Ir al contenido principal

34 Domingo TO A 2020

A LEDICIA DA FE ATOPA RAÍZ NO ENCONTRO DESDE A REALIDADE COAS DORES E ILUSIÓNS DAS IRMÁS E DOS IRMÁNS

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
  • LECTURAS: O Señor é o meu pastor (Nº 27)
  • OFERTORIO: Recibe, Señor (Nº 31)
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

É domingo, o día do Señor. Reunímonos para compartir sentindo a presenza próxima das irmás e dos irmáns. Moitas e moitos de nós non nos temos visto desde hai unha semana; neste tempo téñennos pasado cousas. Unhas ben seguro que boas, outras non tan boas, pero volvemos estar de novo a carón da mesa do pan e da palabra para celebrar compartindo, porque non estamos nin sos nin illados. Estamos á beiriña uns dos outros. Que saibamos recoñecernos no sorriso sincero co que nos saudamos e na ledicia esperanzada desde a que nos atopamos para compartir e participar deste encontro co Señor, e poder así gozar do pan da fraternidade.

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Por non ter sido sempre persoas misericordiosas e acolledoras; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS CURAR POR TI.
  • Por evitar mirar aos ollos a quen sabemos precisado da nosa palabra e da nosa man tendida; CRISTO, QUE NOS DEIXEMOS CURAR POR TI.
  • Por non saber facer da nosa vida encontro de fraternidade e de igualdade; SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS CURAR POR TI. 

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL

Di o Señor: velaí, eu en persoa virei seguirlles as pisadas ás miñas reses e buscalas. O mesmo que mira o pastor polos años, así eu vou mirar polas miñas reses, e vounas salvar, sacándoas de todos os sitios por onde se espallaron un día de nubes e escuridade. Eu mesmo apacentarei o meu rabaño, e eu en persoa fareino acougar. Buscarei a ovella perdida, farei volver á extraviada, vendarei á que ten a pata partida, fortalecerei á feble, pero farei que perezan a gorda e a forte. Apacentarei o meu rabaño conforme á xustiza. 

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Cando veña o Fillo do Home na súa gloria e todos os anxos con el, sentará no seu trono glorioso. Diante del xuntaranse todas as nacións; e separará uns dos outros, como xebra o pastor as ovellas das cabras. E poñerá as ovellas á súa dereita e as cabras á súa esquerda. Entón dirá o Rei ós da súa dereita: "Vinde, benditos do meu Pai; recibide a herdanza do Reino preparado para vós desde a creación do mundo. Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven espido e vestístesme; enfermo e visitástesme; estiven na cadea e viñéstesme ver". Entón preguntaranlle os xustos: "Señor, ¿cando te vimos famento e che demos de comer; ou sedento e che demos de beber? ¿Cando te vimos forasteiro e te acollemos; ou espido e te vestimos? ¿Cando te vimos enfermo ou na cadea e te visitamos?" O rei contestaralles: "Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo". E diralles logo ós da súa esquerda: "Arredade de min, malditos; ide para o lume eterno preparado para o Satán e para os seus anxos. Porque tiven fame e non me destes de comer; tiven sede, e non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven espido e non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes". Eles replicaranlle: “Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou espido, enfermo ou na cadea e non che acudimos?" El responderalles: "Asegúrovos que canto deixastes de facerlle a un destes máis pequenos, deixastes de mo facer a min. Daquela irán estes ó castigo eterno, e os xustos á vida eterna". 

PALABRA DO SEÑOR REMOENDO NA PALABRA

Dinos a primeira lectura do profeta Ezequiel que por moito que busquemos, non imos atopar a Deus na tranquilidade acomodaticia de quen manda, impón e dirixe na distancia: Ao contrario, este Deus no nome do que nos reunimos nos templos, temos que atopalo na vida, na xente que, coma nós, camiña buscando paz, xustiza, nun mundo inxusto. Este é o Deus non descoñecido e si recoñecible cando triunfa o ben sobre a maldade, a axuda e colaboración sobre o individualismo, os valores e o que humaniza sobre o líquido que nunca asenta e diferenza entre o que enche de sentido a vida do que non o fai. Nunha palabra, o Deus que trae hoxe á nosa reflexión Ezequiel é o Deus que coida e cura, para que tamén nós saibamos coidar e curar a quen vexamos necesitada ou necesitado do noso coidado e da nosa capacidade de curar. E neste momento, non moi lonxe de nós, hai tantas persoas que necesitan e agradecerían ser curadas! Curadas do rancor, da envexa, da soberbia... que as fai infelices e sempre insatisfeitas!

Nesta cura por superar a enfermidade da permanente insatisfacción, Xesús sae a camiñar cada día con nós para que acertemos na dirección que temos que percorrer na nosa vida. Dirección e camiño que están cheos de curvas, subidas, estreiteces, e tamén como non, de rectas que nos fan un pouco máis lixeira a viaxe. Unha viaxe na que non imos sos, e na que precisamos compañeiros e compañeiras que nola fagan máis agradable e ditosa. En todo este traxecto Xesús pon ao noso dispor o mellor que nos pode dar: a esperanza, para que nunca nos creamos os mellores; para que nunca pensemos que xa está todo feito; para que nunca caiamos na tentación de crer que o sabemos todo e non precisamos de ninguén; para que nunca... caiamos nas redes que nos fan perder a cordura de saber cal é o camiño e en que parte del estamos. Xa que logo, a súa esperanza é a que fai posible que non nos derrubemos ante as dificultades; unha esperanza que non cansa de albiscar horizontes novos que orientan, dan sentido e forza a volver comezar outra vez, sabendo que non iremos perdid@s.

E como facer posible esta esperanza se non a vemos? Seguro que nos preguntamos moitas veces. A resposta á pregunta atopámola no evanxeo que acabamos de escoitar. Non é necesario ir moi lonxe, tampouco pasar por moitas facultades universitarias, e menos aínda dispor dunha carteira ben chea e unha conta corrente de moitos ceros. Non. Xesús é moito máis claro e sinxelo: cada vez que llo fixestes, o ben ou o mal, a un deste irmáns máis esquecidos, ignorados, invisibles, esmagados polos poderosos, oprimidos pola enfermidade, maltratados pola pretendida superioridade cultural, lingüística ou relixiosa... a min mo fixestes. Que doado de entender, verdade! Que difícil de convertelo en camiño polo que ir dando pasos cada día, sen sentir a vertixe do que nos quere confundir ou trabucar nas nosas pisadas. O compromiso moral de actuar en conciencia, buscando o bo que humaniza e nos humaniza, non o cumprimento das normas nin dos dogmas, será o que ao final da nosa tardiña nos fará pasar o exame máis importante da vida, e entrar coa mellor cualificación na única universidade que paga a pena: a plenitude da esperanza ao lado de Deus! 

COMPARTINDO O COMPROMISO

Facendo do que sentimos no corazón oración compartida, dicimos comunitariamente:

QUE APRENDAMOS A RECOÑECER AS TÚAS PEGADAS

Para que sexamos unha Igrexa coidadora e curadora; OREMOS.

QUE APRENDAMOS A RECOÑECER AS TÚAS PEGADAS

Para que sexamos comunidades que aprendamos a recoñecerte nas irmás e nos irmáns necesitados do noso tempo; OREMOS. 

QUE APRENDAMOS A RECOÑECER AS TÚAS PEGADAS

Para que a nosa vida sexa unha permanente atención a ser esperanza, misericordia, compaña, escoita e alegría para coas persoas ás que lles falte; OREMOS.

QUE APRENDAMOS A RECOÑECER AS TÚAS PEGADAS

Señor, que saibamos recoñecerte nas dores, tristuras e alegrías nosas, das nosas irmás e dos nosos irmáns. P.X.N.S. Amén. 

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO

Con Xesús queremos facer do mundo berce onde nos sentamos arroupadas e arroupados; leito onde compartamos a fermosa tarefa de sentir ao noso lado a quen nos quere; corredor onde poidamos atoparnos con quen quere facer do noso encontro diálogo e conversa fraterna e solidaria; cociña onde poidamos sentar á mesa da fraternidade compartida na que partimos e repartimos non só pan, tamén olladas de recoñecemento de irmandade que nos iguala e fai que ninguén nos resulte estraño ou estranxeiro. Berrémolo ben forte, berrémolo como cidadás e cidadáns dun mundo que queremos mellor e máis igual! Non calemos ante esta fermosa invitación que El nos fai!

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...