan que cantos as conformamos nos sintamos queridos, respectados e escoitados, superando prexuízos e enfrontamentos, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Para que cada un de nós non deixemos secar a viña da solidariedade, a participación e o coidado de canto é de tod@s e busca o ben común, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS PARA DAR FROITO
Acolle canto hoxe, Señor, poñemos ao teu abeiro, coa confianza de que nos vas acompañar nesta tarefa de converter a oración en forza para o camiño da vida. PXNS. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

A alegría do Evanxeo que enche a vida da comunidade dos discípulos é unha alegría misioneira. Experiméntana os setenta e dous discípulos que regresan da misión cheos de gozo (cf Lc 10, 17). Vívea Xesús, que se estremece de gozo polo Espírito Santo e loa ao Pai porque a súa revelación alcanza aos pobres e aos pequeniños (cf Lc 10,21). Séntena cheos de admiración os primeiros que se converten ao escoitar predicar aos Apóstolos «cada un na súa propia lingua» (Feit. 2,6) en Pentecostes. Esa alegría é un signo de que o Evanxeo foi anunciado e está a dar froito. Pero sempre ten a dinámica do éxodo e do don, do saír de si, do camiñar e sementar sempre de novo, sempre máis alá. O Señor di: «Vaiamos a outra parte, predicar tamén nas poboacións veciñas, porque para iso saín». Cando está sementada a semente nun lugar, xa non se detén para explicar mellor ou para facer máis signos alí, senón que o Espírito móveo a saír cara outros pobos”. (EG 21)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor