Ir al contenido principal

Corpus 2021

 A FESTA DO CORPUS: PERSOAS CHAMADAS A FACER TODO O QUE DIXO O SEÑOR

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Benaventurados (Nº 118)

  • LECTURAS: Salve, Santo Sacramento (Nº 117)

  • OFERTORIO: Pan do ceo (Nº 54)

  • COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

ABRINDO O CORAZÓN

Por segundo ano consecutivo, celebramos a festa do Corpo e do Sangue do Señor como humanidade inmersa nunha pandemia que nos fixo aterrar para decatarnos de que somos fráxiles, de que precisamos unhas persoas doutras. 

Pero no medio desta crise mundial, non esquecemos as palabras que a semana pasada Xesús nos dirixía no seu evanxeo: “Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. O Corpus que hoxe celebramos é sacramento desa presenza de Cristo, que se fai Pan para saciar as nosas fames, Pan para ser alimento no camiño da vida, Pan para sandar as nosas feridas, Pan para repartir e compartir. 

Deixémonos agarimar polo Señor que hoxe, coma sempre, sae ao noso encontro para facerse compañeiro na viaxe. 

UN CORAZÓN MAGOADO

  • Polas moitas veces nas que escollemos ferir en lugar de sandar; SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Polas moitas veces nas que nos resistimos a verte e recoñecerte na xente que precisa da nosa man; CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Polas moitas veces nas que non somos quen de poñer en práctica o mandado do amor; SEÑOR, QUE NON PASMEMOS MIRANDO CARA AO CEO.

QUE ESCOITA A PALABRA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

Moisés expúxolle ao pobo as palabras do Señor e as súas decisións, e o pobo a unha respondeu: 

- Faremos todo o que dixo o Señor.

Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.

Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estrelas, polas doce tribos de Israel. 

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS


No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle os seus discípulos:

  • Onde queres que vaiamos preparar a Cea Pascual?

El mandou a dous discípulos, dicíndolles:

  • Ide á cidade, e havos saír ó paso un home, cunha sella de auga. Ide tras el e onde entre, dicídelle ó dono da casa: "O Mestre pregunta: ¿onde está o lugar no que podo comer a Pascua cos meus discípulos?" El havos mostrar no sobrado unha grande sala, xa disposta e arranxada. Vós preparade o que faga falta.

Marcharon os discípulos e, chegando á cidade, atoparon todo tal como llelo el dixera. E prepararon a Pascua.

Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:

  • Tomade, isto é o meu corpo.

E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela, e todos beberon dela. E díxolles:

  • Isto é o meu sangue, da Alianza, vertido por todos. Asegúrovos que xa non volverei beber do produto da viña ata o día que o beba, noviño, no Reino de Deus.

Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras

PALABRA DO SEÑOR

NA BUSCA DA SÚA QUENTURA 

  • Escoitabamos na primeira lectura, tomada do libro do Éxodo, como o pobo xudeu escolle libremente seguir ao Señor: “Faremos todo o que dixo o Señor”, responde o pobo a unha soa voz. E o que dicía o Señor, daquela e tamén hoxe, é que temos que querernos, que temos que termar unhas persoas das outras, que temos que tendernos a man e axudarnos, porque “cada vez que o fixestes con un destes meus irmáns máis pequenos, comigo o fixestes”. Na tardiña baixa da vida han examinarnos de amor, cantamos moitas veces; pero como nos custa a parte práctica deste exame. Somos mestras e mestres na teoría; pero a práctica resúltanos tremendamente complicado levala á nosa vida de cada día: somos individualistas, insolidarios, cústanos comprometernos no traballo polo ben común... Porén, ese é o camiño que Xesús nos dixo que tiñamos que andar, un camiño que só poderemos realizar en comunidade.

  • E porque o Señor sabe que somos débiles e fráxiles, déixanos o seu Corpo como alimento. A institución da Eucaristía que proclamabamos no evanxeo é memorial da promesa do Señor de estar sempre ao noso lado para ser o caxato no que apoiarnos e o pan co que alimentarnos. Por iso estamos aquí, nesta mañá, celebrando a festa do Corpo e do Sangue do Señor, para agradecer que se teña quedado con nós para sempre.

  • Por iso non podemos caer na simpleza de pensar que non hai Corpus porque non hai procesión, porque non se fan alfombras, porque non hai festa, porque... non podemos poñer escusas baratas. Si hai Corpus, porque o Señor sae cada día ao noso encontro en cada persoa coa que nos imos relacionando, especialmente nas máis débiles e vulnerables. Limpemos dos nosos ollos as lagañas que nos impiden recoñecelo.


COA FORZA DA ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus sempre nos escoita, ocúpase e preocúpase por nós, por iso lle presentamos a nosa oración comunitaria dicindo: 

GRAZAS SEÑOR POR DARNOS O PAN DA VIDA

  • Pola Igrexa, para que sempre poñamos en práctica o partir e compartir os nosos pans, OREMOS.

GRAZAS SEÑOR POR DARNOS O PAN DA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que construamos relacións baseadas na fraternidade, o respecto e a xenerosidade, OREMOS

GRAZAS SEÑOR POR DARNOS O PAN DA VIDA

  • Para que a nosa Cáritas interparroquial e todas as Cáritas brillen nas noites de crise con lumieiras de esperanza e promoción, OREMOS.

GRAZAS SEÑOR POR DARNOS O PAN DA VIDA

  • Para que comer o Pan de Vida, manteña viva a nosa sensibilidade e a nosa solidariedade diante de todo sufrimento, soidade, inxustiza e violencia, OREMOS.

GRAZAS SEÑOR POR DARNOS O PAN DA VIDA

Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.



PARA CAMIÑAR CON ESPERANZA

O próximo non é algo que xa existe.

Próximo é algo que a persoa se fai.

Próximo non é quen xa ten con nós relacións de sangue, de raza, de afinidade, de negocios...

Próximo facémonos nós cando diante dun ser humano, mesmo estranxeiro ou inimigo, decidimos dar un paso que nos achegue, que nos aproxime a esa persoa. 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...