Ir al contenido principal

6 domingo Pascua 2019 C

Pascua do Enfermo
Pascua do enfermo: o paso desde o amor invisible á visibilidade do servizo
Cantos
Entrada.- Amigos nas penas e na festa amigos/ A Cristo cantamos (Nº 124)
Lecturas.- Xesús é Señor (16)
Ofertorio.- Señor Xesús, bendito sexas (52)
Comuñón.- Non vou só (60)


Oídos atentos
Achegámonos hoxe á Mesa do Pan compartido para compartir a forza da tenrura de Deus que nos invita a vivila no acompañamento e escoita da xente enferma. Porque hoxe, sexto domingo de Pascua, celebramos a xornada das persoas enfermas. E se na gratuidade temos recibido o don da fe, gratis temos tamén que poñer ese don convertido en servizo e achega para coas persoas enfermas.
Que a nosa oración sexa hoxe un agradecer este don e un compromiso para non deixar nas beiras, onde ninguén nunca se para, a persoas que sabemos que necesitan de todo canto poidamos ofrecerlles para facerlles a vida máis fácil, colledora e con sentido.


Corazón misericordioso
·      Polas veces nas que non soubemos estar ao lado de quen nos necesitaba; SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DE CRERNOS SANS.
·      Polas veces nas que todo foron palabras baleiras e non feitos concretos e reais de servizo; CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DE CRERNOS SANS.
·      Polas veces nas que nos faltou paciencia e tempo para facer da nosa fe servizo e solidariedade; SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA SOBERBIA DE CRERNOS SANS.
Palabras para remoer
· O texto que escoitamos como primeira lectura móstranos como tamén no principio das comunidades cristiás había que dar resposta a situacións novas que ían aparecendo a medida en que crecían porque eran moitas as persoas que pedían ser bautizadas para vivir o proxecto de vida e salvación de Xesús. E lonxe de aparcar as dificultades ou de impoñer o propio criterio, afastando ou condenando a quen non o seguiran, os apóstolos poñen en práctica a sinodalidade. É dicir, o camiño compartido, a andaina en comunidade, a participación como medio desde o que ir crecendo e resolvendo problemas e dificultades que, necesariamente, por ser cada vez máis e diversos, xurdían entre eles. Uns querían impoñer o que viñeran facendo sempre, outros pedían respecto e liberdade para non entorpecer o proceso que se desenvolvía de acoller e integrar a cantos se sentían chamados a seguir a Xesús. Isto daba lugar ao contraste e diverxencia entre o que se viñera facendo sempre de ritos e prácticas, e o que era novo para os que viñan do mundo non xudeu. E contra da tentación de impoñer, xurde a metodoloxía de dialogar, escoitar, acompañar… sinodalidadecomo tarefa e proceso desde o que coñecer mellor o que era o importante e que o secundario na proposta de vida de Xesús. Traída esta palabra a hoxe, tamén nós somos invitados, non con pouca insistencia, a camiñar nesta sinodalidade. A deixar atrás a tentación de seguir e facer o que se fixo sempre, ou porque nolo mandan, ou porque senón é pecado, ou... Fronte a isto, somos invitados a recuperar o sentido, fresco e dialogante, daqueles primeiros cristiáns, que ante as dificultades non se viñeron abaixo nin caeron na tentación de facer o que lles impuñan os que mandan, senón que buscan espazos para expresarse, escoitarse, dialogar e decidir, convertendo as decisións en procesos e estes en discernimento. Sempre en liberdade e sen coaccións. Este tamén é para nós camiño que debemos seguir dentro e fóra das nosas comunidades, como tantas veces ten expresado e mostrado como facelo, o Papa Francisco. Na gratuidade do servizo cabemos todas e todos. Simplemente temos que aprender a camiñar xunt@s e a preocuparnos uns dos outros/as.· Desde esta liberdade temos que camiñar hoxe os cristiáns, botando fóra os medos, as desconfianzas, os retrousos que só miran ao pasado e poñen a venda ante a realidade presente para evadirse, non mirala e vivir nun mundo paralelo, que non real. É verdade que nos imos cargando de cousas e responsabilidades, e é tamén verdade que a vida faise difícil e que o traballo é precario e escaso, pero non é menos verdade que sempre podemos atopar un tempo para alegrar e alentar os corazóns de quen está enfermo, e ao que a enfermidade lle vai minando non só a saúde senón tamén a esperanza, a paz interior e a ansia de afrontar a dor, que tanto nos domina, e nos impide reaccionar. Preguntémonos logo que podemos facer para que acompañamento e coidado non sexan desterrados do noso vivir cotián; preguntémonos que temos que facer para que o tempo cobrado deixe paso ao tempo compartido e doado.· Ao longo da vida imos pasando por situación diversas e moi diferentes. Ímonos atopando con persoas distintas, mesmo podemos vivir en realidades culturais plurais e diferentes a onde tiñamos nacido ou crecido, pero o que non esquecemos nunca é que a vida non deixa de ser un paso efémero, que durará máis ou menos, pero será sempre efémero. Por iso dicimo , ou escoitamos, que estamos de paso. E lonxe de virnos abaixo ante esta afirmación, debemos tomar conciencia que neste estar de paso é necesario buscar espazos de encontro, de participación, de compromiso, de facer algo en positivo con e polos demais. Deste xeito a vida vai tomando sentido novo e distinto, e o noso paso non é un estar deixando que os días rematen, senón un alegrarnos pola riqueza que o noso servir aos demais nos vai aportando á vez que lles aporta tamén a eles. Reciprocidade chámase este proceso. E isto só se pode facer desde o amor de quen se sente acompañado pola tenrura do Deus que en Xesús nos di que sempre, inda que a nós nos pareza o contrario, camiñará ao noso lado. Non para facernos de menos, senón para que nunca teñamos o baleiro de sentirnos sos e esquecid@s de tod@s. Fagamos do amor servizo, e do servizo xenerosidade, de xeito que nas nosas aldeas, nos noso pobos, nas comunidades de veciñ@s, nas… convertamos a efemeridade da nosa presenza en tempo agradecido de plenitude e ofrecido sinodalmente!


Confianza desde onde compartir
         Se camiñamos xunt@s, tamén podemos compartir deste mesmo xeito a oración, de xeito que con agradecemento poidamos dicir: Grazas por facer do efémero plenitude servicial.
·      Para que traballemos por construír unha Igrexa sinodal na que poidamos camiñar xunt@s e sentir que non somos nin estraños nin indiferentes uns cos outros;  Oremos.Grazas por facer do efémero plenitude servicial.
·      Para que nas nosas comunidades creemos espazos de expresión, colaboración e participación, rexeitando a tentación de ser espectadores de servizos e espectáculos relixiosos. Oremos. Grazas por facer do efémero plenitude servicial.
·      Para que non esquezamos que Xesús móstrase no rostro doído, consumido e sufrido das persoas enfermas, e que o mellor do noso amor a El ha mostrarse no servizo de amor cara elas, Oremos. Grazas por facer do efémero plenitude servicial.
Alenta os noso pasos, Señor, para que se dirixan á beira das persoas enfermas que sofren e no seu sufrimento necesitan e agradecen o noso tempo con elas compartido. P.X.N.S. Amén.

Reflexión para construír
Señor, aquí estou,
coa miña enfermidade e a miña dor,
Enfermo e dorido acudo a Ti.
Experimentache na cruz a dor e o sufrimento,
pero non te rendiches;
ao contrario, loitaches contra toda desesperanza.
Que tamén eu transforme a miña enfermidade en loita.
Que supere os momentos de desánimo e tristura.
Que os meus oídos estean sempre atentos para escoitar
a túa chegada cargada sempre de tenrura. Amén.

-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...