Ir al contenido principal

19 domingo TO B 2021

 DEUS SÓ PODER SER SUSTENTO

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA:   Andarei na presenza (Nº 11)
  • LECTURAS:  Déixate querer (Nº 61)
  • OFERTORIO: Recibe, Señor Nº 31)
  • COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)

 

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

O deserto na biblia é sempre unha experiencia de busca, de invitación á reflexión, de esforzo para non deixarnos vencer polo de sempre, sen apostar por novos retos e proxectos. Na primeira lectura escoitaremos como Elías vai ao deserto e alí vive a experiencia da soidade, o abandono, o fracaso... pero cando parece que todo é negro e sen perspectiva, a súa vida volve coller sentido: atopou o alimento que o volvía alentar. Que tamén nós, cando vexamos que todo se nos vén abaixo, non deixemos de sentir e experimentar a presenza de Deus na nosa vida.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

·      Porque nos deixamos ir e vencer polo desacougo. SEÑOR, NON DEIXES DE ALIMENTAR O NOSO CORAZÓN.

·      Porque moitas veces fáltanos claridade para poder pensar e descubrir cara onde debemos orientar a vida. CRISTO, NON DEIXES DE ALIMENTAR O NOSO CORAZÓN.

·      Para que o desengano sexa experiencia non de fracaso e si de realismo que evita que nos enganemos a nós mesmos. SEÑOR, NON DEIXES DE ALIMENTAR O NOSO CORAZÓN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS

 

Elías seguiu polo deserto, un día de camiño. Alí foi sentar debaixo dunha xesta, e pediu a morte, dicindo: ‑"Xa chega, Señor. Quítame a vida, pois non vallo eu máis cós meus pais".

Deitouse á sombra da xesta e durmiuse. Un anxo tocouno e díxolle: ‑"Érguete e come". Mirou Elías e viu á súa cabeceira unha bica cocida no rescaldo e un xerro de auga. Comeu e bebeu daquilo e volveuse deitar.

Tornou de segundas o anxo do Señor e tocouno, dicíndolle: ‑"Érguete e come, que che queda moito camiño". Ergueuse Elías, comeu e bebeu e, coa forza daquel sustento, andou corenta días coas súas noites, ata o monte de Deus, o Horeb.  

 

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN

Os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera "Eu son o pan que baixou do ceo", e dicían:

‑¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecémo-lo pai e maila nai? ¿Como di, logo "Eu baixei do ceo"?

Xesús respondeulles:

‑Non esteades aí a murmurar. Nin-guén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: todos serán ensinados por Deus: todo aquel que escoita ó Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise ó Pai; o único que viu ó Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre, ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.. Palabra do Señor. Gloria a Ti, Señor Xesús.

 

PALABRA REMOÍDA

·       Elías descúbrenos que os seres humanos somos fráxiles, que nos equivocamos, que moitas veces as nosas decisións son pouco meditadas. Pero cando todo parece que xa non ten horizonte e que se nos vén abaixo sempre aparece unha raiola de esperanza que nos pon no camiño de volver comezar, de non abandonarnos no sen sentido, de pensar que xa non hai saída. Esta experiencia de  non saber e non ser capaces de ver máis alá é a que nos está a levar a vivir ao día, no límite, na busca de sensacións fortes, porque... nada nos enche e tentamos  facer cousas pensando que o activismo evitará as preguntas. Pero non nos equivoquemos, debemos afrontar a realidade da nosa vida, porque só sabendo o que queremos, seremos capaces de poñernos en camiño cara a súa consecución. O exemplo de Elías móstranos que sempre hai unha saída.

 

·       E esta busca esíxenos que superemos a caída no fácil, non previsible no que fan tod@s, pois de non facelo así, acabaremos sendo persoas cheas de carraxe e desacougo interior. Persoas para as que o malo, sempre está da banda de alá,; nunca é froito da nosa incompetencia, da nosa precipitación ou da nosa  incapacidade para recoñecer que nos equivocamos. E isto para un crente non é poñerse no camiño ao que nos invita Xesús, ao contrario. Deixar que a carraxe, a soberbia, a rutina ou calquera outra situación nos supere non é máis que indicio de que non estamos indo polo camiño ao que nos invita a proposta de Xesús.

 

·       E esta proposta, é verdade, fálanos da prioridade para cos últim@s, os descartad@s, os sen voz... pero iso só é posible se nos somos capaces de recoñecer que, se queremos ser voz que defenda a dignidade dos demais, temos que ter esa mesma voz para tomar conciencia da nosa propia dignidade, da nosa valía, da nosa capacidade; do coidado que tamén nós merecemos ... porque se non coidamos e termamos de nós, non poderemos nunca ser defensores da dignidade e respecto que nos merecen as outras persoas. Busquemos a forza para este coidado, noso e dos demais, no pan da Eucaristía, ese pan que non esmorece e sempre é alimento de ilusións, proxectos e esperanzas que nos fan felices a nós, e abren ao que poidamos facer para que outras persoas participen desa felicidade.

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Recemos comunitariamente ao Deus que alimenta os nosos pasos de cada día e digamos: 

QUE FAGAMOS DO NOSO CORAZÓN FORNO ONDE COCER O TEU PAN.

·      Pola Igrexa, para que sexa pan que sabe ilusionar defendendo a dignidade e os dereitos das persoas que a conforman, Oremos.

QUE FAGAMOS DO NOSO CORAZÓN FORNO ONDE COCER O TEU PAN.

·      Polas nosas parroquias, para que canto compartimos e celebramos nos templos saibamos poñelo en práctica levando alegría e dignidade aos veciños e veciñas coas que compartimos ledicias e tristuras. Oremos.

QUE FAGAMOS DO NOSO CORAZÓN FORNO ONDE COCER O TEU PAN.

·      Por nós, para que nos deixemos alimentar polo pan que non esmorece endexamais, e nos fai tomar conciencia de que somos importantes, non imprescindibles, para que outras persoas sexan felices e nos axuden a nós a selo tamén. Oremos.

QUE FAGAMOS DO NOSO CORAZÓN FORNO ONDE COCER O TEU PAN.

Grazas, Señor, por volver convocarnos ao redor da túa mesa de acollida e fraternidade. Que nunca nos afastemos dela. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Diferentes idiomas, mesmos sentimentos

facéndonos comuñón, xente de todo o mundo.

Non esquezamos que estamos no camiño da Solidariedade.

Non hai fronteiras que nos separen.

Somos dignidade compartida na fraternidade de homes e mulleres.

Necesitámonos, arrisquemos e non deixemos de camiñar.

Por iso non queda outra que: Solidariedade, sobran as palabras.

Fáltannos feitos: deixemos de falar, poñámonos a camiñar!.

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...