Ir al contenido principal

4 Pascua 2021 B

ACOLLER, ESCOITAR, ACOMPAÑAR NA FRAXILIDADE. RETOS PARA O PASTOREAR EVANXÉLICO 

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)

  • LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)

  • OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

  • COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)


ABRINDO O CORAZÓN

Hoxe é o día do Bo Pastor. Nestas dúas palabras condénsase toda a forza da celebración deste cuarto domingo de Pascua. 

É verdade que só hai un Pastor: Xesús, pero por analoxía referímonos tamén a todas as persoas que alentan, acompañan, animan e van facendo presente, ao abeiro das celebracións, a presenza de Cristo no medio de nós. 

Como ocorreu naquel outro tempo cos apóstolos, tamén hoxe El se fai presente cada vez que nos recoñecemos como membros da comunidade. Fagamos entón da celebración desta mañá memoria agradecida da pegada de Xesús alentando a nosa vida e a das comunidades coas que celebramos, compartimos e vivimos as ledicias e dificultades.

UN CORAZÓN MAGOADO

  • Para que non separemos o que rezamos do que vivimos. SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO.

  • Para que non deixemos que o desánimo desacougue a nosa vida. CRISTO, QUE TE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO.

  • Para que non deixemos que a rutina e o inmobilismo aniñen en nós. SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS AO NOSO LADO.



QUE ESCOITA A PALABRA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS


Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles: 

  • Xefes do pobo e anciáns, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. El é a pedra que refugastes vós, os constructores, e que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado ós homes, no que nos poidamos salvar.


PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN XOÁN


Benqueridos irmáns e irmás: 

Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é.


PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN


Di Xesús: 

  • Eu son o Bo Pastor. O Bo Pastor dá a súa vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, de quen non son as ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe e o lobo rapínaas e dispérsaas; porque el anda ó xornal e as ovellas non lle importan. Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min e eu coñezo o Pai, e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor. Por iso ámame o Pai: porque eu dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do meu Pai.

PALABRA DO SEÑOR


NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 


A celebración deste 4º domingo de Pascua, día do Bo Pastor, é unha chamada a todas as persoas que conformamos as comunidades a non caer na tentación de deixar que estas se organicen e desenvolvan de xeito piramidal. Unha pirámide na que é o cura o que toma decisións, decide, ten as ideas... e o resto do Pobo de Deus limítase a dicir: “todos teus”. Porén, esta non é a invitación ao pastoreo á que nos chama Xesús. El, o único e verdadeiro Pastor, chámanos a seguir as súas pegadas, colaborando e participando na organización, toma de decisións e desenvolvemento das comunidades das que formamos parte; poñendo en práctica aquilo que ao longo da súa vida pública foron os alicerces sobre os que asentou a súa mensaxe:

  • Acoller.

  • Escoitar.

  • Acompañar

Porque acollida, escoita e acompañamento son as actitudes nas que Xesús foi facendo visible a súa mensaxe; foron as actitudes nas que urxiu aos que o acompañaban a continualas, e foron as actitudes nas que nós continuamos para ser testemuñas e facer crible non só que somos os seus seguidores, senón tamén que paga a pena seguir séndoo neste momento no que parece que o relixioso, o que ten relación coa fe, nin está de moda nin cotiza entre as prioridades dunha grande maioría de persoas deste primeiro mundo no que nós vivimos.

Ser crente hoxe non pode limitarse a un comportamento social que imita e lembra o que fixeron os noso maiores. Ser crente hoxe esixe, nas persoas que queremos selo libre e voluntariamente, unha actitude de compromiso, participación e implicación na vida da comunidade. Si, non somos moitos, pero non importa o número, e si o convencemento polo que somos e estamos na Igrexa; e a seriedade coa que poñemos todo o que faga posible que as persoas, todas, e a súa dignidade sexan recoñecidas, valoradas e respectadas. E isto témolo que facer nas nosas comunidades e fóra delas. Desde aí entendemos que a festa do Bo Pastor non é unha cousas do cura e só para o cura, senón que é a celebración pascual que nos lembra que camiñamos sinodalmente –xunt@s-, e que cada persoa, na súa responsabilidade, está chamada a testemuñar a fe recibida no bautismo e vivida entre os homes e mulleres do noso tempo. Sen complexos nin prexuízos.

COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Dispoñámonos a compartir a nosa oración comunitaria, e fagámolo dicindo: 

QUE SAIBAMOS COIDARNOS COMUNITARIAMENTE

  • Para que todas e todos nos sintamos Igrexa, e esteamos en disposición permanente de propoñer, participar, compartir e construír proxectos que nos acheguen mellor ao Evanxeo OREMOS:

QUE SAIBAMOS COIDARNOS COMUNITARIAMENTE

  • Para que aprendamos a poñer mirada, corazón e dispoñibilidade no vivir cotián da cantas persoas conformamos as comunidades parroquiais, OREMOS:

QUE SAIBAMOS COIDARNOS COMUNITARIAMENTE

  • Para que nos sintamos crentes na Igrexa con pleno dereito a opinar, decidir e traballar para facela máis solidaria coas causas que buscan a xustiza no mundo, OREMOS:

QUE SAIBAMOS COIDARNOS COMUNITARIAMENTE

Acompaña, Señor, a oración comunitaria que compartimos desde a esperanza da resurrección. PXNS. Amén


 

PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

Que non se me acostume o corazón, Señor,

a ver persoas en situación inxusta.

Que non me acostume a un mundo como o que temos montado,

no que unhas persoas temos de todo e a outras fáltalles todo.

Que non se me acostume o corazón, Señor,

á mirada triste e perdida, ao cheiro denigrante do alcol,

ás poucas ganas de vivir e a calquera deterioro da fraternidade,

que son os berros dese as beiras da vida.

Que non se me acostume o corazón, a ver coma normal

a situación de quen chega de novas,

que cruza o mar para atopar traballo,

ou a quen quedou sen familia, sen traballo ou sen fogar.

Que no se me acostume o corazón, Señor, á dor da persoa irmá

que eu saiba oír con claridade a túa voz

que me berra dorida desde ela 

Pepe Morales


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...