Enviad@s para acompañar, escoitar e acoller, non para espantar
Recendos de sons agradecidos
ü Entrada.- Con ledicia vimos
ü Lecturas.- Benaventurados
ü Ofertorio.- Gracias, Señor, na mañá
ü Comuñón.- Eu soñei
OLLOS ABERTOS
Volve falar Xesús de envío no evanxeo de hoxe. Vén sendo unha insistencia en moitas das ocasións nas que está cos discípulos e lle fala á xente. Como ben sabemos, cando se insiste na mesma idea moitas veces quérese poñer de manifesto que non acabamos de entender, acoller ou prestar atención ao que se nos di, e isto parece que era o que lle pasaba aos discípulos.
Algo semellante nos pasa, ou pode pasarnos, a nós, os crentes hoxe. Cando o papa insiste unha e outra vez que temos que saber escoitar, que non debemos dar as costas a quen imos atopando no camiño e precisa dunha man, ou cando di que os curas non poden ser nin lobos rapiñeiros nin nostálxicos dun tempo que pasou, pode ser sinal de que nin prestamos atención nin estamos dispost@s a prestala.
Fagamos entón todas e todos, tamén bispos, curas, o esforzo por non deixar en palabras teóricas e baleiras a invitación de Xesús a pasar abrindo ben os ollos para acoller desde o corazón aquecido e a irmandade convencida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Señor, cantas veces temos pasado de largo ante quen nos miraba pedíndonos acollida e atención. SEÑOR, QUE A NOSA MIRADA SEXA DE FRATERNIDADE.
· Señor, cantas veces temos pechado os ollos á invitación de ser persoas pacíficas e colaboradoras. CRISTO, QUE A NOSA MIRADA SEXA DE FRATERNIDADE.
· Señor, cantas veces pechado os oídos á chamada da persoas maltratada, abusada ou burlada. SEÑOR, QUE A NOSA MIRADA SEXA DE FRATERNIDADE.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Alegrádevos con Xerusalén,
e brincade de ledicia por ela,
tódolos que a amades.
Exultade con xúbilo con ela
tódolos que vos enloitastes por causa dela,
porque mamaredes
e fartarédesvos do peito das súas consolacións,
porque zugaredes e gozaredes do seo da súa riqueza.
Porque así fala o Señor:
"Ollade que eu estendo ata ela a fartura coma un río,
si, coma un río desbordado a riqueza das nacións.
Vós mamaredes, no colo seredes levados,
sobre os xeonllos seredes aloumiñados.
Coma un neno, a quen súa nai consola,
así vos consolarei eu.
Si, en Xerusalén seredes consolados.
Entón veredes que se alegra o voso corazón
e que os vosos ósos florecen coma un campo".
A man do Señor daráselles a coñecer ós seus servos. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS GÁLATAS
Irmáns e irmás:
A min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz de Cristo, na que o mundo está crucificado para min como eu para o mundo. Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar. O que importa é a nova creación.
A paz e maila misericordia virán sobre tódolos que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus. De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús . Irmáns, que a gracia do noso señor Xesús Cristo vaia convosco. Amén. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
‑A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ó dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
3Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". 6E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ó seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus". Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou ós pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis levadeiro para Sodoma do que para aquela vila.
Entón voltaron os setenta e dous moi contentos dicindo: ‑Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
El replicou: ‑Eu vía a Satanás caendo do ceo coma un raio. 19Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. 20Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo. Palabra do Señor.
PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN
· Unha das cousas que máis se bota en falta na actitude das persoas cristiáns, todas e todos nós, é a alegría. Vivimos como se estiveramos permanentemente en estado de ameaza, medo ou desesperanza. Falamos de Deus como se fose alguén ( cando non algo) afastado e ao que lle hai que ter medo e non confianza; participamos nas celebracións con pouca ilusión e con unha seriedade que no canto de estar nun encontro ledo, comunitario e festivo, estiveramos nunha situación tráxica e dolorosa; e, na máis das veces, respondemos de maneira rutinaria, como se o que dicimos e celebramos non fora con nós. Poren, a palabra e Deus segue a falarnos, mellor, a insistir constantemente, na alegría, na vida, na necesidade de poñer corazón e calor na celebración que nos reúne cada domingo ao redor da mesa do pan compartido. Presenza viva de Xesús no medio de nós.
· Paulo escríbelle aos cristiáns de Galacia e dilles que as actitudes de quen quere vivir o proxecto de Xesús non poden ser as de sacar peito e estar constantemente dicindo o boas persoas que son e o moito ben que fan. Todo o contrario, insiste na importancia da sinxeleza, a colaboración, a preocupación, sentida e verdadeira, polas persoas , e moi especialmente por aquelas máis precisadas de atención e acompañamento. Vólvelles dicir que a cuestión non está en facer distincións nin impoñer costumes propias do tempo ou dunha cultura, a todos. Porque a fe celebrada, se non queremos que sexa puro ritualismo baleiro, ten que partir da vida, do concreto, do que aleda e entristece, do que preocupa e do que ilusiona. Non é un piloto automático herdado que se pon en marcha para que todas e todos fagamos os mesmos xestos, utilicemos as mesmas palabras e pensemos que tódalas vidas e situacións polas que as persoas pasamos son as mesmas. A Deus atopámolo na pluralidade de vivencias, situacións e experiencias que as persoas experimentamos e sentimos. Non é Deus quen impón, somos nós no intento de controlar e gobernar aos demais.
· Xesús expresa moi ben esta idea no evanxeo: estar, integrarse e acoller para ser acollidas e acollidos. Non chama a marcar distancia, a poñer clasismo na nosa relación entre unhas persoas e outras; non fai distincións nin medra a custa de facer resaltar as diferencias: vós e nós. Todo o contrario o envío e faino con unha misión: que sexa o voso testemuño o que vos dea credibilidade. Tamén para nós: que sexa o noso testemuño o que nos da credibilidade. E a partires de aí, colaboremos, participemos, alegrémonos, compartamos, acompañemos, escoitemos... tanto cando todo vai ben, como cando as feridas, a fraxilidade ou a tristura cheguen. Saibamos estar á altura do mestre!
ORACIÓN COMPARTIDA
Sendo Deus esperanza e vida, fagámoslle o agasallo da nosa oración comunitaria desde a vida que compartimos dicindo:
QUE SAIBAMOS ACOLLER COMO ACOLLES TI.
· Señor, que poñamos esforzo por ser unha Igrexa sinxela, misericordiosa, tolerante e que sabe estar ao lado das persoas máis fráxiles. Oremos.
· Señor, que traballemos nas nosas comunidades para non ter nunca medo a levar á celebración canto nos vai pasando na vida: as nosas alegrías, os fracasos, os desencontros, as reconciliacións e tamén as nosas fraxilidades e feridas. Oremos.
· Señor, que nos esforcemos por falar de maneira que se nos entenda, por saber estar a lado da quen o está a pasar mal sen mostrar superioridade, por saber calar cando nos falan poñendo o corazón en escoitar. Oremos.
Nas túas mans poñemos este momento de oración comunitaria, coa convicción de que a escoitas, alentas e acompañas. P.X.N.S. Amén.
OÍDOS ATENTOS
No momento que estamos a vivir preocúpanos moito a imaxe pública do papel que desempeña a Igrexa na vida social. Esta imaxe ven reflectida nos medios de comunicación, pero tamén na opinión dos diversos sectores da sociedade sobre o que pensamos e facemos os cristiáns e especialmente sobre a forma en que a Igrexa orienta a súa intervención no conxunto das relacións sociais. Non queremos aparecer como unha Igrexa gardiá da corrección moral e de ritos herdados de antepasados e afastados do actual imaxinario cultural. Os valores do Evanxeo non teñen por que aparecer vestidos por roupas rancias e resesas que non se corresponden coa súa orixe nin cos nosos tempos. Fronte a esas formas ancoradas no pasado, gustaríanos “primerear”, en expresión do Papa Francisco. Dito coas súas palabras: “adiantarse, tomar a iniciativa sen medo, saír ao encontro, buscar aos que están lonxe e chegar ás encrucilladas dos camiños para invitar aos excluídos” (EG 24), recoñecendo que de nada serven “os discursos e praxes sociais ou pastorais sen unha espiritualidade que transforme o corazón” (EG 262).
(http://www.redescristianas.net/?s=igrexa )
Comentarios