Ir al contenido principal

4 Pascua 2020 A

Rezando na Casa

4º de Pascua

“O Bo Pastor”


(Neste 4o domingo de Pascua, seguimos a rezar na casa. Volvemos buscar un lugar tranquilo para rezar.

Poñemos, coma o outro día un pano branco sobre unha mesa, acendemos unha candea e colocamos ao

lado un vaso cun pouco de auga).

No nome do Pai...

Canto.- Unha certeza nos guía ao longo do camiñar,


por iso imos a Ti, alegremente a cantar,

por iso imos a Ti, alegremente a cantar.

Non vou só, teño un amigo ao meu lado,

non vou só, eu sei que Deus está comigo. (bis)

LUZ DE ESPERANZA CON OLLOS DE MISERICORDIA 

No noso ir tomando conciencia de ser Igrexa Doméstica, este cuarto domingo 

de Pascua invítanos achegarnos a Xesús Resucitado como comunidade que se pon 

en camiño seguindo as súas pegadas. As pegadas do Pastor. Un Pastor que 

escoita, atende, acompaña, nas ledicias e tristuras, e invita sempre a poñer o 

corazón, e non só o sentido práctico, nas cousas que fagamos. 

Nesta festa do Bo Pastor, tamén facemos presentes na oración desta mañá 

ás persoas que van animando a vida das nosas comunidades para que a palabra 

do Deus da Vida resoe nos noso oídos, chegue ao noso corazón e deste xeito 

teñamos a capacidade de ila poñendo en práctica. 

Comecemos logo este momento de oración comunitaria compartindo a alegría 

de poder rezar en comuñón-. 

REFLEXIONAMOS NA BUSCA DA MISERICORDIA 

• Pastor da alegría e da vida. Segue acompañando os nosos pasos. 

• Pastor do sorriso e da paz. Segue acompañando os nosos pasos. 

Pastor da paciencia e o acougo. Segue acompañando os nosos pasos

OÍDO Á ESPREITA 

Do libro dos Feitos dos Apóstolos 

Pedro, de pé cos Once, levantou a voz e díxolles: 

Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este 

Xesús a quen vós crucificastes. 

Ao sentiren isto, quedaron moi impresionados e dixéronlle a Pedro e ós outros 

apóstolos: 

‐ Irmáns, que debemos facer? 

Pedro respondeulles: 

‐Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de 

Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiredes o don do Espírito Santo. 

Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para todos os que están 

lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus. 

Con moitas outras palabras testificaba e animábaos, dicindo: 

‐Salvádevos desta xeración ruín. 

Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles 

arredor de tres mil almas. 

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus 

Do Evanxeo de Xoán 

Con toda verdade volo aseguro: o que non entra pola porta no curral das 

ovellas, senón que sobe por outra parte, é un ladrón e un bandido. En cambio, quen 

entra pola porta é o pastor das ovellas. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas 

escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado 

todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un 

alleo non o seguirán, senón que fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos. 

Díxolles Xesús esta alegoría mais eles non coñeceron que era o que lles daba a 

entender. Entón díxolles de novo: 

‐Con toda verdade volo aseguro: eu son a porta das ovellas. Todos os que viñeron 

antes ca min eran ladróns e bandidos; pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a 

porta; se alguén entra por min, salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón 

non entra senón para roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para 

que a teñan de abondo. 

Palabra do Señor. 

Gloria a Ti, Señor Xesús 

REMOENDO A PALABRA 

( Facemos un momento de silencio/reflexión, despois de escoitar a Palabra) 

• Naquel comezo da comunidade cristiá, Pedro fálalles desde o que que el 

sentía e estaba vivindo, para animalos a cambiar, a deixar atrás todas 

aquelas cousas que os levaran a perder a alegría, mesmo a paz interior ou a 

capacidade de entusiasmarse coas cousas pequenas. Nese cambio que 

Pedro lles pide, inclúe tamén ir descubrindo a presenza de Xesús nas súas 

vidas. E parece que caso si lle fixeron, porque acabaron por pedir o bautismo 

e comezar a ser, a partires daquel momento, tamén as testemuñas que coa 

súa vida, ían facendo que moit@s outr@s pediran coñecer e recibir o 

bautismo nesa mesma fe que lles daba azos para superar atrancos, e 

capacidade para tender as mans uns aos outr@s. Algo así coma o que tamén 

nós imos facendo desde que comezou este tempo de confinamento: estar 

preto, inda que non sexa fisicamente, unhas persoas das outras. Cunha 

chamada, un sorriso, un aplauso... sendo comunidade. E iso, teñamos ou non 

conciencia de que é así, fainos comunidade vida, solidaria, esperanzada e ao 

estilo do que quería Xesús. Sigamos camiñando así, e termando, alentando e 

coidando uns dos outr@s. 

• No Evanxeo, Xesús, preséntase como o Pastor que fai posible que poidamos 

aprender del. El é o Pastor que non trae medo nin condena nin desconfianza, 

senón a capacidade de escoitar e acoller; de agarimar e acompañar, de 

facerlles sentir que era un con eles. Todo isto que experimentaron aqueles 

primeir@s cristiáns tamén somos chamad@s a experimentalo nós. Deste 

xeito, seguindo as pegadas de Cristo Pastor, iremos sementando a alegría 

verdadeira, a que vai máis alá do aparente, nas nosas vidas e corazóns; a 

capacidade de construír comunidades cada día máis vivas e solidarias, de 

aprender a mirar sempre para os lados e tender a man a quen vexamos que 

cansou, desilusionou, ou non é capaz de dar un paso máis porque o seu 

corazón está entristecido. Todas e todos somos hoxe pastores uns dos 

outr@s. E deste xeito acompañar tamén, co noso compromiso e 

dispoñibilidade, ás persoas que nas nosas comunidades parroquiais nos 

alentan, achegan e motivan para que Cristo siga vivindo en nós e nos nos@s. 

NA ORACIÓN COMPARTIDA 

No compartir a oración na festa do Bo Pastor, e unid@s na esperanza da 

resurrección, rezamos: 

Pastor bo, terma de nós 

• Para que Xesús, O Bo Pastor, sexa sempre a referencia de vida e esperanza 

dos pastores da Igrexa. Oremos. Pastor bo, terma de nós. 

• Para que non deixemos que as nosas comunidades xiren unicamente ao 

redor do sacramentalismo e a ritualización; senón que traballemos por ser 

comunidades que acollen a Palabra proclamada, celebran a vida ao redor do 

altar e fan da caridade man tendida a quen a precise. Oremos. Pastor bo, 

terma de nós. 

• Para que nós, neste tempo de compartir e convivir na casa, saibamos seguir 

creando espazos de encontro, diálogo e maior coñecemento entre os que 

conformamos as nosas familias. Oremos. Pastor bo, terma de nós 

• Por tódalas persoas que se nos foron ao longo deste tempo de pandemia, 

polo coroavirus ou por outras causas, para que atopen os brazos sempre 

abertos do Pastor Bo que os acolle e os fai participar de plenitude da vida. 

Oremos. Pastor bo, terma de nós 

Poñemos todo canto tempos compartido na túa man, Pastor Bo.. Por Cristo o noso 

Señor. Amén. 

NOSO PAI... 

AQUECENDO O CORAZÓN 

Existen tempos sen paz na Igrexa primitiva: tempos de persecucións, tempos 

difíciles, tempos que poñen en crise aos crentes. Tempos de crise. E un momento 

de crise é o que nos narra o Evanxeo de Xoán (cf. 6,60-69). Esta pasaxe é a de 

toda unha serie que comezou coa multiplicación dos pans, cando querían facer rei a 

Xesús, Xesús vai rezar, ao día seguinte non o atopan, van buscalo, e Xesús 

retrúcalles que o buscan para que lles dea de comer e non polas palabras de vida 

eterna... Toda esa historia remata aquí. Dinlle: “Danos deste pan”, e Xesús explica 

que o pan que dará é o seu propio corpo e sangue. 

Naquel tempo «moitos dos seus discípulos, ao oílo, dixeron: “é dura esta 

linguaxe. Quen pode escoitala?”» (v. 60). Xesús dixo que quen non comera o seu 

corpo e bebera o seu sangue non tería vida eterna. Xesús dicía tamén: “Se 

comedes o meu corpo e o meu sangue, resucitaredes o último día” (cf. v. 54). Estas 

son as cousas que Xesús dicía: «é dura esta linguaxe» (v. 60) [pensan os 

discípulos]. “É demasiado dura. Hai algo que non funciona. Este home pasou os 

límites”. E este é un momento de crise. Houbo momentos de paz e momentos de 

crise. Xesús sabía que os discípulos murmuraban: aquí hai unha distinción entre os 

discípulos e os apóstolos: os discípulos eran eses 72 ou máis, os apóstolos eran os 

Doce. E fronte a esta crisis, lémbralles: «Por isto vos dixen que ninguén pode vir a 

min, se non llo concede o Pai» (v. 65). Volve falar da atracción do Pai: o Pai 

atráenos cara Xesús. E así é como se resolve crisis. 

(Francisco.Homilía do 2-5-2020) 

CANTO 

O Señor é o meu Pastor, nada me falta; 

o Señor é o meu Pastor, sempre vai comigo. (bis) 

Repón as miñas forzas polas vereas rectas, 

seguro me coñece por mor do teu nome. 

O Señor é o meu Pastor, nada me falta; 

o Señor é o meu Pastor, sempre vai comigo. (bis)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...