Ir al contenido principal

18 domingo TO C 2019

Fagamos o posible para que o sopro da vida sexa un sopro de tenrura no rostro dos irm@s!

Cantos

Entrada.- Vaiamos ao altar ( 133)
Lecturas.- Contade as marabillas do Señor ( 24 )
Ofertorio.- Xurdirá ( 128)
Comuñón.-  Non vou só (60)

Oídos atentos

Cantas veces non temos escoitado, e mesmo expresado, que a vida é un sopro, que estamos de paso, que non paga a pena enfrontarnos, inimizarnos, aferrarnos ás cousas materiais... si, cantas veces o temos escoitado, manifestado e tamén pensado. Pero que rápido, a vida é fugaz e pasaxeira, o temos tamén esquecido!
Porén, a celebración de hoxe volve querer ser unha porta aberta pola que se nos invita a entrar no interno da nosa vida, das nosas conviccións, dos nosos valores e, como consecuencia, das actitudes que todo o anterior supón e pide de nós. Non nos deixemos levar do que nos entretén, pero nos baleira interiormente. Apostemos polo pequeno, sinxelo e cotián, que tantas veces enche a fai posible o encontro e a solidariedade!

Corazón misericordioso

    • Por enredar moito e comprometernos pouco. Señor, que non esquezamos que estamos de paso.
    • Por deixarnos levar polo que entretén e non do que dá sentido e horizonte á nosa vida. Cristo, que non esquezamos que estamos de paso.
    • Por facer da vida activismo e non busca de sentido solidario e paz interior. Señor, que non esquezamos que estamos de paso.
    Palabras que remoen o corazón e orientan o noso actuar

      Porque a vida é un sopro, debiamos ter claro que non podemos deixala pasar en entretementos que ocupan tempo, pero que non serven para que a orientemos na busca do que nos fai crecer e madurar como persoas que descobren que nin estamos solos nin somos únicos alí onde estamos. As palabras do libro do Eclesiastés son un alento de realismo e sentido para que non nos despistemos á hora de tomar decisións e buscar camiños desde onde construír o desenvolvemento da nosa vida. A vaidade á que se refire o texto non é a que di relación á soberbia, senón á vacuidade, ao baleiro; á falta de horizontes desde onde anelar e orientar a vida. E canta faltiña nos fan hoxe persoas con horizontes, sentido, compromiso e capacidade de poñer os pés no chan e mirada cara as persoas, e non nos enredos tecnolóxicos, que nos distraen, pero non nos enriquecen persoal, humana e socialmente! Temos que traballar para crernos que somos alguén, e que os demais tamén o son, para non caer na andrómena de vivir nunha ficción que nos baleira por dentro e nos erroga por fóra.
      Nesta sociedade que entre tod@s imos construíndo – non vale botarlle a culpa aos outros: nós, facendo ou deixando de facer, tamén contribuímos- todo vai á présa, todo se move no aparente, todo se volve espectáculo –tristemente, tamén as vidas– que hai que mostrar sen deixar recuncho algún para a intimidade, o privado, a reflexión e a busca de respostas ás preguntas importantes sobre a nosa vida. O que nos indica que non estamos aquí para pasar sen mirar nin fixarnos nas persoas, senón para pasar e pararnos, poñendo en práctica a samaritanía, como nos lembraba e invitaba a facer Xesús no Evanxeo hai dous domingos. Sen samaritanía a vida convértese nun ter sen ser; no algo sen alguén; na cousa sen persoa. Francisco non cansa de repetir que unha vida sen parada nas persoas, é unha vida en permanente busca de emocións fortes continuadas que non levan máis que ao “stress” existencial. Poñámoslle paso, e deixemos que o sopro da presenza de Deus nos alente.
      Ser capaces de percibir os pasos cos que Deus nos vai alentando non nos desconecta do que ocorre ao noso redor, ao contrario, úrxenos e chámanos a non mirar a outra parte, a tender mans que poidan ser collidas na aperta da amizade, a romper o retrouso que só pensa no material e non no humano. Como lle dicía Paulo aos Colosenses, a buscar o que enche, aleda e dá sentido ao noso ser. E neste ser a palabra que nos abre aos demais non pode ser outra que igualdade. Somos iguais porque somos dignidade. Non somos máis ca ninguén. Somos iguais no canto de que somos fill@s de Deus e irmáns que nos esforzamos por ser e vivir a fraternidade; e neste ser, sempre se mostra en presenza permanente Cristo, o que pasou facendo o ben. Por que nos gusta máis ser xuíces ca irmáns? Por que enredamos tanto co posuír e nos esquecemos do compartir? Por que reducimos a nosa vida de fe a “ir á misa” e deixamos de lado a xenerosidade de quen comparte sen buscar pasaportes, fronteiras ou razas?
      Confianza desde onde compartir
      Unha vez máis a oración comunitaria é momento de tomar conciencia de que é no ser cos demais, e non no ser só eu, onde podemos atopar a Deus, dicimos xunt@s: Señor, segue a poñer en nós o teu agarimo.
      • Para que tod@s, curas, consagrad@s e segrares, non cansemos de esforzarnos por facer da Igrexa comunidade de acollida que non ten medo a renovarse e a derrubar vellas estruturas viciadas pola rutina e os costumes. Oremos. Señor, segue a poñer en nós o teu agarimo.
      • Para que nas nosas comunidades non teñamos nunca medo a facer presente o Evanxeo no noso xeito de vivir e tratar aos demais, especialmente aos máis desfavorecid@s e necesitad@s.. Oremos. Señor, segue a poñer en nós o teu agarimo.
      • Para que non nos deixemos arrastrar polo activismo de facer moitas cousas que non nos enchen, senón que nos entreteñen; e apostemos por unha vida en respecto á ecoloxía das persoas e dos seus, e os nosos tempos e espazos. Oremos. Señor, segue a poñer en nós o teu agarimo.
      Grazas, por seguir lembrándonos que estamos de paso, e que o noso esforzo ha estar en crear fraternidade e non enfrontamento. Por Cristo o noso Señor. Amén.
      Remoendo as nosas seguridades
      A.- Traballamos pola xustiza do Reino, que implica cambiar o corazón e as estruturas de pecado que nacen no corazón humano. Defendemos que: l Os bens da terra déunolos Deus para ser compartidos por todos. l A pobreza e a fame son contrarios á dignidade humana. Sabemos que a nosa opción pola defensa dos dereitos humanos esíxenos: l Anunciar e promover, a través da educación para o desenvolvemento e dos proxectos de cooperación, a xustiza que merecen polo feito de ser persoas. l Ir ás causas que xeran condicións de vida inhumana. l Denunciar as estruturas que crean as inxustizas. Cremos nun mundo fraterno onde reinen a xustiza e a paz. Sabemos que é necesaria a colaboración de cada persoa e, de toda a humanidade, para construílo. Aceptamos humildemente as palabras do papa Francisco na Xornada Mundial dos Pobres: “Benditas as mans que se abren para acoller aos pobres e axudalos: son mans que traen esperanza. Benditas as mans que vencen as barreiras da cultura, a relixión e a nacionalidade derramando o aceite do consolo nas chagas da humanidade. Benditas as mans que se abren sen pedir nada a cambio, sen «peros» nin «condicións»: son mans que fan descender sobre os irmáns a bendición de Deus”.
      B.- Señor Xesús, Ti sempre fixeches que quen se achegaba a ti sentísese mellor, recoñecías a súa dignidade e tratábaslle como irmán teu. Falábaslle con agarimo e respecto, para ti eran iguais! E agora séguelo facendo. Somos moitos os teus amigos, os teus irmáns e sabemos canto nos queres e que nos respectas a todas as persoas, aínda que sexamos tan distintas. Así queremos vivir nós, axudando a todas as persoas a sentirse dignas e queridas. Axúdanos a ser valentes e a tratar sempre ben aos demais. Que nunca nos rendamos e loitemos xuntos por un mundo máis xusto, un mundo que sexa como Ti o soñaches. AMÉN
      C.- Deus, Pai de todos, dámosche grazas porque todas as persoas nacemos libres e iguais en dignidade e dereitos. Axúdanos a vivir na túa presenza como irmáns e irmás. Señor Xesús, chegaches entre nós como un máis e non te aceptamos. É o mesmo que ocorre hoxe: en moitos países, a multitude dos nosos irmáns e irmás, néganselles os seus dereitos humanos. Ti segues sendo crucificado neles. Perdóanos e sálvanos. (Cristiáns de Bamenda, Camerún)
      ( TEXTOS DA CAMPAÑA DE Mans Unidas 2019)

      Comentarios

      Entradas populares de este blog

      Corpus 2025

        MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

      Ascensión 2025 C

        7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

      Epifania 2025

      A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...