Ir al contenido principal

12 domingo TO B 2021

 Desde o amor de Deus que nos preme, a fraternidade supera as diferenzas

Canto gozoso

Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar (2)

Lecturas.- Escoita ao Señor (15)

Ofertorio.- Cantádelle ao Señor (33)

Comuñón.- Señor Xesús (52)

Ollos abertos

            Proponnos hoxe a primeira lectura unha cuestión que está no centro da actualidade: os límites. Como ben sabemos, cando se utiliza esta palabra sempre a pensamos, maioritariamente, desde o que impide avanzar, desenvolverse, crear ou imaxinar. Porén, podemos facer outra lectura: os límites son tamén os que nos lembran que os nosos pés han pisar sempre na terra, que non o podemos nin o sabemos todo ou que a técnica é a solución para calquera cuestión. Desde aí entendemos que, se non queremos caer no irrealismo, os límites ofrécennos a posibilidade de ir camiñando sen caer na tentación de facer de frustración e da sensación de fracaso o eixe da nosa vida.

            Neste domingo no que nos xuntamos, non deixemos de reflexionar sobre as nosas posibilidades, pero tamén de ata onde estas poden chegar, de xeito que non volvamos a nosa vida unha insatisfacción permanente.

Corazón misericordioso

·      Para que non caiamos no irrealismo de pensar que sempre somos imprescindibles; SEÑOR, QUE NON XOGUEMOS A SER DEUSES.

·      Para que saibamos recoñecer que non o sabemos, dominamos e controlamos todo; CRISTO, QUE NON XOGUEMOS A SER DEUSES.

·      Para que aprendamos a recoñecer que a riqueza da vida está en superar a tentación de crernos superiores; SEÑOR, QUE NON XOGUEMOS A SER DEUSES.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOB

 

Entón respondeulle Iavé desde o trebón:

¿Quen pechou os portóns do mar

ó xurdir debruzándose do seo materno,

cando lle impuxen coma embozo as brétemas

e o envolvín en néboas coma panos?

Daquela marqueille os límites

e asegureille os ferrollos e as portas,

e díxenlle: Ata aquí has chegar e non pasar.

Aquí han remata-las túas altas ondasPalabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Á caída da noite, dilles Xesús ós seus discípulos:

‑Ora, vamos para a banda de alá.

Eles, deixando a xente, levárono no bote onde estaba sentado; e ían seguidos por outras barcas. E formouse tal turbillón de vento que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar, berrándolle:

‑Mestre, ¿seica non che importa que afoguemos?

Entón el, espertando, increpou ó vento, e díxolle ó mar: ‑¡Silencio, e acouga!

O vento amainou, e veu unha gran calma.

Despois díxolles:

‑¿Por que tendes tanto medo? ¿Seica aínda non tendes fe?

Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si:

‑Pero, ¿quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen? Palabra do Señor 

Palabra remoída

·       Escoitamos na primeira lectura que Deus estaba no trebón. Isto ábrenos a unha reflexión: a vida non é un simple deixar pasar os días, senón tarefa permanente por descubrir, construír, desenvolver... novas iniciativas que a ilusionen, que a fagan crecer, que a manteñan en permanente estado de ilusión creativa. Porque sen esta podemos caer na tristura desacougante de quen se deixa ir, de quen se vai convertendo en previsibilidade irrelevante. Evitar caer nesta tristura pasiva é un verdadeiro reto para nós, homes e mulleres que nos confesamos crentes neste mundo guiado pola sensación de que a técnica o pode todo, e os límites non existen. E aquí está o gran erro –a gran mentira– no que tantas veces caemos! Porque si que é verdade que temos que ser persoas creativas, pero non deberiamos esquecer que esa creatividade está marcada sempre polas nosas capacidades e pola nosa temporalidade. Temos que ter presente que nin tódalas persoas sabemos facer as mesmas cousas –non somos robots- nin somos eternas, por moito que a algunhas lles gustara selo. 

 

·       E desde o amor de Deus que sempre nos preme, este baño de realismo é o que fai que poidamos ir madurando no equilibrio, sen crernos nin inmortais nin superiores, mellores ou inmortais. A humanidade, ser humanos e nun mundo falible, é o que nos define como persoas, á vez que nos pon por diante tempo e camiño para mostrar o mellor de nós desde o amor aos demais e ao mundo. É este o mellor agasallo –se é que a Deus o puideramos agasallar- que ao proxecto de Deus de que sexamos construtores do mundo, lle podemos facer. Que sexa este amor, o de dar o mellor de nós, o que apreme o noso actuar cotián! 

 

·       Volve aparecer a forza do vento no relato do evanxeo. Un turbillón que, ben o acabamos de experimentar nalgunhas partes do país esta semana coas tronadas, nos volve persoas inseguras, fráxiles, incapaces de dominalo e controlalo todo. No medio de toda esta tensión Xesús aporta acougo, paz, escoita, diálogo e, fundamentalmente, presenza. Non fuxe, non os deixa sos, todo o contrario: está, pero non de xeito pasivo, senón para tenderlles a man e invitalos a facer daquela situación unha experiencia de reflexión, con realismo, sen fantasías, sobre a pouca cimentación das nosas “seguridades”. De novo unha invitación a non esquecer que, por moitas posibilidades e capacidades que teñamos, os límites camiñan sempre con nós. Non o podemos todo. Que esta palabra nos faga tomar conciencia de que non é o desacougo nin a pasividade o que nos fai avanzar na vida, pero tampouco a fantasía do irrealismo de pensar que nada se nos resiste e que somos ”súperheroes“ tecnolóxicos.

Oración da comunidade

Deus chámanos agora a compartir a oración comunitaria. Fagámolo dicindo: Que o amor aprema a nosa vida.

·      Para que sexamos unha Igrexa que, consciente dos seus límites, saiba ser humilde, servidora e dialogante. Oremos. Que o amor aprema a nosa vida.

·      Para que nas nosas parroquias sexa o amor e non o individualismo o que marque as relacións entre as persoas. Oremos. Que o amor aprema a nosa vida.

·      Para que nós saibamos que somos persoas limitadas, con capacidade de equivocarnos e de non acertar moitas veces. Oremos. Que o amor aprema a nosa vida.

Grazas. Señor, por axudarnos a descubrir que non é no poder, e si na sinxeleza, onde nos chamas a vivir a fraternidade. P.X.N.S. Amén.

Reflexión activa

Xesús, raíz de unidade e tronco da fraternidade, que sintamos cada mañá o pulo do teu Espírito, que nos alente a derrubar os muros de separación levantados polo egoísmo que nos enfronta e a vaidade e nos ensoberbece. Afasta das nosas comunidades as envexas que fan medrar as divisións e os personalismos que nos impiden traballar en comuñón. Líbranos dos medos paralizantes, sosega os arroutos e énchenos de serenidade. Para que sexamos no mundo presenza agarimosa e profética da túa mensaxe e da túa persoa. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...