Ir al contenido principal

32 Domingo TO A 2020

PERSOAS SABIAS NA EXPERIENCIA DE APRENDER A VALORAR O PASENIÑO DA VIDA

CANTO GOZOSO 

  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2) 
  • LECTURAS: Eu soñei (Nº 58) 
  • OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31) 
  • COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) 

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Sabedoría e esperanza son os eixes nos que se move hoxe a Palabra de Deus. Un binomio desde o que somos invitadas e invitados a dar os pasos da nosa vida. Pero non desde a sabedoría de quen ten moito coñecemento e pouca humanidade, senón desde a esperanza de quen aprendeu a valorar o sinxelo, o pequeno, o humilde e desde a cotidianeidade desta experiencia vai encarando o seu día a dia na procura da esperanza que dá sentido á vida, converténdose en horizonte cara ao que camiñar. Hoxe, desde esta sabedoría esperanzada, a Igrexa española celebra o día da “Igrexa diocesana”; o día no que as comunidades tomamos conciencia de quen somos e cara onde imos dando pasos desde o día a día da nosa vida de fe vivida en comunidade. Non estamos sos, tampouco imos sos. Somos Igrexa, que desde as pequenas fraternidades de cada parroquia sentímonos persoas queridas, respectadas e sempre aloumiñadas polo amor de Deus compartido na nosa experiencia de fe celebrada con alegría. E como di o lema deste ano “Somos o que ti nos axudas a ser. Somos unha gran familia contigo”. Ninguén está de máis, tod@s somos importantes.

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Sabendo que non sempre somos capaces de vivir con sentido comunitario; SEÑOR, QUE SEMPRE TEÑAMOS SEDE DE TI. 
  • Esquecendo outras veces que sen esperanza a fe esmorece; CRISTO, QUE SEMPRE TEÑAMOS SEDE DE TI. 
  • Ignorando que só desde a compaña das persoas podemos comprender o que é a felicidade; SEÑOR, QUE SEMPRE TEÑAMOS SEDE DE TI. 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA 

Raiolante e perenne é a Sabedoría, e enxérgana sen dificultade os que a aman; déixase atopar dos que a procuran. Adiántase a se dar a coñecer polos que a anceian. Quen madrugue por ela non ha de cansar: atoparaa chantada a carón da súa porta. O matinar nela é xa o cumio da prudencia, quen por ela deixa o sono axiña se verá libre de preocupacións, pois ela de seu vai de acá para alá á procura dos que dela sexan dignos, aparéceselles benigna nos vieiros, sáelles ao encontro en calquera proxecto. PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

O Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. Cinco eran atoladas e cinco asisadas. As atoladas colleron os candís pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono, e botaron unha durmidela. Alá pola media noite oíuse berrar: "¡Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!" Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón dixéronlles as atoladas ás asisadas: "Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen". Responderon as asisadas: "Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes". No intre que elas ían mercalo, chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas, e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: "¡Señor, Señor, ábrenos!" Pero el respondeulles: "Asegúrovos que non vos coñezo". Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora. PALABRA DO SEÑOR 

REMOENDO NA PALABRA

Nun tempo nos que tod@s parecemos saber de todo, e sempre máis ca os demais; nun tempo no que nos paramos pouco a pensar e dedicamos moito tempo a buscar que nos escoiten, loen e recoñezan os noso méritos, a palabra de Deus dános unha viravolta e invítanos a deixar de lado as loas para poñernos a camiñar na escoita. Na escoita de quen ten vivido, na escoita de quen ten aprendido desa vivencia; na escoita dos nosos maiores, sen as présa de quen pensa que sabe todo e xa non necesita nin máis nin dos demais. Desde a palabra de Deus a verdadeira sabedoría hai que ila descubrindo non nos libros, que moitas veces só son para elites entendidas, senón na dureza da vida aprendida desde a loita, o esforzo, o recoñecemento do traballo das xeracións anteriores e a necesidade de non botar ao lixo do esquecemento o seu legado. Débeda verdadeiramente histórica temos hoxe cos nosos maiores, cando somos incapaces de pensar como as nosas incoherencias poden acabar levándoos a eles a un final en soidade. Esforzarnos por ser continuadores do camiño comezado polos nosos maiores, descubrimos as persoas crentes, o sentido profundo da esperanza cristiá. E non é esta unha esperanza que esmorece no efémero dos proxectos que só buscan consumir tempo e non implicarse na transformación de actitudes, comportamentos tantas veces repetidos, e que non nos aportan nada de enriquecedor a nosa vida. A esperanza de quen seguimos a Xesús como eixe no noso camiñar ábrenos á capacidade de saber ilusionarnos cada día co sinxelo e alegre, co pequeno e humilde, co solidario e xusto; a esperanza na que temos que aprender a movernos os que cada domingo compartimos a alegría de ser comunidade e de reunirnos para celebrar a fe é a esperanza desde a que nos esquecemos nunca nin aos nosos maiores, os que están e os que xa non, e que nos fará un día gozar da presenza de Deus con eles ao noso lado. Por iso é tan importante estar sempre en actitude proactiva, de disposición a crear, facer, innovar, ilusionar, compartir... e nunca abandonarnos no que outros digan e fagan. Como as mozas asisadas do evanxeo, tamén nós temos que estar dispost@s a manter as lámpadas en disposición de acenderse cando se precise, sen esquecer que para que a súa luz permaneza é necesario rechealas de aceite. O aceite do camiñar coas e polas persoas; o aceite de acompañar a quen estea só; o aceite de quen non escapa das dificultades e constrúe sen desanimarse; o aceite que nos fai ser comunidade, Igrexa doméstica, casa compartida que se sabe familia onde o anonimato non entra e o recoñecemento do que os outr@s fan é motivo de alegría compartida, e de vida celebrada ao redor do altar que nos une desde as nosas diferenzas. 

COMPARTINDO O COMPROMISO

Sabéndonos Igrexa Universal desde o noso ser Igrexa doméstica e parroquial, dicimos: 

SEÑOR, QUE MANTEÑAMOS AS NOSAS LÁMPADAS SEMPRE ACENDIDAS 

Para que a Igrexa sexa verdadeira imaxe de Deus no seu actuar en todos os recunchos do noso mundo, OREMOS. 

SEÑOR, QUE MANTEÑAMOS AS NOSAS LÁMPADAS SEMPRE ACENDIDAS 

Pola nosa Igrexa particular de Tui-Vigo, para que aprendamos a ser unha familia onde se acepten as diferenzas e se escoiten as discrepancias, OREMOS. 

SEÑOR, QUE MANTEÑAMOS AS NOSAS LÁMPADAS SEMPRE ACENDIDAS 

Polas nosas parroquias, para que tentemos ser comunidade, superando os atrancos que ás veces nos impiden crecer queréndonos e axudándonos, 

OREMOS. SEÑOR, QUE MANTEÑAMOS AS NOSAS LÁMPADAS SEMPRE ACENDIDAS Acompaña, Señor, a oración que hoxe compartimos comunitariamente. P.X.N.S. Amén. 

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO 

“Somos o que ti nos axudas a ser. Somos unha gran familia contigo” diciamos ao comezo que era o lema deste Día da Igrexa Diocesana que se celebra hoxe. "Somos corresponsables do traballo da Igrexa e do seu apoio”. En cada familia hai necesidades e a parroquia ten que ser unha gran familia onde nos necesitamos e nos axudamos. Dediquemos parte do noso tempo a escoitar aos veciños, principalmente aos que sabemos que están sos e nos precisan. O tempo posible que cada un de nós teñamos: media hora, unha hora, tres horas... Tod@s temos moito que dar aos demais: un sorriso a quen está ao noso lado, unha man a quen están desconsolado, mesmo o silencio da comprensión para quen sofre. Poñamos ao servizo das persoas o que sabemos, queremos e podemos compartir. Porque a parroquia ten que seguir sendo sempre familia de familias.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...