Ir al contenido principal

5 Domingo Pascua 2021 B

 PORQUE O INMUTABLE NON É HUMANIZADOR, TRABALLEMOS POR SUPERAR A TENTACIÓN DO INMOBILISMO

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Bendito ti, Xesús resucitado (Nº 111)
LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)

ABRINDO O CORAZÓN

Dúas visións, coido que equivocadas da vida, son tanto a que mantén que as cousas son inmutables, e canto máis mellor; como a que vive en permanente estado de cambio sen asentar en nada nin con ninguén. Nesta desconfianza era na que se movían, no principio, aqueles primeiros cristiáns, tal e como nos di hoxe a primeira lectura dos Feitos dos Apóstolos. Por iso non se acaban de fiar de Paulo, e non só de Paulo; desde el, a súa desconfianza facíaos vivir no medo aos demais, incapacitándoos para ver e comprender que as persoas cambiamos, evoluimos, imos tendo outras visións das cousas, e que non podemos vivir pegados permanentemente a posicións que non só non nos fan crecer, senón que nos empobrecen e nos manteñen nunha permanente minoría de idade, que moitas veces é expresións de inmadureza humana, cristiá e tamén social.
Que a celebración deste quinto domingo de Pascua nos abra os ollos, si; pero tamén o corazón a superar a tentación do inmobilismo que nos impide entender que a resurrección é sempre presente aberto a un futuro cada vez mellor.

UN CORAZÓN MAGOADO

Polas nosas desconfianzas, que non nos deixan achegarnos aos demais sen medo. SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
Polas nosos medos, que non axudan a que tomemos iniciativas de cambio. CRISTO, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
Polas nosas présas, que nos levan a vivir na inseguridade permanente. SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.

QUE ESCOITA A PALABRA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS

Chegado Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.
Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Dilles Xesús ós seus discípulos:
Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O sarmento que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós. Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, vós tampouco, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós os sarmentos. Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden. Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer. Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

PALABRA DO SEÑOR


NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 

Vimos de escoitar na primeira lectura a desconfianza que existía entre os primeiros cristiáns de Xerusalén respecto a Paulo. Unha desconfianza que os levaba a manter distancia, a dubidar, a non fiarse nin del nin do que dicía. Verdade que algunha vez tamén nos ten pasado algo así? Cando lle demos importancia a chismes e cousas que nos contaron doutras persoas; cando sen coñecer pensamos que esta ou aquela persoa son deste ou daquel xeito; cando por medo ao que pensasen de nós non soubemos, non quixemos ou faltounos sinceridade para dicir, no canto de calar: iso non é así como dis. Na vida vemos como a palabra de Deus non é algo do pasado, algo antigo ou pasado de moda senón que sempre nos trae ao noso propio presente, á nosa realidade, ao día a día. Simplemente temos que prestarlle atención para acollela e interiorizala, para descubrir como a súa presenza vai iluminando as pisadas do noso camiño.
E Xesús volve utilizar de novo a imaxe da viña, tan cercana á nosa vida cotiá, para falarlles ás persoas que estaban onda el. Vide a sarmentos artellan o evanxeo que vimos de escoitar. A primeira trae a savia, a forza que fai posible que a planta dea o mellor dos froitos. Dos segundos van colgando as uvas froito da mellor cepa. Para que pida haber boas uvas, tamén os sarmentos teñen que cumprir a súa función, sendo berce de acollida onde colgarán as uvas, afrontando a dureza do clima que vai pasando namentres crece o froito. Así tamén nós. Non reneguemos, non deamos as costas nin uns aos outr@s nin á forza da esperanza que a Vide nos dá. E ademais sen esquecer que unha e outra precisámonos, porque por moi boa que sexa a Vide se non hai sarmentos nunca poderemos recoller o froito. E se non hai froito, para que precisamos os sarmentos? Acheguémonos logo a esta palabra para que non pase, unha vez máis, por diante de nós sen que lle prestemos atención.
Se Vide e samentos imos cumprindo co cometido encomendado comezarán a aparecer os froitos, de xeito que a vendima sexa a mellor. E iso chegará non sen dificultades e esforzos. Precisa coidados, dedicación, implicación persoal, e... tempo. Por moito que vivamos no mundo da présa, é o tempo o que fai que chegue o froito, despois de ter cavado, podado, atado e sulfatado a viña. É dicir: despois de ter traballado nela. Así ha ser tamén a nosa vida: sen esforzo, sen compromiso, sen implicarnos en proxectos que están postos nas persoas, e non nos intereses individuais, non poderemos facer boa vendima. Non deixemos logo que a rutina, o aburrimento ou as costumes fagan secar a Videira da mensaxe de Xesús!

COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Coa invitación de dar os mellores froitos, compartamos a nosa oración comunitaria dicindo:
QUE O NOSO FROITO SEXAN AS BOAS OBRAS
Para que como Igrexa sexamos sacramento de Salvación que fai da xustiza e da igualdade, experiencia de graza e camiño de salvación, OREMOS:
QUE O NOSO FROITO SEXAN AS BOAS OBRAS
Para que como crentes fagamos da nosa vida camiño de coidado e sarmento de cercanía, para non deixar que as persoas sequen no esquecemento, a soidade ou a invisibilidade, OREMOS:
QUE O NOSO FROITO SEXAN AS BOAS OBRAS
Para que superemos a tentación da desconfianza aprendendo a escoitar, esforzándonos por acompañar e non deixando nunca de axudar, OREMOS:
QUE O NOSO FROITO SEXAN AS BOAS OBRAS
Grazas, Señor, por acollernos na tenrura de quen recolle o froito do traballo ben feito. PXNS. Amén

PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

No estamos sos Señor,
non é posible seguirte por libre.
A túa chamada é para vivir con gozo a ledicia do Evanxeo.
A túa oferta é vivir con forza a fe en comunidade.
Ser crente en Ti, non é xogar ao protagonismo,
ser crente en Ti, é facer da vida un servizo gratuíto.
Ti chámasme a romper a miña cáscara, e derrubar o meu muro,
para buscar o lugar onde vivir a miña fe,
a miña parroquia, a miña familia o meu grupo, a miña comunidade.
É aí onde hei de formarme como discípulo teu.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...