Ir al contenido principal

15 domingo TO A 2020

UNHA SEMENTE QUE CHEGA E PIDE SER ACOLLIDA

Descarga o ficheiro


CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)
  • LECTURAS: Canta o sol (Nº 22)
  • OFERTORIO: Sementar, sementarei
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

ESCOITA ACTIVA

Nos tempos que corren, nos que só contan os resultados rápidos e a rendibilidade inmediata, podemos sentir a tentación de dubidar e mesmo de non crer no papel da fe. Serve para algo práctico esta mensaxe que proclamamos diante do mundo?. Onde están os resultados?.
Porén, o Evanxeo que hoxe proclamaremos é luz, esperanza e paz para quen sinta a vertixe das preguntas anteriores. Xesús fala desde a súa experiencia persoal, pois é esa experiencia persoal a que trata de comunicarnos desde a parábola do sementador. Oxalá saibamos ver e acoller o que aí se nos dá. Oxalá nos convertamos en transmisoras e transmisores da Boa Nova, sabendo comunicar o Evanxeo de Xesús e compartindo as nosas experiencias de vida. A nosa sociedade precísao... e moitas persoas crentes, tamén.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque en demasiadas ocasións deixamos que prendan as malas herbas no noso corazón, facéndonos egoístas, apáticos e interesados, SEÑOR, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.
  • Porque moitas veces as nosas precipitacións e as nosas présas non deixan que a túa Palabra enchoupe a nosa vida de amor, perdón e coherencia, CRISTO, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.
  • Por non ter prestado a atención debida á Palabra que proclamamos nas celebracións, o que nos impide poñela en relación coa nosa vida, SEÑOR, REGA O NOSO CORAZÓN RESECO CO TEU AMOR.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Deus vai regando a nosa vida: Unha vida sen ilusións, proxectos, horizontes... é unha vida chamada a esmorecer, a perder o seu sentido, a resecar. Deus non quere vidas así, por iso lle vai dando a todas as vidas, a auga que fai que teña sentido dicir: paga a pena camiñar contigo. Nesta tarefa tod@s nós estamos implicad@s, xa que tod@s nós somos mediacións a través das cales Deus vai falando e vainos mostrando camiños de traballo compartido que, desde o amor, imos facendo en comuñón con outras moitas persoas. Esta é a mellor resposta para ter unha vida chea.
Claro que haberá momentos de dor, de fracaso ou mesmo de dúbida; pero non podemos caer no pesimismo ou no derrotismo. Estes malos momentos, que poñen de manifesto a nosa limitación, temos que ilos pasando agarrándonos da man daquel que nos crea libres e que non quere manipularnos coma monicreques, senón que respecta a nosa liberdade e as nosas decisións.
E desde esta liberdade, que nos descobre que a fe ten que ser acollida sen coaccións, vivida con convicción, expresada con creatividade, rezada en comunidade e alimentada no pan e na palabra, a parábola do sementador, que vimos de escoitar, preséntanos a salvación-liberación coma unha obra de colaboración das persoas con Deus na que o primeiro paso parte de Deus, que sempre respecta a liberdade humana. Porque o sementador sae sementar ao chou, non escolle o terreo, bota a semente por todo o campo, e esta semente cae en terreos diferentes, que teñen o noso rostro e o noso nome:
  • a)Á BEIRA DO CAMIÑO: Parte da semente caeu á beira do camiño, neses pequenos camiños que atravesan os campos. Os camiñantes pisárona e os paxaros, sempre atentos, comérona. Perdeuse. Este terreo ten o noso rostro cando a Palabra queda á marxe da nosa vida, cando non a compromete. Non a rexeitamos abertamente, pero tampouco a integramos. Adaptámonos externamente á mensaxe que escoitamos, pero non a asimilamos porque non nos parece útil. Son os cristiáns sociolóxicos, que se bautizan e mesmo compren cos ritos establecidos; pero para os que interiormente a fe non importa nada, non cuestiona nada, non move nada. Escoitamos sen entender, por ser terreo duro, empedrado e machacado pola rutina e polo costume. Todo o escoitamos como xa sabido. A semente cae, pero rebota.
  • b) EN TERREO PEDREGOSO: O que se sementa aquí, tamén se perde. Ao ter pouca terra, sen raíces profundas, o sol sécao. Son aquelas persoas que aceptan a palabra sen profundizala e, cando chegan as dificultades, déixano todo. Leva o noso rostro de efecto gasosa: cando comezamos un proxecto, hai ilusión, ganas... pasados uns meses, perdeu forza a novidade.... e se te vexo non me acordo.
  • c) ENTRE SILVEIRAS: A terra era fecunda e profunda, nela a semente podía ter xerminado. Porén, tamén secou. Teñen o rostro daquelas persoas que teñen moito que deixar para poder ser cristiáns: as riquezas, o poder, a posición social.... Por iso afogan a semente, porque teñen medo ás complicacións que lles podería ocasionar. Pretenden enganarse compaxinando os valores de Deus cos que representan os cartos. Adoitan ter boa reputación, ocupan postos preferentes nunha Igrexa na que os mediocres son ensalzados e os coherentes, silenciados.
  • d) EN TERRA BOA: O resto da semente caeu en terra boa e deu froito, aínda que desigual. Escoitaron e entenderon, puxeron en práctica e van dando froito... ao seu tempo, co seu ritmo. Teñen o rostro e o nome daquelas persoas que reciben e acollen o evanxeo con corazón sincero na súa vida. Por iso, ás veces, non son entendidas, escoitadas, queridas e valoradas: porque poden ser un recordatorio vivente de que o presente é tempo de salvación, de que o Deus de Xesús de Nazaré encárnase hoxe de novo en tantas persoas que ven a súa dignidade pisoteada polos que mandan en calquera eido da sociedade. Son persoas que, como Xesús, falan coa mellor autoridade: a dos feitos, a da vida.
Acollamos este agasallo e preparemos a terra para que a semente poida ir medrando ata dar froito.

FRATERNIDADE ORANTE

Nun mundo que adoece de falta de esperanza e ao que lle sobran palabras baleiras, ás veces resúltanos complicado responder á túa chamada, por iso che dicimos xunt@s:
QUE NON AFOGUEMOS SEMENTE DA FE
  • Pola Igrexa, chamada a anunciar unha Boa Nova de liberación e salvación, para que testemuñemos sempre unha fe viva, salvífica e transformadora de persoas e sociedades, OREMOS.
QUE NON AFOGUEMOS SEMENTE DA FE
  • Polas nosas comunidades parroquiais, para que sexan comunidades de esperanza onde se acolle e se escoita, comunidades onde podemos sandar e facernos cargo da xente máis fráxil, comunidades formadas por persoas que realizamos xestos sinxelos, cotiáns, gratuítos, cargados de amor e de esperanza, capaces de reconstruír a vida, OREMOS.
QUE NON AFOGUEMOS SEMENTE DA FE
  • Por cada un e cada unha de nós, para que nunca desprestixiemos as nosas palabras cos nosos feitos, senón que a nosa vida sexa coherente co que anunciamos, rezamos e dicimos, OREMOS
QUE NON AFOGUEMOS SEMENTE DA FE
Grazas, Señor, por non chamarnos a empreñar do aire, senón a aterrar no aquí e no agora para que deamos froitos de xustiza, solidariedade, diálogo e renovación. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Sodes sementes do Reino plantadas na historia.
Sementes boas e tenras, cheas de vida.
Téñovos na miña man,
arrólovos e quérovos,
e por iso vos lanzo ao mundo: perdédevos!.
Non teñades medo a treboadas nin a secas,
a pisadas ou a espiños.
Bebede dos pobres e enchoupádevos do meu orballo.
Fecundádevos, rebentade,
non quededes enterradas.
Florecede, dade froito.
Deixádevos arrolar polo vento.
Sodes sementes do meu Reino!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...