Ir al contenido principal

4 domingo TO B 2021

Quen ten bo oído nunca desafina: sabe escoitar tódalas voces sen confundilas

Cantos.-

    Entrada.-  Con ledicia vimos ( 3)

    Lecturas.- Ditosos os que temen ao Señor ( 19)

    Ofertorio.- Déixate querer ( 61 )

    Comuñón.- Quédate, Señor, connosco (  63)

Mirada de esperanza

Esta terceira onda da COVID19 chéganos con tanta forza que parece que vai levando todo e a tod@s a eito. Diante desta situación caben dúas maneiras de entender e actuar: caer no pesimismo vitimista que só é capaz de ver todo negro e sen ningunha perspectiva; ou facerlle fronte desde a esperanza de quen ten fe, sendo conscientes das dificultades do momento, e sabendo da fraxilidade da cada un e cada unha de nós, pero esforzándonos por actuar de xeito responsable, e sen deixar que as noticias desalentadoras ou as medidas que nos piden pensar no ben común e non de maneira individualista, nos leven a caer na tristura desesperanzada.
No salmo responsorial de hoxe chámasenos a escoitar a voz do Señor que nos segue falando a través da responsabilidade á hora de comportarnos, da solidariedade cando temos que tender a man a quen nola precise, da capacidade de non deixarnos vencer polo pesimismo desalentador, para que nunca deixemos endurecer o noso corazón. Traballemos e apostemos sempre polas persoas e coas persoas.

Corazón de misericordia

  • Polas veces nas que a dureza do noso corazón non nos deixa descubrir a tenrura das persoas de ben. Señor, que o perdón non desapareza do noso corazón.
  • Porque impoñemos e non explicamos os nosos pareceres. Cristo, que o perdón non desapareza do noso corazón.
  • Para que non pechemos os oídos a escoitar a túa voz. Señor, que o perdón non desapareza do noso corazón.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO DEUTERONOMIO


Díxolle Moisés ó pobo:

A un profeta coma min farao xurdir o Señor, o teu Deus, no medio de ti, de entre os teus irmáns. Facédelle caso, tal como llo pediches ó Señor, o teu Deus, no Horeb o día de asemblea, dicindo: Non quero seguir escoitando a voz do Señor, meu Deus, nin ver máis esta grande labarada, para non morrer. E entón o Señor díxome: Fixeron ben en dicir isto. Fareilles xurdir un profeta coma ti do medio de seus irmáns e porei as miñas palabras na súa boca e falaralles todo o que eu lle mande, e a aquel que non lles faga caso ás miñas palabras, as que o profeta anuncie no meu Nome, eu pedireille contas. Pero o tal profeta, se ten o atrevemento de dicir no meu Nome cousas que eu non lle mandei dicir e fala no nome de deuses alleos, entón morrerá ese profeta. Palabra do Señor.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Viñeron a Cafarnaúm, e, ó chega-lo sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga.
Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar: -¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaret? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti e-lo Santo de Deus.
Xesús mandoulle: -Cala, e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados, e discutían entre si, dicindo: -¿Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade; enriba, dálles ordes ós espíritos malos, e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea. Palabra do Señor.

Palabra remoída

É difícil no medio de tanta noticia que constante e permanentemente nos fala de enfermidade, número de doentes, UCIS saturadas, persoal médico estresado, veciñ@s contaxiados.. poñer un pouco de distancia e tentar reflexionar para entender o que nos está a pasar. E resúltanos difícil porque imos sempre tan as présas que cando temos que parar buscando entender, fáltanos hábito para poder facelo. Porén a Palabra de Deus que hoxe quere resoar nos nosos oídos non deixa de insistir en que temos que aprender do que está a pasar, que é necesario reflexionar, que as cousas, cando xorden teñen unha razón, un porqué, unha causa. E moitas veces na orixe de todo iso, estamos nós. Si, nós co noso xeito de comportarnos, pola nosa maneira de autoxustificarnos, por pensar que os que o fan mal son os outros e que a nós non nos vai pasar, que... deixemos logo de buscar autoxustificacións fóra de nós e preguntémonos polas veces nas que non puxemos a máscara, polas veces nas que fomos a casa duns amigos ou veciños e non gardamos a distancia nin fomos coidadosos na hixiene das mans; preguntémonos por todas esas cousas que non fixemos ben porque diciamos que os que o facían mal eran os outros. Porque se nós non deixamos de mirar o que fan os demais e comezamos a mirar o que facemos nós, as cousas non só non van cambiar, senón que iran a peor. De nós, e de ninguén máis ca de nós depende.

A esta falta de responsabilidade, a este intento de autoxustifcarnos, a este querer botarlle a culpa aos outr@s poñéndonos nós de perfil, é ao que o salmo se refire cando nos chama a non endurecer o noso corazón, porque co corazón endurecido, nada nos importa máis ca nós mesmos. Caendo no individualismo insolidario e egoísta que nos acaba por deixar, antes ou despois, pero nos deixará, sos e ao pairo. E así como queremos vivir? Escoitemos logo, esforcémonos por escoitar a voz do Señor e non deixemos que se endureza o noso corazón; fagamos o esforzo por ser cidadáns e cidadás responsables, veciños que pensamos uns nos outros e amigos que temos a capacidade de facer unha chamada/ video chamada, e non unha visita presencial. Deste xeito, canto agora saibamos sementar ben, acabará, inda que teñamos que esperar un pouco, dando a mellor dos froitos.

E todas estas cousas deberan ser froito do noso sentido común, sen que ninguén tivera que obrigarnos ou prohibírnolas facer. Porque é o ben de todas e todos, o ben común o que nos ha guiar como cidadáns e como crentes. E nisto ninguén ha escapar. Os curas temos que ser responsables marcando ben o aforo, non por estar moitos imos rezar mellor e con máis seguridade; insistindo na importancia da desinfección de mans e no de non quitar a máscara, tampouco nós durante a celebración. Non vaia ser que pensemos que lle podemos impoñer aos demais o que nós non queremos nin estamos dispostos a cumprir. E todas e todos temos que comportarnos pensando en facer o mellor ben co noso actuar aos demais. A iso, a actuar pensando nos demais e sen dicir unha cousa e facer outra, é ao que lle chama o evanxeo de hoxe falar e comportarse con autoridade, que non con autoritarismo. Deixemos entón que esta palabra resoe en nós, permitamos que o noso siga a ser un corazón de carne e non de pedra, e sexamos testemuñas por medio do noso actuar coherente e responsable. Sen pedirlle aos demais o que nós nin queremos nin estamos dispostos a cumprir.

Oración compartida

Esforzándonos porque a nosa oración non sexa palabra de vento e si convicción persoal, digamos ao Señor: Que non deixemos endurecer o corazón

  • Señor, que na Igrexa non actuemos nin con autoritarismo nin con indiferenza ante os problemas do noso tempo, senón con responsabilidade e buscando o ben común. Oremos. Que non deixemos endurecer o corazón.
  • Señor, que nas parroquias non deixemos de cumprir con todo canto evite propagar o virus, e deixemos de comportarnos de maneira individualista, pensando que os que o fan mal son os outr@s, e non nós. Oremos. Que non deixemos endurecer o corazón.
  • Por tódalas persoas enfermas, especialmente hoxe lembramos e encomendamos as persoas das nosas parroquias que están en corentena, teñen o virus ou están no hospital. Oremos. Que non deixemos endurecer o corazón.
Grazas, Señor, por lembrarnos que rezar non é mover os labios, senón pasar polo corazón o que estamos dispostos a esforzarnos por vivir buscando o be común. Por Cristo o noso Señor. Amén.

Ecos de esperanza

No noso percorrido vital é necesario contar cunha brúxula,
se queremos chegar a onde queremos ir.
O difícil é atopar unha fiable e que non nos falle,
pois existen moitas: as que marcan o mínimo esforzo,
o egoísmo, acadar o éxito a custa do que sexa,
actuar sen pensar nos demais, buscar só o noso propio interese...
escolle ben a túa; unha que te axude a ser feliz,
tendo en conta aos demais,
porque é o ben común o que fai posible poidamos sorrir xunt@s.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...