Ir al contenido principal

5 Pascua 2020 A

Vémonos na igrexa o 17. Só os que non somos dos grupos de risco. 

Levamos a mascariña!!!!!!!!!!!!!

Remol

Rezando na Casa 

5º de Pascua

(Celebramos hoxe o 5º domingo de Pascua, e namentres esperamos ao domingo dezasete que, os que queiramos xa podemos ir á igrexa, seguimos a rezar na casa. Volvemos buscar un lugar tranquilo para rezar. Poñemos, coma o outro día un pano branco sobre unha mesa, acendemos unha candea e colocamos ao lado un vaso con un pouco de auga).

No nome do Pai...

CANTO

Unha xuntanza de amor temos aquí, (bis)

pois precisamos que Ti nos queiras,

que Ti nos fales, connosco vivas. (bis)

Mentres na terra, Señor, exista a dor, (bis)

nós non queremos vivir alleos ó sufrimento de quen padece. (bis)


LUZ DE ESPERANZA CON OLLOS DE MISERICORDIA

Nesta xuntanza de amor que ha ser sempre a Igrexa Doméstica, volvemos compartir e celebrar o domingo, Día do Señor e experiencia de reunión comunitaria. Unha reunión que facemos uníndonos no compartir esta celebración desde lugares diferentes, persoal ou comunitariamente; pero unidas nun mesmo sentir: Deus é amor e acóllenos. A súa acollida non é de aparencia, senón real: cada vez que acollemos a quen nos precise, a El o estamos a acoller. 

Comecemos entón, movidos por este pensamento, a oración desta mañá.

REFLEXIONAMOS DESDE A MISERICORDIA

  • Por ter esixido máis que acollido; ÁBRENOS, SEÑOR, A UN CORAZÓN DE CARNE.

  • Por ter pensado máis en nós que no que podemos compartir cos demais; ÁBRENOS, CRISTO, A UN CORAZÓN DE CARNE.

  • Por non ternos esforzado por facer oco no noso tempo, a quen nos precisaba; ÁBRENOS, SEÑOR, A UN CORAZÓN DE CARNE.


POÑEMOS O OÍDO Á ESPREITA

Dos Feitos dos Apóstolos

Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron: 

Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ao servizo das mesas. Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados a oración e ó servizo da palabra.

A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; presentáronllelos ós apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.

A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

Do Evanxeo segundo Xoán

Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.

Dille Tomé: 

Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?

Xesús respondeulle:

Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Filipe díxolle: 

Señor, móstranos o Pai e abóndanos.

Xesús replicoulle: 

Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón “móstranos o Pai”? Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min, fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.

Palabra do Señor. 

Gloria a Ti, Señor, Xesús.


REMOENDO A PALABRA

(Facemos un momento de silencio/reflexión, despois de escoitar a Palabra)

  • O libro dos Feitos dos Apóstolos cóntanos como aqueles primeiros cristiáns eran creativos e con capacidade de sorprender. Vían como pouco a pouco ía medrando o grupo, pero tamén eran conscientes das necesidades coas que se ían atopando. O anuncio do Evanxeo supúñalles un contacto directo e achegado, o que lle ofrecía unha ampla mirada das situacións nas que vivían aquelas persoas que os escoitaban e comezaban a pedirlles que lles explicaran quen era ese tal Xesús. E abofé que eles dedican todo o seu tempo a esta tarefa, pero eran conscientes de que o anuncio da mensaxe e a celebración da que este se acompañaba, necesitaban asentalo sobre o servizo da Caridade. Por iso elixen a sete membros da comunidade para que estean atentos a canto precisasen as persoas máis pobres. Xurde deste xeito o servizo diaconal como un envío que no nome da Igrexa se realiza para dignificar, que non infantilizar nin crear dependencia, a situación de carencia e falta de medios que asegurasen un vivir humano e digno. 


  • Un servizo diaconal que, neste momento de pandemia, adquire rostro de persoas necesitadas pola situación de enfermidade, soidade, perda de traballo... e urxe a que como Igrexa respondamos tamén co noso tempo e medios, asegurando que ninguén quede esquecido e invisible. Ao longo destes días  foron saíndo nos medios de comunicación formas e respostas que desde tódolos ámbitos sociais, a Igrexa entre eles, se foi dando a estas situacións. Non esquezamos que o nome de Caritas, a Igrexa mostrando o amor de Xesús no traballo coas persoas necesitadas, non se refire a unha ONG solidaria, senón á resposta que as comunidades cristiáns damos ao amor de Cristo na dispoñibilidade aos empobrecidos.


  • No Evanxeo, Xesús lémbranos dúas cousas que han ser sempre fundamentais na nosa vida: Os cristiáns non podemos ser persoas agoniadas e movéndonos sempre no pesimismo e na tristura existencial, como se non houbera nin futuro nin esperanza. Sen ela a nosa fe sería baleiro absoluto e fracaso. A segunda cousa que non deberiamos esquecer nunca é que Deus non exclúe, senón que acolle. O Deus que crea por amor e desde o amor, sempre ten a man tendida para facernos oco ao seu lado, El sempre ten sitio, nunca pon o cartel de esgotadas as localidades. Seguimos nós este seu camiño? Nestes días, duros e difíciles, atoparon en nós, os que buscaron acougo, escoita e acollida? Desde este camiño que nos invita El a seguir, continuemos avanzando na pascua.


NA ORACIÓN COMPARTIDA

    O Señor convócanos a gora a compartir este momento de oración comunitaria. Facémolo dicindo:  

QUE NOS ESFORCEMOS POR SER PERSOAS DE BO CRETO.

  • Para que non deixemos de ser nunca unha Igrexa servizal e disposta a dar cos nosos feitos razón da esperanza que nos trae Xesús; Oremos. Que nos esforcemos por ser persoas de bo creto.

  • Para que  saibamos aproveitar este tempo compartido xunt@s na casa, para crecer sendo Igrexa Doméstica; Oremos. Que nos esforcemos por ser persoas de bo creto.

  • Para que aprendamos a poñer os ollos no importante: as persoas, e non no que nos distrae e aparta de quen nos necesita; Oremos. Que nos esforcemos por ser persoas de bo creto.

  • Por tódalas persoas e familias que neste tempo de pandemia e confinamento teñen sufrido soidade, incomprensión ou a dor pola perda dun ser querid@, para que saibamos tenderlles a man ao estilo de Xesús; Oremos. Que nos esforcemos por ser persoas de bo creto.

Esperta sempre en nós, Señor, o compromiso de ser persoas caritativas e xustas. Por Xto. O noso Señor. Amén.


NOSO PAI...

AQUECENDO O CORAZÓN

Deus omnipotente,
que estás presente en todo o universo
e na máis pequena das túas criaturas,
Ti, que rodeas coo túa tenrura todo o que existe,
derrama en nós a forza do teu amor
para que coidemos a vida e a beleza.
Enchóupanos de paz, para que vivamos coma irmáns e irmás
sen danar a ninguén.
Deus dos pobres,
axúdanos a rescatar
aos abandonados e esquecidos desta terra
que tanto valen aos teus ollos.
Sanda as nosas vidas,
para que sexamos protectores do mundo
e non depredadores,
para que sementemos fermosura
e non contaminación e destrución. ( Francisco, Laudato Si`)


Canto.-

Eu soñei que algunha vez, todo o mundo era un fogar, todo o mundo unha familia, unha familia universal. Unha casa que eu soñei, coas portas sen pechar, todo o mundo unha familia, unha familia universal.


Xa se abren fronteiras e  caen os muros,

e téndense as mans e vívese en paz,

e fálase en linguas e rézase unidos,

sen medos podemos cantar.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...