Ir al contenido principal

22 domingo TO B 2021

QUE A FIDELIDADE ÁS TRADICIÓNS NON MATE A FRESCURA DO CORAZÓN

CANTO GOZOSO

·      Entrada.- Con ledicia vimos (3)

·      Lecturas.- Canta Aleluia (21).

·      Ofertorio.- Recibe Señor (31 ).

·      Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas (50).

OLLOS ABERTOS

Todas e todos nós estamos demasiado habituados a cumprir ritos e tradicións, pero xa son unha minoría as persoas que buscan reflexionar e tentar entender o porqué deses ritos e desas tradicións. Isto dá lugar a poñer o piloto automático e tirar para adiante, sen buscar comprender se hoxe teñen ou non razón de seren. O resultado, en non poucas ocasións, acaba creando tensións, liortas e mesmo enfrontamentos fortes nas comunidades cristiás.
Porén, Xesús, propón outro camiño. Non o camiño do rito baleiro, senón o camiño da decisión persoal, da verdade, da honestidade, de facer as cousas pensándoas, sentíndoas e buscando a través delas humanizar e humanizarnos.
Que esta mañá collamos folgos suficientes para facer este camiño.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Porque nos deixamos guiar máis pola rutina que pola túa palabra. SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DA FE COSTUME.

·      Porque nos importan máis as tradicións que as persoas. CRISTO, QUE NON FAGAMOS DA FE COSTUME.

·      Porque esquecemos o importante e valoramos o superficial. SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DA FE COSTUME.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO

Benqueridos irmáns e irmás:
Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Reuníronse con Xesús un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans, seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas preguntáronlle:
‑¿Por que os teus discípulos non se portan conforme a tradición dos devanceiros, senón que comen con mans impuras?
El contestoulles:
‑¡Que ben profetizou Isaías de vós, hipócritas, como está escrito:
Este pobo hónrame cos labios,
pero o seu corazón está lonxe de min.
Danme un culto inútil,
porque a doutrina que ensinan
non son máis que costumes humanos.
Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións dos homes.
E convocando á xente, dicíalles:
‑Escoitádeme todos e procurade entender. Nada do que hai fóra do home pode manchalo ó entrar nel; pero o que sae do home, iso si que o mancha. Porque de dentro, do corazón do home, xorden os malos pensamentos, as fornicacións, os roubos, os asasinatos, os adulterios, as cobizas, as maldades, os fraudes, os desenfreos, as envexas, as blasfemias, a soberbia, os desatinos. Todos eses males saen de dentro e manchan o home. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

· Propón Santiago na primeira lectura unha cuestión que hoxe en día ten moita actualidade neste noso mundo líquido e superficial: a importancia das conviccións fronte ao comportamento aparente. E ten actualidade porque hoxe hai persoas que se declaran non crentes e son membros de confrarías de Semana Santa ou dalgún santo. Actúan así porque socialmente pode estar ben visto ou da relevancia social. Nestas situacións o que menos importan son as conviccións de fe; o que interesa é que as vexan, que destaquen, que se fale delas. Algo así debía pasar tamén nos primeiros anos nas comunidades cristiás, por iso Santiago tenta clarificar as cousas e evitar calquera intento de desvirtuamento da mensaxe de Xesús. De aí a insistencia do apóstolo en non limitarse a escoitar a palabra; el chama a dar un paso máis: vivila, poñela en práctica, convertela en actuacións e comportamentos. E o que lles dicía aos cristiáns do século primeiro, vale tamén para nós hoxe.
· Se o noso estar na sociedade e acoller o don da fe nós o facemos desde a dialéctica escoitar – coñecer – vivir, estaríamos respondendo de maneira activa e coherente á afirmación de que somos persoas crentes. Pero non crentes en calquera cousa, senón crentes en Xesús de Nazaret e na súa mensaxe. E para que poida ser así, tamén temos que esforzarnos e superar a tentación de facer da fe rito, costume ou acto social, porque a fe é unha opción de vida que responde a ese don que Deus puxo nos noso corazóns. Isto obríganos a poñer sempre os pés no chan, a mirada nas persoas e o corazón na lóxica da solidariedade e non da rendibilidade. Dicíanolo Francisco este mércores cando chamaba a evitar a opulencia, o luxo ou apego ás cousas materiais. Porque se queremos construír un mundo mellor, só será posible se cambiamos as actitudes, e no canto do posuír somos capaces de vivir no compartir. A causa de Xesús non é de poder senón de servizo austero; un servizo que fai do exemplo a mellor das iconas.
· Finalmente Xesús busca clarificar a aquelas persoas que o escoitaban, e dous mil anos despois, tamén a nós cando di que o que de verdade entebrece, deshumaniza, insensibiliza e nos fai caer no materialismo vital é o que sae de dentro de nós, o que é froito da interioridade que imos construíndo co noso xeito de facer as cousas, ve-los problemas ou buscar solucións a estes. Como ben di o refrán que tantas veces temos dito ou escoitado: “da abundancia do corazón fala a boca”. A través desta só trasladamos o que vai asentando dentro de nós. Que non nos deixemos envilecer polo que pretendidamente enche, e que non acaba máis que non baleiro desacougante de quen non ten nin razóns para a solidariedade nin para a lóxica do compartir.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

O Deus que nos chama a sementar a mellor das sementes, para recoller froito abondoso invítanos a dicir comunitariamente: Que non caiamos na tentación de ter só cousas
1. Para que a Igrexa sexa fiel ás palabras de Xesús e non a ritos baleiros e rutineiros . Oremos. Que non caiamos na tentación de ter só cousas
2. Para que nas nosas comunidades non caiamos na tentación de facer as cousas porque sempre foron así, senón que busquemos razóns que mostren que se fan porque responden á lóxica do servizo e da gratuidade. Oremos. Que non caiamos na tentación de ter só cousas
3. Por nós, para que coidemos a espiritualidade social, que nos abre a estar no mundo con actitudes de busca do ben común e do que é xusto. Oremos. Que non caiamos na tentación de ter só cousas
Grazas, Señor, por este momento de oración comunitaria que fai posible que nos unamos con distintas voces, pero nun mesmo corazón. Por Cristo o noso Señor. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

“O modelo comunitario da Igrexa primitiva non ten valor ideolóxico, non é un proxecto, partido ou forza política ao lado doutros proxectos, senón un metro de base que xulga como provisional e insuficiente calquera proxecto económico ou político. Esta é a súa misión: declarar como insuficientes os proxectos humanos. Como sinala o Papa Bieito XVI na en CV, Deus quérenos asociar tamén a esa realidade de comuñón: ‘para que sexan un, como nós somos un’ (Xn 17,22). A Igrexa é sinal e instrumento desta unidade e «a Igrexa non ten solucións técnicas que ofrecer e non pretende mínimamente entrometerse na política dos estados» (CV 9). “

               

Ángel Galindo García,La lógica del don en el horizonte de la sociedad civil )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...